20050421cumio otan rusia 21g

A OTAN muda de faciana

Apartados xeográficos Rusia ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
O cumio de Vilnius revelou un novo enfrontamento político entre Moscova e Washington, ata o punto de que o representante ruso declarou publicamente a instauración dunha nova "guerra fría". A declaración da secretaria de Estado, Condoleeza Rice, de apoiar o derrocamento do goberno de Alexander Lukashenko en Belarús, calificándoo como a "última ditadura en Europa", apunta unha nova dirección: unha OTAN transformada en espazo de actuación para a defensa das "revolucións democráticas". (Foto: O ministro de Exteriores ruso, Sergey Lavrov (á dereita), na reunión bilateral Otan-Russia durante o Cumio de Vilnius, Lituania 20-21/04/2005).
 

Semella evidente que a OTAN xa non é a mesma. A organización militar transatlántica, reunida nun histórico cumio en Lituania, unha ex república soviética, revelou as súas intencións de mudar drasticamente de obxectivos. Unhas novas metas que xa deron os seus primeiros sinais na guerra de Cosova en 1999, pero que no mundo post-11/S camiñan por outros sendeiros, máis políticos que relativos á defensa estratéxica occidental.

O cumio de Vilnius revelou un novo enfrontamento político entre Moscova e Washington, ata o punto de que o representante ruso declarou publicamente a instauración dunha nova "guerra fría". A declaración da secretaria de Estado, Condoleeza Rice, de apoiar o derrocamento do goberno de Alexander Lukashenko en Belarús, calificándoo como a "última ditadura en Europa", apunta unha nova dirección: unha OTAN transformada en espazo de actuación para a defensa das "revolucións democráticas".

Rice reuniuse en Vilnius con membros da oposición belarusa, divididos e fragmentados trala derrota no referendo do ano pasado e sen aparente capacidade política para mobilizar ás masas. Semella claro que Washington busca en Belarús unha continuación das "revolucións" orixinadas en Xeorxia, Ucraína, Moldavia e Kirguizistán, pero existen dúbidas de que en Minsk se repitan os acontecementos de Tbilisi ou Kiev. Lukashenko se reuniu co presidente ruso Vladímir Putin en Moscova, a fin de conter a provocativa declaración de Rice e coordinar respostas.

Outro asunto de controversia é Ucraína, xa prácticamente fora da esfera de influenza rusa. Os temores no Kremlin de que este país ingrese na OTAN, ambición perseguida por Washington e Bruxelas dende fai máis dunha década, son cada vez maiores. É indicativo o feito de que este cumio da OTAN se celebrara nunha ex república soviética, e por iso en Moscova cren que o goberno ucraíno de Viktor Yushenko ten practicamente negociado este ingreso.

Do mesmo xeito, Rice advertiu de que agora a OTAN impulsaría a paz palestino-israelí, outro escenario inédito. Nunca antes un alto representante dun país membro deste organismo de defensa fixera unha declaración tan directa. Deste xeito, a organización transatlántica se convertiría nun organismo político de alcance mundial, con atribucións diametralmente opostas ás adoptadas en 1949, cando se fundou. Obviamente, o mundo de hoxe é moi diferente, e máis agora co global poderío estadounidense que a OTAN parece chamada a reforzar ostensiblemente.