londres flores tralo atentado

Carta de Londres

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Ataque terrorista a Londres, clic para aumentar
E, voltando para a casa, e pensando no futuro, vía raiolas de esperanza de que poida irse formando, sobre bases de afouteza e independencia tan fortes como as que vin hoxe, una poboación e unha opinión que non se deixe manipular nin polos medios nin tampouco polas bombas.
 

Por veces val a pena deixarse ir coa experiencia, fiar no que nos din os cinco sentidos e tamén ese sentido común que atopamos con alivio por baixo da faramalla ideolóxica e publicitaria que adoita arrodearnos. Hai moito que aprender dos momentos en que unha fenda da normalidade social cría unha nova situación.

O 7 de xullo saín da miña casa pola maña a levarlle unha saqueta de libros xa lidos a unha organización voluntaria de axuda ás persoas de idade. O local está na Edgware Road, rentes da estación do metro. Atopei pechada a miña estación. Se tivese saído uns minutos antes, quén sabe…

O resto do día non houbo transporte público en Londres. Andiven, andivemos todos, polo meu bairro, compramos nas tendas, moitas delas de persoas do Pakistán, algunhas do Irán, outras dos Emiratos. Coma sempre. Nos televisores cumpliuse o plan pensado desde moito antes para estes casos, do que forma parte que o portavoz que informa e, sobre todo, aconsella, non sexa do Goberno, nen político, senón o comisionado xefe de Scotland Yard (que é a Policía de Londres, xa que neste país no hai corpo xeral de Policía que dependa do Ministerio do Interior). Consellos de calma e información do que ía pasando. Despois xa algunhas imaxes. Pouco o ningún sangue.

Sorrío agora ao ler na prensa española (sobre todo na de direitas, polo de agora) que houbo un "cerrojazo" informativo. Todo o que tiña pasado sóubose. E me pergunto que dirían eses comentaristas, e tamén os da outra banda, si se tivese incurrido en tremendismo e histeria informativa. Dirían, seguramente, que era para xustificar futuras medidas represivas e recortes das libertades. A explotación do medo e das emocións máis bastas é moi útil para moitos nestas ocasións.

Así que voltemos ao inmediato. Os meus viciños que non poideran ir aos seus traballos aproveitaron para facer outras cousas, lidar con atrasos de correspondencia ou de labouras no xardín, ou dar un paseiño polo parque. De cando en cando, ouvir as notícias. Os de pior sorte foron os que tiñan algún familiar ou parente incomunicado noutra parte da cidade. O primeiro recurso foron os teléfonos móviles, pero nos primeiros momentos non funcionaban, ou por sobrecarga ou porque foron postos fóra de servicio porque poden ser instrumentos de operacións terroristas, e tamén porque se lles deu prioridade nos primeiros momentos aos servicios de urxencia.

Un pouco menos inmediato agora, pero que tamén forma parte das experiencias desa mañá. Falaba hai poucos días con amigos de que a reacción estoica dos londinenses no Blitz, nos bombardeos diarios da cidade, estaba enraigañada na homoxeneinade étnica dos londinenses de entón. Xa non cadraba tan ben esa teoría coa da reacción aos moitos atentados do IRA. E a sorpresa foi ver igual de flemáticos aos londinenses de todas cores que hoxe vivimos aquí.

E non só de todas as cores. Tamén de sentimentos políticos moi diferentes. E aí aledoume ver unha cousa que cadra moi ben coa idea básica do valor da diversidade e o receio da unidade mecánica (non da que vén da nosa común humanidade). O mundo non é todo igual. Hai sociedades que, como fogares de convivencia, son máis coherentes que outras. E iso está en camadas máis fondas que as da política superficial. Falei con enemigos xurados de Tony Blair que non pensaron inmediatamente en utilizar a catástrofe para desfacerse del. Xa tiveran ocasión nas elección recentes de darlle un bó varapau polas súas mentiras dirixidas a apoiar a guerra do Iraq. Semella que os terroristas non entenden isto, e se me pediran consello "que non creo" diríalles que non é por aí por onde van mudar o apoio básico da poboación ao goberno eleito, en situacións extremas. Ao contrario, danlle unha marxe de confianza e manobra ao goberno do día, que moitos preferirían que non tivese.

Isto non quer dicir que non vaia haber consecuencias políticas destes sucesos. Aínda que sexa saíndo desa miña mañá de experiencias, vou indicar que con certeza haberá moitas cuestións inquietantes para o Goberno e moitas enquisas delicadas. Por exemplo, o feito de que, ao coincidir estas datas coa cimeira do G-8 en Gleaneagles, concentráronse alí as forzas e os dispositivos de seguridade, e podería terse deixado algo, moito o pouco, "desprotexido" a Londres. Teríase criado así unha oportunidade ideal para os terroristas. Rebaixouse tamén o estado de alerta, talvez para non alarmar aos que tiñan que vir a Gleneagles. Fálase tamén de que a Embaixada de Israel tería advertido a Scotland Yard de que algo podía pasar ese día. Entre outras cousas porque estaba aquí o ministro da Fazenda e ex-primeiro ministro de Israel, Binyamin Netanyahu, que ese día ía participar nun foro de investimentos perto da estación de Liverpool Street, a primeira das atacadas. Sería grave que as autoridades pensasen que "mal sería", para non asustar aos persoeiros de Gleanagles.

Todo iso é politica, boa e xustificada política.

E, voltando para a casa, e pensando no futuro, vía raiolas de esperanza de que poida irse formando, sobre bases de afouteza e independencia tan fortes como as que vin hoxe, una poboación e unha opinión que non se deixe manipular nin polos medios nin tampouco polas bombas.