Mentireiros compulsivos

Seica tamén a mentira é preventiva. Donald Rumsfeld, secretario de estado de Defensa de EEUU, declaraba hai uns días para asombro de poucos, supoño, que "non está demostrado que non as teña", referíndose ás armas de destrucción masiva que serviron de argumento para desencadear a guerra contra Iraq.

No discurso do estado da Unión de hai un mes, Bush chegou a afirmar que o coñecido por informe Kay identificaba ducias de actividades ligadas a un programa de armas de destrucción masiva e unha cantidade importante de equipos que Iraq ocultaba aos inspectores de Nacións Unidas. ¿Máis detalles ou mínimas concrecións? Imposible. David Kay, responsable do Irak Survey Group (ISP), misión norteamericana para descubrir o arsenal de Saddam, dimitía ao terceiro día do discurso en que Bush se servía das súas palabras para celebrar ese momento feliz de todos os que aman a liberdade e a paz. E Kay proseguía co seu testemuño ante unha comisión do Senado: "Penso que esas armas non existían e o pouco que puidera haber soamente podía ser rudimentario e sen proxección significativa algunha".

Un ano antes, nas mesmas datas e no mesmo acto institucional que agora seguimos aquí como unha provincia mais do Imperio, Bush denunciaba a posesión por parte de Iraq de milleiros de toneladas de ántrax e outras substancias tóxicas; que se andaban á procura de uranio en África; que Saddam andaba en tratos cos parias de medio mundo para comprar tubos de aluminio moi resistentes para utilizalos na producción de armas nucleares. Rumsfeld chegou a asegurar que as armas estaban na rexión de Tikrit e de Bagdad. Powell presentaba en Nacións Unidas os planos e as fotografías dos satélites onde se situaban as pezas do puzzle terrorífico ¿de Saddam?

Un informe de 107 páxinas da Carnegie Endowment for International Peace publicado o mes pasado, acusaba abertamente á administración Bush de representar de maneira totalmente tendenciosa a ameaza constituída polas armas de destrucción masiva e os programas de misís balísticos iraquís.

Non había armas de destrucción masiva en Iraq. O ex secretario do Tesouro, Paul O’Neill, lembraba hai pouco que só se trataba de xustificar unha invasión que estaba decidida dende febreiro de 2001. Pero non hai dimisións, non hai autocrítica, non hai propósito de emenda, non hai Tribunal Penal Internacional … Hai unha comisión de investigación designada para averiguar se o problema estivo na deficiente ou mala calidade da información utilizada ou nunha manipulación desa mesma información para xustificar a guerra e gañar a complicidade da opinión pública. Esta comisión "libre", aínda que integrada por persoas designadas polo propio Presidente Bush nun alarde inaudito de independencia e respecto á moralidade pública, ten a pequena restricción "ben se sabe que a liberdade absoluta pode derivar en libertinaxe- de que non poderá dar a coñecer os resultados do seu traballo ata despois de novembro, unha vez celebradas as eleccións e se supón que para non influír na evolución da campaña, porque hai que preservar, naturalmente, aos electores, dunha posible manipulación do seu resultado por parte do electorado e candidatos demócratas, esa oposición de plástico coa que seica un debe conformarse no mundo libre por excelencia na Terra.