union europea0103980228

Por un non que todo o afirma, sobre a Constitución Europea

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
Unha cuestión clave no proceso globalizador, herdada do pasado foi a consideración da composición e configuración dos modernos estados nación, o cal fai referencia ao rol das diferentes entidades soberanas no universo da construcción de identidades. E se atendemos ao proceso de elaboración e de proposta obsérvase que este texto consolida unha Europa dos Estados e non dos pobos, volvendo a deixar sen solucionar unha dimensión de suma importancia no contexto actual. Porque os estados non son depositarios da soberanía nen o residuo último da vontade dos cidadáns senón que aluden ás institucións, estructuras, etc.
 

A negativa que todo o afirma. De cando vez está ben iso de trocar a perspectiva. Enfocar como as cubistas-picassianas rusas. Só de cando vez, claro. O sempre é en exceso determinista. De empregármolo, facelo só se gustamos dos buratos negros, claro. O tempo e o espacio como alienación das cidadás e dos cidadáns do s XXI?. Ao estilo de Foucalt. E quen sabe, diría a miña veciña. A escasos 10 días do primeiro referendo sobre o proxecto de Tratado polo que se vai rexer unha Constitución para Europa, podemos afirmar dende unha socioloxía crítica da historia, que estamos ante un novo intento de pechar, a berro de máis madeira, un salto sen retorno. Agora ben, o pacto, o consenso entre as elites provoca unha vez máis a redefinición do centro do sistema. E ante os axiomas que se pretenden neutrais hai un intento minoritario de visibilizar e de repensar o proceso.

Nunha análise sobre as consecuencias dos procesos políticos contemporáneos, é dicir, sobre a formulación das axendas e dos actores políticos, obsérvase como a cuestión europea non deixa indiferente nen aos líderes internacionais, nen aos mercados competencia. Obviamente. A aposta ou non por un modelo mobiliza aos media e demais estrategas da cultura de masas. Produce contradiccións e reabre vellas feridas. Dignifica as ideoloxías que xa algúns pensadores tiñan enterradas. Nesta ocasión Boris Vian non ten obxecto histórico na esquerda, por sorte. A recuperación do político, da política, dos espacios críticos e de participación, aínda que minoritarios, vertebran o verdadeiro debate sobre as motivacións, os intereses e as consecuencias do proxecto constitucional.

Compre aquí, deterse en tres claves: a primeira, que fai referencia ao xermolo do texto constitucional; en segundo lugar a que atinxe aos contidos e consecuencias dos mesmos; e finalmente, ao papel dos partidos políticos con representación en Bruxelas.

Sobre percepcións e realidades, a importancia dos plurais

Ante o salto cualitativo que supuxo a globalización como fenómeno nas súas múltiples dimensións, o Estado Nación como tal, viviu ou está a vivir profundas transformacións. E con el remóvense os fundamentos teórico " políticos vixentes ate hai ben pouco. Un cocktail entre a revolución francesa e a inspiración romántica que tivo a súa traducción no movemento nacionalista do s. XIX en toda Europa; as consecuencias da revolución de outubro en todo o mundo e unha nova interpretación das relacións entre os pobos que desembocaba nos procesos de independencia do s. XX.

E todo isto é preciso telo en mente para entender porque, cando e como se volve a pensar en Europa. Estamos ante un nova fase da construcción europea aberta á pluralidade, ao dinamismo e futuras incorporacións ou polo contrario é un proceso pechado e predefinido? No eido internacional atopámonos cun reaxuste nas canles decisorias e con superestructuras moitas veces complexas e percibidas como distantes para a meirande parte das poboacións aínda lonxe da cidadanía virtual que proclaman algúns teóricos. Percíbense tamén novas e enriquecedoras perspectivas pero na que a preponderancia da utilidade de fortes e consolidados mercados se albisca como un reto histórico neste xogo entre a expansión e a competición, tinxido de guerras preventivas por se acaso…

Centrándonos nos elementos que definen o proceso de redacción do texto constitucional atopámonos cun sobredimensionamento do control horizontal en mans do poder executivo. No intento de pechar o proceso de construcción europea e garantir deste xeito un consenso entre estados e forzas políticas, esquécese a rigorosidade no respecto aos eixes que definen un proceso de redacción e aprobación dun texto constitucional moderno, sexa ben de tradición alemana ben italiana, seguindo a clasificación de Kelsen, ao optarse polo club de expertos, sen antes disolver o Parlamento e convocar unha asemblea constituínte.

O deseño da Convención Europea defendida como garante da participación e dunha concepción dinámica e aberta do proceso, sen embargo, confirma as teses contrarias. Ao detérmonos, por exemplo, na análise da composición dos seus membros. Entre os 105 representantes dos Estados, da Comisión, do Parlamento, dos Xefes de Estado, dos membros do Consello Económico e Social, etc., só 19 foron mulleres, é dicir un 18 % de representación, o que salienta aínda a existencia dun teito de cristal para as mulleres nas sociedades europeas vulnerando os esforzos de Beijing, París, ou a propia Declaración do Milenio.

