Lukasenko: ¿será tan malo como din?

 Alexandre Lukasenko
Lukasenko sae máis reforzado desta parodia electoral e con el tamén esa idea (¿tan eslava?) de que para garantir un mínimo benestar cómpre unha sabia combinación de man dura (autoritarismo) e amor á patria (nacionalismo antioccidental).
 

A dobre victoria de Alexandre Lukasenko nas lexislativas e no referendo deste último domingo en Belarús estaba anunciada, non polos prognósticos de sesudos centros demoscópicos, que non facían falla, senón pola inercia asfixiante dos seus modos políticos, mestura de populismo, de autoritarismo e de nacionalismo. Basta un dato: Belarús debe ser o único país que regula o voto anticipado en urna. Dende o martes podían votar todos aqueles que intuíran non poder facelo en domingo, quedando as urnas en mans das comisións electorais, integradas por funcionarios polo xeral submisos ao poder. Naturalmente, Lukasenko invitaba ao voto anticipado, anticipando tamén unha victoria absoluta na primeira volta e mesmo vaticinando un 33% de presencia feminina no Parlamento. ¿Un pitoniso?

O obxecto do referendo consistía nunha emenda constitucional que lle permitirá aspirar a un terceiro mandato. Lukasenko asumiu a Presidencia en 1994 e a Constitución non admite mais de unha reelección. Durante a campaña, a asociación entre a identificación co país e o voto afirmativo viuse animada polo aumento de salarios dos funcionarios (80% da poboación activa) e das pensións ou dunha intensificación da habitual censura, nos medios públicos, de toda posible crítica ao Presidente por parte dos candidatos da oposición. Os partidos opositores (comunistas pro URSS e forzas pro occidentais) son tan febles como o conxunto da sociedade civil, moi golpeada por unha política de fustigamento constante.

Bo coñecedor da nostalxia soviética que está presente aínda en moitos cidadáns, Lukasenko optou por conservar boa parte da cosmética do vello sistema, pero non ao servicio dunha causa política senón persoal. A defensa a ultranza da dignidade do Presidente, que pode ser motivo do peche dun xornal ou da prohibición dunha candidatura, coexiste co predominio da empresa estatal, que representa un 80% da economía do país e un modelo corporativo de Estado, no que soamente as organizacións leais ao poder son oficialmente recoñecidas como representativas das súas categorías sociais respectivas e implicadas no proceso de toma de decisións. O ano pasado, nas empresas públicas e privadas de mais de 300 traballadores, ordenou a creación dun posto de encargado do traballo ideolóxico, que será a base dunha estructura piramidal de grupos de información e de propaganda a todos os niveis. A ofensiva se compensa, por outra banda, coa firma dun acordo privilexiado coa Igrexa ortodoxa que lle garante a conformidade doutro flanco substancial para garantir a practica unanimidade no discurso político.

O desemprego está en niveis baixos, a economía crece e con taxas tirando a altas, os salarios son modestos pero van subindo de ano en ano, a débeda exterior redúcese e o déficit orzamentario permanece baixo control. A súa balanza comercial é negativa, pero soubo conservar o mercado da CEI, especialmente o ruso, con quen realiza mais do 50% do seu comercio exterior, diversificado con mercados coma o británico, o alemán, o polonés ou o letón.

Na política exterior, Lukasenko combina unha orientación prorrusa que non acaba de callar (unión política, espacio económico común, adopción do rublo como moeda compartida, etc.), envolta en tensións, especialmente pola subministración de gas que Rusia viña efectuando a prezos do mercado interior co propósito de seducir ás autoridades bielorrusas para establecer unha asociación que evitaría a Moscova depender de Minsk para controlar o tránsito do gas que envía a Europa occidental, seguida de diatribas anti-occidentais que explican o seu ostracismo continental e internacional, agravado pola sinatura de contratos militares con Estados paria como Irán ou Siria.

Lukasenko sae máis reforzado desta parodia electoral e con el tamén esa idea (¿tan eslava?) de que para garantir un mínimo benestar cómpre unha sabia combinación de man dura (autoritarismo) e amor á patria (nacionalismo antioccidental).