20051218evo morales mostra folla coca

Coca ollando ao mar

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Evo Morales mostra folla coca, clic para aumentar
Evo Morales, a poucos días do peche de campaña ergueu o brazo, nunha rolda de prensa, cunha folla de coca entre os dedos, sinalándoa como a enxendradora do instrumento político transformador que hoxe representa. (Foto: Evo Morales mostra unha folla de coca nunha rolda de prensa tras emitir o seu voto en Villa 14 de Septiembre, Chapare, Bolivia, o 18 de decembro de 2005).
 

"Eu quero un mar, un mar azul para Bolivia", cantan cada día nas escolas deste país terra dentro, que ven de elixir presidente ao indíxena Evo Morales.

En determinados círculos resulta difícil entender que sexa votado abrumadoramente un presidente que proclama en pleno século XXI "Causachun coca, wanuchun ianquis", isto é, "Viva a coca, fora ianquis", ou que afirme categórico, "nós, non só somos antineoliberais, somos, tamén, antiimperialistas de sangue", ou que desexe "moitos Vietnams para América".

Morales, a poucos días do peche de campaña ergueu o brazo, nunha rolda de prensa, cunha folla de coca entre os dedos, sinalándoa como a enxendradora do instrumento político transformador que hoxe representa.

Con certeza, a coca foi quen o consagrou como líder, pero a explicación pola que un personaxe, con limitada formación, de extracción social humilde, de orixe indíxena, de recente proxección pública, sen partido con ampla experiencia política…, poida arrasar nas eleccións, ten orixes históricas, sociais, étnicas ou territoriais moito máis complexas e profundas.

A curta vida independente do país máis pobre de Sudamérica, está pragada de oportunidades históricas estragadas, de trens de progreso aos que lle impediron engancharse, que levaron as riquezas naturais baixo terra cara os paraísos das metrópoles, deixando o inferno da miseria para os que moraban xunto enriba da riqueza.

O convoi da prata tivo como destino a España colonial. Despois escaparían os trens do salitre, do caucho, do estaño, e comeza querer marchar o tren do gas.

Potosí viviu o esplendor de ser a cidade máis importante de Sudamérica nos tempos da prata. Logo viría a usurpación do salitre coas británicas Melbourne &Clark que acabaría nunha entente británico-chilena na Guerra do Pacífico (1879), con Antofagasta e a costa do Pacífico, pola que suspiran cada día os nenos nas escolas, en poder de Chile e cos británicos proseguindo na explotación do salitre, pero sen pagar impostos.

A era do Caucho, na que foi segundo produtor mundial, acabou noutra guerra, a do Acre con Brasil que lle mutilaría 190.000 km2. Outro metal sería explotado polo rei do estaño "Simón Patiño", unha das maiores fortunas de Latinoamérica de antes da primeira guerra mundial, quen foi promotor de golpes de estado afíns aos seus intereses, ou dos seus socios norteamericanos e ingleses, promotor tamén doutra guerra, a do Chaco, esta vez con Paraguai, que deixou 100.000 mortos.

Coa sensibilidade histórica a flor de pel, é comprensíbel que a pretensión de exportar gas a EEUU, do que albergan 1,6 trillóns de metros cúbicos, quizais o último tren de progreso que teñan os bolivianos, quéirase facer dende as costas chilenas arrebatadas…, Espertáronse en outubro de 2003 todos os demos durmidos das espoliacións históricas.

Se a este cóctel explosivo, lle engadimos que máis dun 60% da poboación de orixe indíxena foi apartada de calquera centro de decisión política; que aínda nos anos 50 tiñan prohibido ingresar na Praza Murillo; ou que nos últimos vinte anos a desaforada liberalización económica trouxo investimentos, pero non mellores condicións de vida, podemos entender perfectamente as razóns desta viraxe electoral pronunciada.

Co seu Vicepresidente Álvaro García Linera, un ilustrado, brillante sociólogo e analista, que representa a cara negociadora, pragmática e moderadora, terá que abordar unha axenda de goberno extremadamente difícil: renegociación coas trasnacionais do gas, enfrontamentos territoriais, obstrucionismo dos EEUU, despenalización da coca.., nunha Bolivia repleta de polifracturas ocasionadas por antagonismos políticos, étnicos ou de clase.

Pero, coa mirada ancorada no mar da Bolivia xa perdida, teñen todo o dereito a querer saír da estación permanente de pobreza e miseria, na que levan esperando toda unha eternidade. Esa é a invitación do líder cocaleiro.