20051024nestor kirchner

Kirchner na victoria desexada

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Néstor Kirchner, clic para aumentar
Kirchner situou estas eleccións na metade de mandado como unha revancha e como un plebiscito. Quixo saborear o mel dun plebiscito que o lexitimase e o resarcise do amargo sabor que lle deixou o feito de pasar á historia como o presidente que obtivo un menor respaldo nunhas eleccións presidenciais, cando no 2003 obtivo un 22,4% na primeira volta, e a posterior retirada de Menem impediulle degustar nas urnas a esmagante victoria que as enquisas lle prognosticaban daquela.
 

A matemática electoral básica fracasa diante da particular lóxica peronista. A suma de todas as familias do xusticialismo terá maioría parlamentaria, pero o presidente Kirchner só disporá dunha minoría maioritaria para afrontar o período lexislativo que agora comeza.

O pasado domingo, os electores arxentinos plebiscitaron a un presidente que, en só dous anos, conseguiu reconstruír un país, no que os arxentinos recomezan a acreditar, logo de perder a fe e a esperanza trala desfeita do 2001.

A contrafío das directrices que emanaban do FMI, do BM, etc, puxo en marcha un programa económico nacionalista, baseado na reconstrución do tecido produtivo e en favorecer as exportacións mantendo o peso devaluado. Soubo manter o pulso dunha política económica que non casaba coa ortodoxia dos grandes centros de decisión mundiais. Acreditou tenaz e pacientemente en que os éxitos económicos rematarían por engordar o seu capital de electores.

Como outros presidentes de Latinoamérica, o ex-gobernador de Santa Cruz, manexa a dirección do país cun estilo propio, ao que lle imprime un marcado selo diferencial: personalista, escasamente amigo de concertación, con discurso pouco propenso á mesura e á contención, caprichoso nas decisións, arbitrario nas alianzas políticas, proclive ao decreto presidencial pero extremadamente renuente ás reunións en consellos de ministros, arisco de trato cos adversarios políticos e magnánimo con aqueles dispostos a engrosar as filas do Kirchnerismo, sexan alcaldes, gobernadores, parlamentarios ou piqueiros. A esta tarefa dedicou boa parte dos esforzos dende os despachos da Casa Rosada, e os resultados do 23-O avalan esta estratexia.

Mais o sistema de renovación parcial en vigor no país austral, que elixe a metade dos parlamentarios cada dous anos na cámara baixa, fixo que Kirchner e os seus aliados, arremuiñados ao redor das siglas FPV (Frente para la Victoria) ficasen definitivamente con 122 bancadas, sete menos das 129 que precisa para conseguir o quórum necesario para dispor de maioría parlamentaria no Congreso, pero si co quórum no Senado, no que só se renovaba un tercio da Cámara Alta.

A suma aritmética de todos os deputados do xusticialismo sería máis que suficiente para garantir unha maioría parlamentaria cómoda que sustentase ao goberno, pero a división infinitesimal en fraccións irreconciliables: dualistas, menemistas, antikirchneristas, non adscritos, etc… deixa ao referendado presidente ás portas da maioría parlamentaria.

Kirchner situou estas eleccións na metade de mandado como unha revancha e como un plebiscito. Quixo saborear o mel dun plebiscito que o lexitimase e o resarcise do amargo sabor que lle deixou o feito de pasar á historia como o presidente que obtivo un menor respaldo nunhas eleccións presidenciais, cando no 2003 obtivo un 22,4% na primeira volta, e a posterior retirada de Menem impediulle degustar nas urnas a esmagante victoria que as enquisas lle prognosticaban daquela.

Deu sacado con éxito a espiña de ser un presidente non electo pola maioría dos cidadáns, mais a súa precariedade parlamentaria, vaino obrigar a continuar no arduo labor de ir laminando aos contrincantes, sexan xusticialistas ou non.

Do novo mapa político saído das eleccións emerxen dúas figuras que poden ameazar o seu liderado para as presidenciais do 2007: Macri e Binner. Destes dous novos protagonistas recen chegados á vida política arxentina, resalta a figura de Mauricio Macri, un potentado empresario que herdou o seu imperio económico do seu pai Franco, rostro empresarial privilexiado na última dictadura do período 76-83, e grande beneficiado nos negocios turbios que floreceron na época de Carlos Menem. Este fenómeno sociopolítico, que hoxe lidera a coalición de centro dereita liberal, baixo as siglas PRO (Propuesta Republicana), comparte con Berlusconi, múltiples puntos de similitude, entre eles o de ser presidente dun grande club de fútbol como o Boca Juniors. O seu triunfo na capital, ábrelle dúas portas diferentes no futuro político próximo: optar á alcaldía de Bos Aires ou á Presidencia da República no 2007.

Hermes Binner, autodefinido como socialista, é a esperanza da esquerda non radical, a pomba branca pola que levan agardando décadas. O prestixio na súa xestión como mandatario de Rosario, permitiulle gañar ao único gobernador xusticialista que non revalidou mandato, na, ata agora, inexpugnable, na sempre leal ao xusticialismo, Santa Fe.

Kirchner, como bo xusticialista que se prece, máis amante do poder sobre todas as cousas, mesmo das ideoloxías, non reparará no carimbo ideolóxico para tratar de atraer aos cinco lexisladores que o socialismo conseguiu nesta provincia.

Entre as posibles presas a cazar para engordar a súa precaria maioría parlamentaria, tamén están algúns desamparados parlamentarios da histórica UCR (Unión Cívica Radical), agora en horas baixas. Tratará de continuar co labor no que triunfou antes das eleccións, cativando con prebendas políticas e billeteira gobernamental, a varios alcaldes radicais do Gran Bos Aires. Tamén pode pousar as súas poderosas gadoupas sobre deputados xusticialistas, orfos de líderes históricos queimados no lume das últimas eleccións, ou sobre outros non adscritos.

Mais Kirchner vai ter que prestar atención especial a unha pantasma que pode espantar do escenario político a calquera gobernante arxentino, por moi consolidado que pareza. O espectro do 12% de inflación previsto para o 2005, prolonga de novo a súa negra sombra sobre a economía e asusta a calquera arxentino que teña memoria histórica.

Compatibilizar peso barato, crecemento álxido e inflación baixa non semella un propósito fácil, pero Kirchner ten demostrado que pode armar cuadraturas aparentemente imposibles. Se o consigue, sabe que non vai ter enfronte adversario algún con posibilidades de vitoria nas presidenciais de 2007.