Sorpresa nas presidenciais eslovacas: victoria de Gasparovic

A un par de semanas do ingreso de Eslovaquia na Unión Europea, o resultado das eleccións presidenciais, á espera da confirmación do vaticinado triunfo de Vladimir Meciar, rexistrou na segunda volta un resultado inesperado: Ivan Gasparovic, profesor de dereito, figura política controvertida, cualificado por uns como de centro dereita e por outros, igual de respectables, como de centro esquerda, derrotou ao seu antigo aliado político e ex primeiro ministro. Nesa altura, Gasparovic exercía como presidente do Parlamento eslovaco (1994-1998).

Con dez puntos de diferencia na primeira volta, Meciar parecía seguro da súa victoria. Non obstante, a derrota do presidente saínte, Rudolf Schuster, e a do candidato gobernamental, Eduard Kukan, ministro de asuntos exteriores -a quen superou por só dúas décimas que lle permitiron pasar á segunda rolda-, propiciaron un volco electoral facilitado polo chamamento abstencionista dalgúns partidos da coalición gobernante, de centro dereita, e polo apoio brindado polo partido Smer, moi critico co liberalismo do actual gabinete. A indefinición dos partidos liberal-cristianos, que eludiron facer de árbitros na contenda entre dous candidatos semellantes e que non eran os seus, facilitou a mobilización contra Meciar e propiciou unha elevada participación, catro puntos a penas por debaixo da primeira volta.

Gasparovic obtivo o 60 por cento dos votos despois de efectuar na súa campaña severas críticas ás reformas alentadas polo gabinete de Mikulas Dzurinda, actual primeiro ministro, con quen deberá convivir e a quen pode ocasionarlle serias dores de cabeza ao dispor de dereito de veto nalgunhas materias. O mandato de Gasparovic é de cinco anos que se prometen conflictivos ante a expectativa dun retorno das posicións nacionalistas e populistas que poden gañar en apoio popular. Ben é certo que as decisións clave foron adoptadas no pasado ano: o 10 de abril de 2003, o Parlamento aprobou o ingreso na OTAN, co único voto en contra dos 11 deputados comunistas; e o 17 de maio de 2003, coa participación do 52% do electorado, un 92,5% votaba a favor do ingreso na UE. Pero quedan aínda mil e unha reformas por introducir para "homologar" o país e situalo no rumbo comunitario. As próximas lexislativas están previstas para setembro de 2006 e as expectativas de partida do movemento Smer son moi favorables.

Eslovaquia, que algúns denominan o "tigre centroeuropeo" polas súas reformas de inspiración ultraliberal e o dinamismo de sectores como o automóbil (Volkswagen) ou o despegue do terciario que dan a impresión, non correcta de todo, de certa prosperidade, oculta considerables desequilibrios territoriais, en prexuízo das rexións orientais, moi afectadas polo desemprego e enormes bolsas de economía informal (18,3% do PIB segundo algúns analistas).