Asemade, é preciso lembrar que dos 25 estados membros só 11, entre eles o Estado Español, Portugal, Francia, Reino Unido, Irlanda, Dinamarca, Holanda, Bélxica, Polonia, Luxemburgo e a República Checa, contemplan a oportunidade de definir a súa posición nas urnas, e exercer cando menos o control vertical, clave nun sistema democrático, tanto como a separación de poderes: executivo, lexislativo e xudicial, que se nos atemos ao esquema definido para redactar e ratificar o Tratado de Constitución se vulnera en Roma.

Análise da proposta constitucional, cos óculos kantianos?

Neste contexto impúlsase un novo marco que regula as relacións en todos os niveis e que afecta a 480 millóns de habitantes. Porén, como salientei con anterioridade, estamos ante unha redefinición da soberanía e do exercicio da cidadanía.

É obvio, como así salienta o Eurobarómetro cun 80%, que os cidadáns e cidadás europeas opten e apoien a existencia dunha Constitución, unha norma que regule como eixo central todas as políticas, dereitos, etc. Sen embargo, as enquisas acerca dos contidos da mesma son malia as diferentes campañas e escasos debates, un experimento ao estilo Paulov: un 68% afirman coñecer ou ter lido o texto. Aínda así é esencial obter información sobre as motivacións do resto da poboación consultada que se traducen en considerábeis cifras de abstención, desinterese que reflicte o descoñecemento e apatía que produce o proceso de construcción europea. E esta indiferencia indica un laissez faire acomodado, un síntoma problemático.

Atendendo á proposta constitucional catro son os eixes que a vertebran: os principios fundacionais da Unión, as institucións da Unión, os procedementos decisorios e as políticas da Unión. Estructúrase en catro partes: I Parte, sobre Definición e Principios da Unión; a II Parte alude á Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión; as Políticas e Funcionamento da Unión recóllense na III Parte e sobre as Disposicións Xerais e Derradeiras na IV Parte.

O Tratado Constitucional alude a unha UE que asume a coordinación das políticas económicas e do emprego, a política exterior e de seguridade. De aí que primacía do dereito da Unión e a atribución de competencias sexa un esqueleto que precisa da maior das lexitimidades. Detereime en cinco argumentos a considerar.

Unha cuestión clave no proceso globalizador, herdada do pasado foi a consideración da composición e configuración dos modernos estados nación, o cal fai referencia ao rol das diferentes entidades soberanas no universo da construcción de identidades. E se atendemos ao proceso de elaboración e de proposta obsérvase que este texto consolida unha Europa dos Estados e non dos pobos, volvendo a deixar sen solucionar unha dimensión de suma importancia no contexto actual. Porque os estados non son depositarios da soberanía nen o residuo último da vontade dos cidadáns senón que aluden ás institucións, estructuras, etc. Polo contrario, neste proceso de expansión e contracción a desaparición dos micro universos de referencias mobilizase como ben salienta Castells.

En segundo lugar, compre mencionar unha novidade interesante: a iniciativa de convidar á comisión, a presentación dunha proposta, como se recolle no artigo I- 47, Título VI Vida Democrática da Unión. En relación ao argumento que se alega sobre un incremento da democracia participativa, cabe debater se unha consideración procedimentalista que non veña acompañada dunha aposta por condicións que favorezan o acceso ás canles decisorias non é moi realista e eficaz, xa que para que un millón de sinaturas sexan aprobadas, antes se teñen que dar unha serie de factores que permitan a creación dunha plataforma social con capacidade para difundir o seu proxecto entre a opinión pública, que moi dificilmente non vai estar posicionada coa preponderancia que aos lobbies (existen 700 recoñecidos nas actualidade) se lles vai dar co modelo proposto.

Outra dimensión de relevancia que propón o Tratado é a creación dunha política europea común en política exterior e seguridade que se desenvolve no Título V Acción Exterior da Unión. Sen dúbida unha das pezas decisivas da proposta, a PESC, lonxe de seren concibida como un elemento centrado na solidariedade e na procura de modelos pacíficos e multilaterais consolida as políticas pro- OTAN: o intervencionismo, as guerras preventivas e a creación dunha Axencia Europea de Defensa e o principio de solidariedade cuxa aplicación menciónase no artigo III-329, Capítulo VIII, Título V.

Fronte os que defenden unha perspectiva social na proposta, a incorporación ao entramado institucional do Banco Central Europeo como órgano independente como reflicte o artigo 1-30 do Capítulo II evidencia contradiccións de presupostos. Así se regula como obxectivo principal do BC manter a estabilidade dos prezos. Ao mesmo tempo o Tribunal de Contas ascende de rango, mantendo nun segundo nivel pola súa natureza meramente consultiva, ao Comité das Rexións e ao Consello Económico e Social, como se contempla no artigo I-32,Capítulo II, Titulo V, Parte I. Como resultado, o esquema triangular refórzase consolidando un modelo no que se aseguran as potestades do Consello Europeo, do Parlamento e o Consello de Ministros e onde se confirma o papel independente do Banco Central e do Tribunal de Contas. Como vemos, nesta opción de enxeñería institucional afortálase por conseguinte o piar económico.

