Indefensión global

A multiplicación dos focos de inestabilidade por todo o planeta semella unha evidencia mais do fracaso da estratexia antiterrorista global, se é que existe. En consecuencia, a sensación de indefensión é claramente perceptible. Ninguén sabe onde vai ter lugar a próxima barbarie nin quen serán os seus actores. Hai quen se apunta xa á tese da terceira guerra mundial, se ben a situación presente non ten parangón con ningunha outra situación similar coñecida arestora pola sociedade internacional. Non hai estado, non hai territorio, non hai nin armamento visible. Hai un inimigo, ou milleiros de inimigos, unidos nun combate desigual fronte a ese Occidente que sostén, en nome da democracia, a réximes corruptos e dictatoriais, nada respectuosos cos dereitos da muller nin os dereitos humanos, pero fieis aliados do poder económico e financeiro internacional. É o conflicto de Oriente Medio elevado á enésima potencia. E nós, somos os xudeus.

Dos atentados do 11M e desgracias subseguintes aos episodios de violencia que ás poucas semanas se producían en Iraq, envolvendo ás tropas españolas, lembremos en misión humanitaria, na dura represión contra cidadáns poida que aguilloados polos extremistas islámicos pero tamén desesperados ante unha ocupación que degrada a súa existencia, a indefensión semella ser o nexo de unión de todas as víctimas. Dun e doutro bando, dun e doutro terror, todos seres humanos desfeitos pola sen razón dunha política consistente na ausencia de política e que toda o condiciona e supedita ó arbitrio dunha seguridade que, noutro polo, outros individuos, se aprestan a fender da forma mais estrondosa e desafiante.

Lembraba recentemente o Nobel Günter Grass que a principal fonte do terrorismo é a inxustiza. Das investigacións derivadas dos 11M se concluíu que moitos dos participantes nos atentados tiñan a súa orixe nos arrabaldes mais miserables de Marrocos e Tunicia. É nese ambiente onde medra a desesperación e o descontento que a pouco que se estimule se converte en vinganza fronte a aquel ou aqueles que se obstinan en perpetuar esta situación. Sempre resulta mais doado habilitar créditos extraordinarios para investir en seguridade ou mercar armamento sofisticado que modificar unha regra comercial inxusta ou multiplicar os recursos para desenvolver unha política de cooperación internacional que reduza a lacra da pobreza ou premer nos "amigos" para que democraticen os seus réximes, repriman a corrupción antes que a cidadanía e impulsen políticas de redistribución da riqueza.

Todos somos víctimas do terror e do contraterror e todos deberiamos esixir novas políticas, mais integrais e imaxinativas (un míster antiterrorismo, non, por favor) que poñan o acento na diplomacia preventiva, que evite que calquera queira impoñer pola brava a súa verdade (chámese Mahoma ou Democracia), respectar os tempos históricos e os modos de vida, habilitando espacios para o diálogo civilizatorio e intercultural, sen perder de vista onde estabamos todos hai simplemente cincuenta anos. Ninguén, e moito menos Occidente, dispón de patente ningunha que o salve de responsabilidade.

O outro, a guerra de conquista e ocupación, estamos a ver a onde leva: guerra aberta, interminable en Afganistán ou en Chechenia, desasosego universal, cun desgaste crecente e unha irreparable perda en vidas humanas. Un mundo de temer que non leva a ningures.