Nicaragua

A recente visita a Galicia de Gladys Cáceres, dirixente sandinista en tempos e hoxe empeñada no sostemento da sociedade civil nicaraguana, propiciou a apertura dun franco diálogo sobre o pasado e presente dun dos movementos revolucionarios de maior impacto internacional dos últimos trinta anos. ¿Conclusión? O sandinismo de hoxe, fragmentado, contradictorio, envorcado nunha política en exceso debedora da componenda, basea a súa estratexia para recuperar o poder en procesos que o afastan do seu cerne: os movementos sociais de base que seguen comprometidos coa revolución do día a día e sostendo os valores esenciais que lle propiciaron in inmenso respaldo popular.

Probablemente o sandinismo acerta, ao menos parcialmente, cando procura alianzas estructuradoras de todo canto no ambiente político nicaraguano ten un mínimo aquel de antiliberal. O liberalismo é a valla imposible de superar. Elección tras elección e a pesar dos interminables escándalos de corrupción que sacoden aos seus mais altos dirixentes, escándalos de tal magnitude que producen arrepío ata en Washington, como sinalou Gladys Cáceres, os liberais seguen a exercelo mando dende os tempos da Violeta Chamorro. Non obstante, tamén producen arrepíos algunhas alianzas estrañas do sandinismo e mesmo a terca insistencia de Ortega en reiterar a súa candidatura á presidencia da República pechando as portas aos intentos de renovación, persoal e da vida político-partidaria, ás veces con manobras dignas do mellor maquiavelismo e deixando sen clarexar aspectos escuros demais do seu comportamento privado que, certos ou instigados, esixirían unha clarificación absoluta. Hai que saber retirarse.

Con todo, o mais preocupante da situación política en Nicaragua, deixando de lado o debate sobre quen vai gañar ou perder as eleccións do próximo novembro, é esa escisión tan apreciable entre os numerosos movementos sociais de signo progresista, comprometidos na supervivencia cidadá en circunstancias particularmente complexas, noutrora moitos deles vinculados ao sandinismo, que hoxe están afastados, sen representación, permanecendo escépticos ante un acontecer político que non abre esperanzas de cambio substancial aínda no suposto de producírense alternancias no poder.

Quen está a amortiguar a desesperación social producida como consecuencia do deterioro dos servicios públicos básicos (educación, saúde, infraestructuras elementais) é esa rede da esperanza que xestionan centos de pequenas organizacións con moitos líderes xurdidos da propia base e que miran de reollo as operacións de intriga política. A pacificación do país seguida dunha enorme confusión abriu unha fenda que se agranda co paso do tempo. Importantes sectores do sandinismo aspiran a recuperar o poder, electoralmente pero da forma que sexa, mentres que outros regresaron á base social para facerse presentes aí, investindo, coa axuda internacional, nese benestar que tanto ensombrece a in-acción gobernamental e fai xurdir novas e mais conscientes solidariedades.

De costas ou sen a participación de toda esa rede de movementos sociais calquera hipótese de cambio corre o risco de converterse en sinónimo de aparencia. Vencer o seu desencanto é o maior reto que afrontan as propostas transformadoras que circundan o eido político parlamentario. Esta é, cinguida de pragmatismo e de conciencia, a alianza verdadeira que pode axudar a mudalas cousas. Velaí o autentico sandinismo do século XXI.