Finalmente e dun xeito inconcibíbel pese ao consenso internacional e á riquísima producción material de normativas e aos encontros e convencións, a ausencia dun apartado específico ou da mención á transversalidade e ao mainstreaminsg de xénero en todo documento contradise co desenvolvemento doutros apartados. Cando a Constitución se presenta como a compilación de todos os tratados anteriores tamén cabía a posibilidade de desenvolver e recoller un compromiso explícito neste sentido. Se ben na Parte III onde se cita a política social no artigo III- 210 apartado i: cita "a igualdade entre mulleres e homes polo que respecta ás oportunidades no mercado laboral e no acceso ao traballo ao home e a muller e promoverá a igualdade" sendo a UE quen apoie e complemente a acción dos Estados neste sentido, a aparición dunha nova terminoloxía, eis os servicios de interese económico xeral, artigo II-96, Título IV Solidariedade aposta por un modelo diferente a dos servizos públicos. Novamente, o texto despreza a normativa internacional ao omitiren un compromiso explícito que aposte pola creación dunha estructura cando menos mínima que garanta a recuperación dos espacios públicos.

Actores políticos, un escenario bipolar

Nunha primeira aproximación ás declaracións públicas e programáticas dos principais partidos con representación no Parlamento Europeo albíscase un consenso entre as forzas liberais e a socialdemocracia europea como apuntan os seus principais líderes: Hans- Gert Poettering do PPE-DE, e Klaus Hausch do PSE. Dos oito grupos con representación no Parlamento Europeo é o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria e a Esquerda Verde Nórdica quen na súa páxina web ofrecen interesantes argumentacións para votar en contra: www.europarl.eu.int/gue/.

O abano partidario na Europa debuxa novamente e radicaliza os posicionamentos. A socialdemocracia europea acepta as normas e instrumentaliza a formación dos estados e da democracia fuxindo das contradiccións do clásico pai do Welfare State, C. Offe. Opta por un desinflado check and balance. Se D. Held apostaba no 1997 pola orde cosmopolita e o papel da democracia nesa nova orde global, de seguro que estaba pensando en exclusiva no papel dos estados, esquecéndose dos pobos e da conformación das minorías e das maiorías, e dos colectivos, principais esquecidos nesta proposta de Constitución.

Noutra banda, os liberais de Europa están encantados cun novo concepto: o capitalismo social. Que é máis do mesmo. Continuísmo coa doutrina menos social da estratexia de Lisboa, do Informe Kok, e da directiva Bolkstein. A competitividade que persigue a UNICE e o BC coa estabilidade do euro fican lonxe doutras pretensións que se formulan dun xeito laxo nunha Carta de Dereitos Fundamentais que se valeira de contido, se atendemos a nova reforma institucional mencionada no apartado anterior, na que tanto o Comité das Rexións (CDR) como o Comité Económico e Social (CESE) non alcanzan a maioría de idade a fican como órganos consultivos, fronte o Tribunal de Contas e o Banco Central Europeo que se consolidan como aparato forte da estructura europea.

Se hai dez anos se podía albiscar un certo desconcerto sobre a acción e dos discursos dos movementos alternativos e das plataformas clásicas, hoxendia exercen un novo rol na configuración e desmembramento de espacios reais diferenciados. Certamente, o proceso de globalización está a conformar, como salientaba, unha reubicación de postulados de moito interese para o futuro.

Conclusións

Unha Constitución Europea do s. XXI alude á definición de cidadás e cidadáns non dende presupostos abstractos ou metafísicos senón definidos dende a súa condición identitaria: en función a unha pertenza territorial, á comunidade de relación, ao xénero á relación entre pares. Neste proceso de construcción de mercados para o consumo, as novas áreas de poder responden ás dinámicas con propostas e modelos que posicionan a novos actores e novas responsabilidades. Os que de seguro saben das certezas do mañá. Quen son desta vez os sapoconchos?

Porque as pluralidades e as expresións van máis alá dunha sociolingüística chomskiana. Hai que, deber de, promover, desenvolver, reivindicar o que?.Entre o imperativo, as recomendacións, a creación idealista e os compromisos existe a posibilidade dun cambio. Do centripetismo e o transfuguismo das ideas. Como o xogo da chave. A ver que lle da antes no corazón. E todo o modelo que se propón, lonxe de afondar na procura dunha Europa máis xusta e solidaria entre os seus estados, nacións e cidadáns e cidadás, o Tratado que establece unha Constitución para Europa, confirma a predominancia dos piares neoliberais sobre os que se asenta e afasta os aspectos sociais e de recoñecemento das pluralidades culturais que tamén están dotadas de vontade política e esquece os novos roles das mulleres nas sociedades contemporáneas.

Eis unha construcción europea que dende hai máis de 50 anos pula entre equilibrismos dignos de Youcenar. Dun eu que pasa polo nos. E viceversa. E ese é o debate de fondo. Dende a validez das múltiples interpretacións da realidade, que é Europa? Quen somos Europa? Do singular aos plurais, do individuo aos colectivos. Penso logo nunha Europa non deseñada en exclusiva dende arriba. Por un non que todo o afirma.