20050323algiers 17cumbre arabe abdelaziz bouteflika

A democracia e o mundo árabe

 Clic para aumentar
A xuntanza en Alxer confirmou a ineficacia deste organismo como elemento unificador e revelou as disensións internas duns liderazgos que aínda non atopan a vía para dixerir a voracidade e velocidade dos acontecementos e se, en verdade, está en marcha un auténtico cambio no Oriente Medio. Que o único punto a favor da xuntanza da Liga Árabe fora a reconciliación entre Alxeria e Marrocos por asuntos políticos e limítrofes, revela esa incapacidade para afrontar os novos retos. (Foto: Abdelaziz Bouteflika, presidente de Alxeria, na clausura do 17 cumio da Liga Árabe en Alxer, o 23/03/2005).
 

Oriente Medio está presenciando un inesperado xiro. Os acontecementos semellan revelar escenarios tan novedosos como inquietantes: un Iraq agora gobernado por un líder kurdo; tímidos síntomas de apertura para a democracia social en Marrocos, Arabia Saudía e Exipto; tensións políticas entre Líbano e Siria e transicións en Palestina, conforman un panorama inédito, ao cal se deben engadir as presións occidentais sobre Irán, un país non árabe máis musulmán, e a enigmática situación de Al Qaeda e o integrismo islámico.

Nesta conxuntura, a xuntanza celebrada a finais de marzo en Alxeria dos 22 representantes da Liga Árabe e a recente publicación do informe sobre a democracia no mundo árabe, realizado polo Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento, PNUD, non poden pasar inadvertidos. No primeiro caso, as tradicionais diverxencias intestinas entre os líderes árabes suscita a incógnita sobre o futuro político, non só da Liga Árabe como organismo de toma de decisións e solución de conflitos, senón do mundo árabe como unidade política homoxénea.

A xuntanza en Alxer confirmou a ineficacia deste organismo como elemento unificador e revelou as disensións internas duns liderazgos que aínda non atopan a vía para dixerir a voracidade e velocidade dos acontecementos e se, en verdade, está en marcha un auténtico cambio no Oriente Medio. Que o único punto a favor da xuntanza da Liga Árabe fora a reconciliación entre Alxeria e Marrocos por asuntos políticos e limítrofes, revela esa incapacidade para afrontar os novos retos. O mellor síntoma desta ineficacia é unha enquisa realizada pola cadena qatarí Al Jazeera: un 85% dos preguntados revelou que estaba a favor de suspender os cumios árabes pola súa "inutilidade".

O segundo caso, o informe do PNUD, revela o que un grupo de 22 intelectuais que traballaron no extenso proxecto, salientan o "burato negro" existente entre o Estado e a sociedades árabes, debido "á concentración de poder en máns do Executivo, sexa este unha ditadura militar ou un presidente elixido sen rivais".

Neste apartado, é patente a existencia dunha fenda cada vez máis crecente nas elites árabes con respecto ás poboacións e a sociedade civil, o que amosa unha crise de lexitimidade cada vez maior para os seus dirixentes, a pesar das convocatorias electorais. Seguindo coas enquisas, Al Jazeera publicou que, entre as dúas principais demandas e preocupacións das sociedades árabes se atopan o apoio á causa palestiniana e as reformas democráticas.

No escenario actual, ¿qué futuro espera á democracia e ao mundo árabe? ¿Existen responsabilidades internas ou ben tamén externas para explicar este déficit democrático e a falta de unidade política? A configuración política do mundo árabe amosa unha estraña mestura de gobernos revolucionarios herdeiros do legado de Nasser (Siria e Libia), monarquías (Arabia Saudita, Marrocos, Xordania, Kuwait, etc) e repúblicas presidencialistas (Exipto, Alxeria, Tunicia, etc), con diversos intereses e alianzas, fortalecidos pola forte táctica propagandística e o nulo debate político. Neste apartado, especialmente nos rexímenes árabes acusados de ser anti-occidentais, existe a tendencia a culpar excesivamente a EEUU e Israel dos seus problemas.

Do mesmo xeito, a política occidental, especialmente a estadounidense, cos seus apoios a algúns destes rexímenes e a incondicional alianza con Israel, contribuíu a afondar este abismo entre as elites árabes e a sociedade, ademáis de perpetuar o déficit democrático. A vía expresada polo presidente George W. Bush de "acabar coas tiranías" semella un xogo perigoso, e dispón a posibilidade de instaurar "revolucións cosméticas". Aínda non se coñecen en profundidade as consecuencias rexionais que terá a presenza militar anglo-estadounidense e a apurada transición iraquí. Tampouco se logra dixerir se os acontecementos no Líbano permitirán expandir esa idea "bushiana" da democracia.

No informe do PNUD, se acusa tamén deste "fiasco democrático" no mundo árabe a EEUU pola súa invasión en Iraq e a Israel pola súa política de asentamentos de colonos nos territorios palestinianos. Estas razóns, ademáis das críticas a rexímenes como o exipcio, provocaron que a publicación do informe, rematado en outubro pasado, se retardara varios meses. Velaí por que os acontecementos en Palestina, Iraq e o Líbano non foran debidamente analizados.

¿E qué será do integrismo islámico, os movementos relixiosos e a proliferación de grupos radicais, afiliados ou non a Al Qaeda? O informe do PNUD considera que, se non se implementan reformas democráticas urxentes, os rexímenes árabes experimentarán un "desmoronamento brusco". Obviamente, haberá elites nestes países que utilizarán a ameaza integrista como elemento de chantaxe para perpetuar o seu poder. Pero é imperativo sinalar que moitos destes movementos relixiosos, similares ao islamismo "laico" en Turquía, teñen unha sólida lexitimidade popular, cada vez máis ascendente, o cal podería convertelos nos necesarios axentes do cambio democrático nas sociedades árabes. Estes movementos son diversos e variados, e algúns son catalogados pola opinión pública e os gobernos occidentais, dun xeito moitas veces sesgado, como "terroristas". Van dende os Irmáns Musulmáns en Exipto e Hamás en Palestina ata Hezbolla no Líbano, e manifestan un consolidado apoio popular nestas sociedades.

Deste xeito, máis que o "modelo americano" vía Iraq ou Líbano, a vía alternativa no mundo árabe pode ser máis beneficiosa á hora de alcanzar as súas lexítimas demandas democráticas.