escocia gleneagles hotel01

G8: o peso do informal

 Hotel Gleneagles, clic para aumentar
No cumio celebrado no Hotel Gleneagles (Escocia) entre os días 6 e 8 de xullo os temas principais para o cónclave anunciados por Tony Blair foron o subministro de axuda masiva a África e a materialización do cambio climático. Paradoxalmente, o debate sobre África realizouse entre os máis ricos, asistindo en calidade de "invitados" os líderes de Sudáfrica, Arxelia, Etiopía, Ghana, Nixeria, Senegal e Tanzania para analizar cuestións relacionadas coa axuda e o desenvolvemento económico.
 

Na súa orixe nos anos setenta, cando países europeos, EEUU e Xapón (a entrada de Canadá prodúcese en 1976 e a de Rusia en 1997) deciden cooperar de maneira informal para coordinar mellor as súas economías, as cuestións políticas quedaban relegadas a un segundo plano. A seguridade mundial xestionábase a través doutras institucións, principalmente o Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Sen embargo, o medre das grandes preocupacións internacionais, estimulado pola fin da guerra fría e a mundialización, imporán, pouco a pouco, o nacemento de diversas estratexias no G7.

O G8 é o club dos mandatarios políticos dos sete países máis ricos e influentes do planeta, e Rusia. Estes mandatarios reúnense unha vez ó ano no cumio do G8 para falar sobre o devir da economía, a política e a sociedade mundiais e para acordar liñas comúns de actuación nestes campos. Ao longo do ano, os ministros de economía, comercio, relacións exteriores, medio ambiente, traballo, etc, van preparando o cumio anual, acercando posicións e negociando consensos.

O G8 non ten personalidade xurídica, non toma decisións normativas, a diferencia do Consello de Seguridade, con resolucións que se impoñen a todos. Ningún tratado internacional fundamenta a súa existencia. Nembargante, o G8 determina o devir de boa parte da comunidade internacional mediante recomendacións e impulsos. Trátase dunha especie de caixa de ideas, que unha vez formuladas, para traducirse en feitos, deben ser acollidas polas institucións internacionais existentes, ou en estruturas especializadas creadas para ese fin.

O G8, teoricamente, non ten poder decisorio (é un foro de discusión), pero as iniciativas que xorden impóñense implacablemente nas institucións internacionais como o Consello de Seguridade de Nacións Unidas, o Banco Mundial, o FMI e a OMC.

O G8 vai moito máis alá dunha simple forma de discusión. O obxectivo dos cumios non é tan só establecer un intercambio de impresións entre os líderes das potencias económicas, senón tamén acercar solucións ós problemas tratados.

¿Por que as solucións a problemas internacionais son debatidas por oito países cando o mundo se compón de preto de douscentos estados?

No cumio celebrado no Hotel Gleneagles (Escocia) entre os días 6 e 8 de xullo os temas principais para o cónclave anunciados por Tony Blair foron o subministro de axuda masiva a África e a materialización do cambio climático. Paradoxalmente, o debate sobre África realizouse entre os máis ricos, asistindo en calidade de "invitados" os líderes de Sudáfrica, Arxelia, Etiopía, Ghana, Nixeria, Senegal e Tanzania para analizar cuestións relacionadas coa axuda e o desenvolvemento económico. Como invitada atopase tamén China, que como segundo máis grande produtor de gases de efecto invernadoiro despois de EEUU, ten moito que dicir sobre o cambio climático.

A pesares dos seus logros "o G8 foi un dos primeiros en pensar nun control das exportacións de tecnoloxía balística (1987) co fin de impedir a proliferación de mísiles de longo alcance", e impulsou estruturas coma o Gafi (Grupo de acción financeira internacional) para actuar sobre o branqueo de capitais ou acordar intervencións monetarias en crises rexionais, o G8 non só debe importar polo seu contido, polos seus obxectivos ou polos temas a debate presentes nun determinado cumio, senón pola forma en que estes se acometen.

¿Por que non levar a cabo reunións en organismos oficiais internacionais, xa que existen, cun recoñecemento moito máis amplo e cunhas decisións vinculantes para todos? ¿Por que tendo as institucións necesarias uns poucos escollen un sendeiro paralelo erixíndose como directorio do mundo? ¿Por que a selección de novas metas e obxectivos internacionais cando estes xa están definidos no marco das Nacións Unidas?

Asemade, o cumio non é un foro de discusión nos termos estrictos da palabra, pois as negociacións que se manteñen de forma bilateral ou multilateral entre os diversos estados durante o ano perseguen chegar a consensos. O día da cita os temas xa foron tratados con bastante extensión e profundidade, só se trata, esencialmente, de escenificar os acordos.

Existen diferentes opinións entre os analistas e observadores. Uns sosteñen que a decisión de invitar no último cumio a líderes de Arxelia, Etiopía, Ghana, Nixeria, Senegal e Tanzania é de vital significación, porque contribuirá a aumentar a confianza e a promover o diálogo entre países desenvolvidos e en vías de desenvolvemento, pero outros consideran que estes non foron protagonistas reais no tratamento dunha temática que lle atinxe moi directamente a eles.

O G8 é, en definitiva, o foro onde se deseña a globalización neoliberal, onde se toman de facto, decisións claves sobre a xestión da política e a economía mundiais. É un goberno mundial na sombra, dominado polos presidentes duns estados que representan o 60% da riqueza mundial e pouco máis do 10% da poboación do planeta.