2003 nenas afghanistan

Afastámonos do 2015

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Nenas afganas, clic para aumentar
A desigualdade é quizais a nota predominante do mundo no que vivimos: as 500 persoas máis ricas contan con máis ingresos que os 416 millóns máis pobres, por non citar a tremenda lousa que en moitas rexións aínda significa nacer muller e que está detrás da chamada feminización da pobreza. E as desigualdades non só atravesan as sociedades dos países empobrecidos senón que, como nos amosou descarnadamente o Katrina, forman parte consubstancial tamén daqueles que lideran os índices macroeconómicos. De Noruega a Níxer, polos opostos no camiño do desenvolvemento, collen, polo tanto, moitas realidades e desesperanzas que amosan un mundo que, en moitos casos, somete a vida á lei do mercado.
 

"No mundo interconectado no que vivimos, un futuro fundado na pobreza masiva en medio da abundancia é economicamente ineficaz, politicamente insostible e moralmente indefendible". Así de contundente maniféstase o Informe sobre o Desenvolvemento Humano do 2005, elaborado polo PNUD e presentado unha semana antes de que teña lugar o Cumio de NNUU en Nova York, do 14 ao 16 de setembro. A reforma da organización multilateral así como a avaliación dos avances cara a consecución dos Obxectivos do Milenio fixados no 2000 para o 2015, son os dous eixes que vertebran a axenda do novo Cumio.

Os datos do Informe son, un ano máis, desoladores: 2.500 millóns de persoas viven con menos de 2 dólares ao día, 30.000 nenas e nenos morren ao día por causas evitables… e, o peor, 18 países cun total de 460 millóns de habitantes (a maioría de África subsahariana e a extinguida URSS) que non só non melloraron o seu desenvolvemento humano, senón que o empeoraron respecto a principios da década dos noventa.

A desigualdade é quizais a nota predominante do mundo no que vivimos: as 500 persoas máis ricas contan con máis ingresos que os 416 millóns máis pobres, por non citar a tremenda lousa que en moitas rexións aínda significa nacer muller e que está detrás da chamada feminización da pobreza. E as desigualdades non só atravesan as sociedades dos países empobrecidos senón que, como nos amosou descarnadamente o Katrina, forman parte consubstancial tamén daqueles que lideran os índices macroeconómicos. De Noruega a Níxer, polos opostos no camiño do desenvolvemento, collen, polo tanto, moitas realidades e desesperanzas que amosan un mundo que, en moitos casos, somete a vida á lei do mercado.

A conclusión do Informe é que os avances a prol dos Obxectivos do Milenio non son os esperados e que de continuar ao mesmo ritmo será moi difícil chegar no 2015 ás metas convidas: redución radical da pobreza, educación estendida de xeito universal, igualdade entre xéneros, redución da mortalidade infantil… Un tirón de orellas a todos aqueles países que asinaron no seu día a Declaración do Milenio e que estiveron presentes no Cumio de Monterrei convocado para financiar o novo impulso ao desenvolvemento humano, para que amosen unha vontade de compromiso co desenvolvemento que vaia máis alá da pantalla das boas intencións. Tres son os campos nos que se sitúan os principais retos: a axuda internacional, o comercio e a seguridade.

A axuda ao desenvolvemento caracterizase, segundo o Informe, polo déficit crónico de financiamento e a súa mala calidade. En referencia ao primeiro aspecto, ponse de relevo que, en conxunto, os países ricos gastan actualmente o 0,25% do seu produto nacional bruto en axuda internacional, o que significa un descenso en relación a 1990 e un afastamento importante do desexado 0,7% para o 2015. O que se destina, pola súa banda, tampouco ten unha incidencia decisiva sobre o desenvolvemento das sociedades empobrecidas pola mala calidade dunha axuda que responde máis ás necesidades dos doantes que as dos receptores. As principais críticas do Informe recaen na falta de coordinación, na excesiva condicionalidade (relacionada con elementos macroeconómicos que responden a intereses distintos do desenvolvemento) e no perverso da axuda condicionada (créditos FAD españois, por exemplo); de aquí extráense, polo tanto, as principais recomendacións de reforma.

O comercio internacional é outro dos puntos fortes sobre os que se deben producir cambios segundo o PNUD, especialmente no ámbito fundamental da agricultura que actualmente se está negociando na Rolda de Doha da Organización Mundial da Agricultura. O Informe critica as normas desiguais que rexen o comercio internacional e que, en consecuencia, reproducen unhas desiguais relacións Norte-Sur. Neste senso, faise unha chamada á eliminación dos subsidios que os países ricos manteñen sobre a súa produción agrícola destinada á exportación e que destrúen co seu baixo prezo os mercados dos que dependen as agriculturas dos países pobres. A pobreza conta nas súas filas con dúas terceiras partes de poboación campesiña e, polo tanto, está directamente relacionada co devir do comercio internacional e as súas normas; é por isto que, desde o PNUD, apélase á OMC para que modifique as súas políticas e comprométase verdadeiramente co desenvolvemento humano no seu próximo cumio que terá lugar en Hong Kong en decembro deste ano.

A seguridade é a terceira columna sobre a que debe recaer a reflexión e a actuación da comunidade internacional para eliminar o obstáculo que supoñen os conflitos armados para o avance dos Obxectivos do Milenio. Pero á seguridade non se chega, segundo o Informe, a través da exclusiva vía militar senón da cooperación e o fomento do desenvolvemento humano, porque inseguridade e pobreza van da man. Por iso reclamase que se viren as cifras, e que os gobernos gasten dez veces máis en axuda ao desenvolvemento que en armas. Agora é ó revés.

En resumo, o 2015 precisa atoparse cun mundo ben diferente ao que se debuxa desde hoxe. O PNUD sabeo e os gobernos tamén, agora só falta o indispensable: a vontade política necesaria para torcer o rumbo.