Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Venezuela: ¿distancias insalvables?
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 06/05/2004)
 
 

Existe unha enorme dose de irracionalidade na política venezolana. Cando Uslar Pietri escribiu aquelo de que “o Estado é rico e a poboación pobre” para resumir as inxustizas crónicas deste país, reflectía o epicentro das discordias que conducirían ao abismo actual. ¿Un abismo irreconciliable? A quen estamos fóra chéganos a idea de que Venezuela vive unha situación de crispación política permanente. Hai síntomas, evidentemente, de que iso é así. Os medios de comunicación, a quen un 65% dos dirixentes políticos da rexión entrevistados polo PNUD para analizar o apego aos valores democráticos en América Latina atribúen o exercicio do poder de feito, militan en boa medida nesa estratexia. Pero hai síntomas de severo distanciamento, non soamente das capas baixas e medias, senón mesmo das altas que usufructuaron de forma absoluta aquela riqueza do Estado durante décadas.

Hai en Chávez populismo e admiración por Cuba, pero iso non quer dicir que necesariamente a evolución política venezolana teña que derivar en autoritarismo ou en cubanización. Canto máis radicais, fáciles e infundadas sexan as críticas á súa política, máis doada será a súa radicalización. É máis que probable que non haxa referendo revogatorio e a oposición terá que agardar aos comicios de 2006. Manter ata entón a mesma estratexia con toda probabilidade reforzará a Chávez que, con moito en contra, conserva aínda un nivel de popularidade substancial (acaba de subir un 30% o salario mínimo) mentres que a oposición reduce o seu circulo de apoios conforme se afianza a sensación de fracaso das súas protestas e mobilizacións. ¿Porqué aguanta Chávez? Por que con éxitos e fallos situou o déficit social no corazón do debate público. ¿Pode alguén dubidar de que isto non sexa necesario en Venezuela?

As elites arredadas do poder por Chávez non asumiron aínda que hai un tempo que acabou para sempre e que iso pode ser positivo para a modernización do país e para o benestar das súas xentes. Chávez non é o dinosaurio que pretende recrear o castrismo en Venezuela. Este país non o soportaría. Pero experimenta coa diversidade dentro do modelo (xustiza social con liberdades públicas) brindando un marco o suficientemente amplo e xeneroso para que os sectores máis dinámicos e intelixentes da oposición poidan influír na súa orientación, aceptando esas premisas básicas: democratización e universalización do benestar social. Venezuela pode soportalo.

Non hai distancias insalvables en Venezuela, nin crispación que obrigue a imaxinar rupturas dos procesos políticos normais. Existe, si, a necesidade urxente de construír espacios de encontro que inauguren un novo tempo político. O shock da expulsión e perda do poder foi comprensiblemente duro e difícil de aceptar por quen o detentou durante décadas, pero é tempo de interiorizar a nova situación e comprometerse na superación dos déficits que veñen lastrando a modernización do país: as desigualdades crónicas e o descrédito institucional.

Dentro a cidadanía, esa eterna esquecida que hoxe retorna ao primeiro plano, e fóra, todos quen procuran unha normalización das tensións políticas que vive o país, debiamos facer todo o posible por abrir espacios de entendemento sobre bases mínimas compartidas para que o cambio se faga irreversible. Acabará por beneficiar incluso a quen hoxe lle semella absolutamente prexudicial.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/05/2004
Fernando Pol