20050124brasilia zapatero lula81173

Lula, ano tres en tres dimensións

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
A visita do presidente Zapatero a Brasil coincide xusto cando o ex-líder sindical está a saborear as meles doces dos excelentes datos económicos, mesturadas coas máis amargas feles da fractura interna. No seu recente discurso de fin de ano proclamou que o 2005 sería o grande ano do seu mandato. O crecemento do PIB superior ao 5% do xigante latinoamericano durante o 2004, cousa que non acontecía dende hai dez anos, fixo levitar de optimismo a Lula. (Foto: ©Antonio Cruz/ABr 24/01/2005).
 

Dous anos de mandato desde o Palacio do Planalto en Brasilia, teñen afiado as tres caras do presidente do Brasil, Luiz Inacio da Silva, ata configurar unha Presidencia tridimensional de pronunciadas arestas: a do posibilismo na economía, a do cuestionamento polas bases máis radicais do PT, e, a cara de actor relevante na política mundial.

A visita do presidente Zapatero a Brasil coincide xusto cando o ex-líder sindical está a saborear as meles doces dos excelentes datos económicos, mesturadas coas máis amargas feles da fractura interna. No seu recente discurso de fin de ano proclamou que o 2005 sería o grande ano do seu mandato. O crecemento do PIB superior ao 5% do xigante latinoamericano durante o 2004, cousa que non acontecía dende hai dez anos, fixo levitar de optimismo a Lula.

Por fin! Tiña conseguido transitar os desertos máis áridos nos que foi depositado na Presidencia polos 35 millóns de brasileiros que a finais do 2003 confiaron na onda de esperanza que venceu ao medo. No ano 2004 se crearon máis de dous millóns de empregos, cousa que tampouco acontecía dende hai máis de dez anos, o salario mínimo foi acrecentado por riba da inflación, que xa computa cun só díxito anualmente, proclamando que en maio do 2005, roldará a cifra reivindicativa máxica dos 300 reais. O risco Brasil que se situaba nos 1.693 puntos no último ano do goberno de Fernando Henrique Cardoso, reverteu ata os 430 na actualidade. A cara de Lula reflicte a satisfacción do repunte da súa popularidade ata as mesmas cotas do inicio do mandato.

Pero para chegar ao oasis do 2005, no ano tres da era Lula, antes tivo que soportar a dura cara dos rigores do que el mesmo deu en chamar "O ano da paciencia". Período no que asistiu á fractura do PT, á inestabilidade dos apoios parlamentarios e á dureza dialéctica máis ácida de boa parte da intelectualidade máis radical que sempre estivo pulando polo proxecto no que Luiz Inacio foi candidato por tres veces. Intelectuais como Ricardo Antunes chegaron a cuñar unha nova terminoloxía ideolóxica para definir o mandato Lula como de "Capitalismo Popular". Para este nutrido grupo de sólidos intelectuais, "a esquerda cando asume bandeiras neoliberais non ten límites…", sentencian.

No ano da cara máis amarga, no ano da paciencia, a contestación radical supuxo a expulsión das parlamentarias Heloisa Helena ou de Luciana Genro, nun momento decisivo. A finais do ano 2004 chegaron as renuncias de persoas do círculo máis próximo como Frei Betto, Bernardo Kucinski, Ricardo Koscho ou Ana Fonseca. As críticas de intelectuais ligados ao PT como Chico Buarque ou Óscar Niemayer. A igrexa, a CUT os MST engrosaron a longa lista de detractores do posibilismo económico.

O acordo co FMI, para abrir unha liña de creto por valor de 14.000 millóns de dólares a finais do 2003 comprometeu ao goberno nun duro programa de axuste fiscal, que golpeou en forma de paro ou de perda de poder adquisitivo nas bases electorais máis achegadas ao PT.

Neste contexto, os socios parlamentarios, ideoloxicamente antinatura, cheiraban a crise, incrementando paulatinamente o prezo da factura polo soporte ao goberno. A trabe na que Lula sustentou o seu sostén parlamentario, se cimentaba nun conglomerado de 13 partidos, extremadamente fragmentados e heteroxéneos. Sen resultados positivos a curto prazo, o creto do que gozaba podería esgotarse de forma precipitada. O presidente precisa recompoñer o seu círculo de colabores máis estreito e consolidar os apoios parlamentarios. Mais coas cifras macroeconómicas enriba da mesa, a tarefa semella moito máis doada.

Pero se existe unha faceta na que o Presidente se sinte máis cómodo é na de Líder Rexional. En dous anos visitou 35 países. Os seus oficios de mediador foron solicitados nos conflictos máis espiñentos acontecidos en América Latina no bienio: na fractura social de Venezuela, na guerra do gas de Bolivia… e nesta última semana na profunda greta aberta entre Venezuela e Colombia pola captura de Rodrigo Granda, chanceler das FARC, en territorio venezuelano.

Máis alá da súa autoridade moral de Líder Rexional, o goberno Lula está a inxerirse na política internacional en varias direccións en sintonía co mundo multipolar que propugna: procurando unha cadeira no Consello de Seguridade da ONU, ampliando e fortalecendo o MERCOSUR, artellando as relacións políticas e comercias co sudeste asiático e Asia oriental, especialmente con China, revitalizando a CPLP (Comunidade de Países de Lingua Portuguesa). É nesta cara de diplomático na que goza dun recoñecemento xeralizado, tanto no interior como no exterior.

As previsións para o 2005 e 2006, adiantadas por JPMorgan, permiten seguir na liña do optimismo, con crecementos no PIB do 3,4% e 3,9% respectivamente, e cunha inflación anual por baixo do 6%. Haberá, pois, marxe para acentuar as políticas sociais dirixidas a corrixir os desequilibrios nun dos países máis desiguais do mundo.

Brasil se configura en Latinoamérica, como o principal obxectivo estratéxico a curto prazo para Europa. Así o manifestou Rodríguez Zapatero á súa chegada a Brasilia. Mais, de seguro, que non caeu na conta de que o seguinte país que visitaría no seu periplo latinoamericano sería Arxentina. Na beira dereita do Río da Prata non sentan demasiado ben as loubanzas dirixidas cara o poderoso veciño, o xigante de América Latina. Será o momento de comprobar a cintura diplomática do presidente Zapatero.