20050526abbas bush washington07

A Palestina de Bush e Sharon

 Mahmoud Abbas e George W. Busha en Washington, clic para aumentar
En Washington, Bush prometeu a Abbas un Estado palestiniano en Gaza e Cisxordania, con Xerusalén-Este como capital. Pero semellan ser outros os plans israelís. Terá agora Bush a mesma influenza cara Sharon que a exhibida neste momento con Abbas? Semella chegada a hora da verdade.
 

A histórica visita de Mahmoud Abbas a Washington significa a súa lexitimación definitiva, principalmente ante os ollos de EEUU e Israel, como líder da Autoridade Nacional Palestiniana. O presidente George W. Bush recibiu a Abbas na Casa Branca nun xesto que reflicte o que durante anos negara a Yasir Arafat: unha xanela para o diálogo. Se ben agora con Abbas pódese abrir unha nova alternativa, ésta ven limitada ás esixencias adoptadas con Bush e Ariel Sharon na Folla de Ruta de 2003.

Máis que o relanzamento do proceso de paz palestiniano-israelí (aínda que este semella ser un obxectivo primordial para Bush) e o reforzamento da lexitimidade de Abbas, a raison d´être desta xuntanza foi atopar o apoio definitivo do mandatario estadounidense á opción política do partido Al Fatah que representa Abbas, como elemento de contención no ascenso do movemento islamista Hamás. O líder da ANP coñece perfectamente que o xurdimento de Hamas como movemento político será o principal reto da súa Administración, especialmente cara as eleccións lexislativas de xullo. Intenta recoller votos, co apoio estadounidense e israelí, para gañar terreo ante os islamistas.

Neste sentido, Bush cumpriu unha das esixencias de Abbas antes da xuntanza: o financiamento directo á Autoridade Nacional Palestiniana. O mandatario estadounidense desembolsará íntegramente 40 millóns de euros para a ANP, dentro dun programa financeiro de 330 millóns de euros para infraestruturas e promoción da democracia. Pero atópanse cun problema: o desarme de Hamas é, en termos políticos, practicamente imposible. Abbas e Al Fatah saíron levemente reforzados nunhas eleccións locais en Gaza e Cisxordania, onde obtiveron o 55% dos votos. Pero Hamas ubicouse no 35% do respaldo electoral e a súa alternativa islamista gaña adeptos entre a mocedade, entre a que vai en aumento o desemprego, o descontento cara a corrupción da ANP e as frustracións pola inviabilidade do Estado palestiniano.

De tódolos xeitos, Abbas sabe que o apoio interno e externo é, cando menos, fráxil. Depende excesivamente de Bush e Sharon ao tempo que observa cómo Oriente Medio camiña no sendeiro da transformación: o Líbano vai a eleccións trala retirada militar siria e, en Exipto, as tensións sociais cara o goberno de Mubarak aceleranse ante a reforma do sistema político. Neste escenario, con Iraq sumido na incerteza, non rematan as tensións entre Irán, EEUU e a Unión Europea polo programa nuclear iraní.

Do mesmo xeito, as súas relacións con Israel non presentan novidades significativas. Os palestinianos cumpren cabalmente co "alto ao fogo" mentres o Exército israelí, aínda que con menos intensidade, non culmina as súas operacións de fustigamento contra a poboación palestiniana. O Muro de Seguridade avanza, a pesar de que o Tribunal da Haia o declarase ilegal, separando poboacións en Cisxordania, mentres Sharon acaba de anunciar que a polémica retirada dos colonos en Gaza reanudarase en agosto, nunha estratexia onde espera coñecer cómo será o panorama político palestiniano despois das eleccións de xullo, para poder actuar en consecuencia.

En Washington, Bush prometeu a Abbas un Estado palestiniano en Gaza e Cisxordania, con Xerusalén-Este como capital. Pero semellan ser outros os plans israelís. Terá agora Bush a mesma influenza cara Sharon que a exhibida neste momento con Abbas? Semella chegada a hora da verdade.