20050930militares dobre valado ceuta

Rancho aparte


 Militares no valado fronteizo de Ceuta, clic para aumentar
Por sobrevivir, centos de subsaharianos rompen ao sur a exquisita placidez na que vivimos instalados os do norte. Fuxen da fame, pero hainos que tamén fuxen da persecución política e das guerras, nas que apenas repara a comunidade internacional. Son un estorbo que os soldados marroquinos quitan do medio a balazos, e do que o goberno español tenta desfacerse con máis alambrada e con escaso respeto á Convención de Xenebra e da OUA a prol dos refuxiados africanos. (Foto: Militares das Forzas Regulares despregados polo interior do dobre valado do perímetro fronteirizo de Ceuta, tras as últimas avalanchas de inmigrantes, o 30 de setembro de 2005).
 

Nas alambradas ensanguentadas de Ceuta e Melilla, esa arañeira humana, o mundo confesa dramaticamente o seu fracaso. Non cabe outro discurso cando, por sobrevivir, centos de subsaharianos rompen ao sur a exquisita placidez na que vivimos instalados os do norte. Fuxen da fame, pero hainos que tamén fuxen da persecución política e das guerras, nas que apenas repara a comunidade internacional. Son un estorbo que os soldados marroquinos quitan do medio a balazos, e do que o goberno español tenta desfacerse con máis alambrada e con escaso respeto á Convención de Xenebra e da OUA a prol dos refuxiados africanos.

O politólogo Giovanni Sartori di no seu último libro que a superpoboación dos países pobres estase convertendo no maior perigo ao que se enfronta o mundo. Dos nove mil millóns de persoas que o habiten no 2050, unicamente mil millóns vivirán en zonas desenvolvidas e ricas. Unha auténtica bomba, demográfica e social, que xa ten nos douscentos millóns de desprazados actuais ás súas primeiras víctimas. Entre eles están os subsaharianos que nos desafían ao sur.

Xa que logo, o fracaso é global. A razón primeira está en que para desactivar esa bomba, os países máis poderosos terían que parar a súa escalada de dominio. E non están por esas. Xa antes de que Bush o nomease director do Banco Mundial, que é canda o FMI e a organización internacional de Comercio o verdadeiro goberno do mundo, o ultraconservador e segundo alto mando do Pentágono Paul Wolfowitz xustificou sempre a guerra, e de maneira especialmente eficaz a que alentou contra Irak, para extender a democracia de libre mercado. Esa troica controla o proceso da globalización até as últimas consecuencias, e non fai excepción dos tres mil millóns de persoas que sobreviven con menos de dous euros diarios.

A historia parece haber quedado nas mans de capitáns anónimos. É polo que ante o drama de Ceuta e Melilla, ou de todo un continente no que se entrecruzan a pobreza e os golpes de Estado, a violencia étnica e a institucional, as fraudes electorais e o éxodo forzoso, a pandemia da sida que xa causou once millóns de nenos orfos e a malaria, posesiónase de nós o síndrome do “barco ao garete”. África é “rancho aparte” para os máis poderosos. Na reunión última de Edimburgo, con ela na axenda e con Blair de anfitrión, os do G-8 só pasaron a gorra. Xa teñen con que reforzar a arañeira, que é no que anda o goberno de ZP. Eles ao seu. Con Wolfowitz de guía. Mañá, seguro, volveremos ter o corazón partido.