20050727protesta israeli anti sharon02

Gaza: ¿principio ou fin?

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Protesta anti Sharon, clic para aumentar
O plan de Sharon, paradoxalmente, pon na súa contra aos seus apoios tradicionais: a ultradereita e aos colonos que o levaron ao poder no 2001 son aqueles que lle están xestando a "Revolución Laranxa" en contra da retirada de Gaza, os mesmos aos que animou á colonización nos anos 80; a contradición co seu pasado político é tan forte que leva a desconfiar das súas verdadeiras intencións.
 

A franxa de Gaza está a piques de servir de escenario para un novo momento clave na ateigada historia do conflito palestiniano-israelí. Dende 1967, trala chamada "Guerra dos Seis Días" na que o estado de Israel propiciou unha aplastante derrota aos seus veciños árabes, as franxas de Gaza e Cisxordania converteronse en territorios ocupados onde as poboacións palestinianas que non optaron pola diáspora refuxiaronse física e sicolóxicamente.

Neste reduto da identidade palestiniana, que supón un 22% da Palestina histórica (a anterior á creación do estado de Israel no 1948), ten lugar o estoupido da Iª Intifada en 1987 cunha ampla repercusión mediática na comunidade internacional. Esta rebelión ven a coincidir coa vontade da administración Clinton por amosar unha cara negociadora e amable no Oriente Medio, trala Iª Guerra do Golfo en 1991 e cunha Organización para a Liberación de Palestina (OLP) debilitada na escena política rexional e internacional polo seu apoio a Sadam Hussein.

Todo isto contribuíu ao arranque do proceso de paz de Oslo, que vai protagonizar toda a década dos 90. A OLP recoñece o dereito a existir do estado de Israel e, en contrapartida, comezase a falar da construción dun estado palestino nos territorios ocupados no 1967, xerme do cal sería a progresiva construción da Autoridade Nacional Palestina, á quen se lle iría transferindo pouco a pouco a xurisdición sobre os territorios palestinos.

Pero, coma sempre, nin as palabras nin os simples memorandos transforman a realidade e, despois de dez anos de desencontros, nos principais temas que farían que a paz deixase de ser un imposible: dereito ao retorno, poboación refuxiada, Xerusalén, soberanía real e continuidade territorial para o estado que había de recoller as ansias palestinianas… o certo é que a vontade negociadora pareceu máis unha quimera que unha certeza.

Arafat pasou de ser enxalzado como Nóbel da Paz a ser condenado como terrorista internacional, a ANP e as súas infraestruturas (levantadas polo fluxo financeiro internacional, sobre todo europeo) converteronse en obxectivos militares para o exército israelí e a implantación de colonias israelís en territorio palestiniano, lonxe de frearse para dar cabida ao novo estado, acelerouse para facelo inviable. Falar, porén, de proceso de paz é complicado, máis aínda co estalido da Intifada de Al Aqsa no 2000, na que os grupos opositores á ANP tomaron as rendas da frustración social.

A aparición de Sharon

Un Israel embravecido trala victoria da dereita política do Likud de Ariel Sharon, coñecido pola súa man dura contra o pobo palestiniano, e o respaldo incondicional da administración Bush, especialmente despois do 11-S, pon á ANP nunha difícil situación na que inicia un constante proceso de rebaixa de expectativas á vez que, en consecuencia, asiste a un forte crecemento da oposición interna.

Deste xeito, Abu Mazen accede a un novo marco negociador á baixa, a Folla de Ruta deseñada polo chamado Cuarteto (EEUU, UE, Federación Rusa, ONU), que subliña o fin dos ataques armados contra a poboación israelí como condición para empezara negociar.

Neste contexto, Ariel Sharon anuncia, en novembro do 2003, o Plan de Desconexión de Gaza, co aval de EEUU, preocupado agora por impulsar unha apariencia negociadora entre as partes do conflito de Oriente Medio máis enquistado e internacionalizado, ante o desgaste que lle está supoñendo a ocupación de Iraq. Unha visita á Casa Branca, xunto coa viaxe de Condolezza Rice á zona en conflito, servenlle ao primeiro ministro israelí para contrarrestar a falta de apoio interno tanto dentro do Likud como dentro do seu goberno de coalición, con sectores da ultradereita, aos que acaba renunciando a favor do partido Laborista, co que forma novo goberno.

O Plan de Desconexión de Gaza

O Plan de Desconexión supón a retirada das colonias israelís de Gaza e parte de Cisxordania en catro fases, das cales a primeira está a piques de cumprirs,e a partir do 15 de agosto, co desmantelamento de tres primeiras colonias (Morag, Kfar Darom e Netzarim). Foi decidido unilateralmente polo goberno israelí, sen previa negociación coa parte palestiniana á que non recoñece liderazgo representativo co que abrir negociacións; primeiro foi a defenestración política de Arafat, aplaudíndose a súa morte como necesaria para a paz, e agora comeza a de Abu Mazen, elixido pola sociedade palestina cunha ampla maioría nas eleccións de xaneiro deste ano. A violencia dos grupos armados palestinos que atentan contra Israel, unha vez máis, é a coartada.

A conflitiva franxa de Gaza presenta unha densidade de poboación das máis concentradas do mundo; é un pequeno territorio que conta con 8.000 colonos israelís vivindo en 21 asentamentos que ocupan o 40% da terra e con case 1.4 millóns de palestinianos que viven no 60% restante, nunha situación colapsada económica e socialmente tras décadas de ocupación e anos de Intifada.

As altas taxas de desemprego, sumado a uns niveis de pobreza que afectan a máis da metade da poboación, fan de Gaza un escenario altamente vulnerable. As condicións anunciadas polo Plan de Desconexión de Gaza de Sharon establecen que Israel quedaríase co control das súas fronteiras terrestres e marítimas, así como o espazo aéreo; tamén baixo a súa supervisión estarían os pasos fronteirizos, o porto e aeroporto, e o abastecemento de electricidade, auga, gas e petróleo.

Deste xeito, non só se dificulta a creación dun estado palestiniano realmente soberano sobre o seu territorio e poboación, senón que boicotease o desenvolvemento dunha sociedade en constante crise humanitaria, e correse o perigo de que Gaza convertase nun grande cárcere a ceo aberto controlado por Israel.

A "revolución" dos colonos

O plan de Sharon, paradoxalmente, pon na súa contra aos seus apoios tradicionais: a ultradereita e aos colonos que o levaron ao poder no 2001 son aqueles que lle están xestando a "Revolución Laranxa" en contra da retirada de Gaza, os mesmos aos que animou á colonización nos anos 80; a contradición co seu pasado político é tan forte que leva a desconfiar das súas verdadeiras intencións.

Voces palestinianas denuncian a constante construción de colonias na Xerusalen árabe e na Cisxordania roubada mediante a construción do muro de separación, un 50% do territorio admitido pola ONU no 1967. Ante a escusa da oposición interna (que xa conseguiu a adhesión de Benjamín Netanyahu, trala súa renuncia do goberno Sharon), e a de manter a súa seguridade, pode que Sharon plantese na primeira fase do seu programa e a empobrecida franxa de Gaza, nas condicións de control israelí xa descritas, sexa o único territorio co que conte un futuro estado palestiniano totalmente inviable.

Pola súa parte, a ANP atopase nunha complexa situación na que, por un lado tenta amoldarse a un plan no que non participou e do que desconfía aportando corpos armados para manter a seguridade, e por outro debe facer fronte á forte oposición interna de Hamas, que desafía a súa lexitimidade como representante do pobo palestiniano ao contar cun amplo apoio popular que levou á ANP a pospor as elecións previstas ante o medo á súa victoria. Enfrontamentos directos entre ambas entidades políticas dificultan máis se cabe o panorama, e hai xa quen non descarta o estalido dunha IIIª Intifada. Para a ANP, a retirada de Gaza supón a penas o principio do proceso de construción dun estado propio e soberano.

Gaza convertese así nunha peza clave para a evolución do conflito palestiniano-israelí; a comunidade internacional debe xogar un papel decisivo aplicando as ferramentas legais xa proclamadas na teoría (ilegalidade das colonias, do muro…) e facendo que os plans de paz faganse en base ás negociacións entre partes iguais e non na imposición da que goza do poder militar e do respaldo da superpotencia de turno.