20050727londres recep tayyip erdogan e tony blair

Mareas baixas entre Turquía e Europa

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Graffiti IRA en Belfast, clic para aumentar
O 27 de xullo, o primeiro ministro turco, Recep Tayyip Erdogan, reuniuse en Londres co seu homólogo británico, Tony Blair, para potenciar un acordo que permita a Ankara asinar a continuación da unión aduaneira cos 25 membros da UE. Este mecanismo iniciouse en 1995 e constitúe a vía máis directa de negociación turco-europea, ademais de que significou a Turquía como o único país en asinar un documento desa magnitude sen ser membro da UE.
 

As dúbidas e a confusión dominan o debate sobre o ingreso turco na Unión Europea. A última enquisa do Eurobarómetro sentencia tamén un escenario polarizado: o 52% dos europeos non aceptan o ingreso turco. O goberno de Ankara deberá asinar un protocolo o 3 de outubro para iniciar negociacións formais de cara a un eventual ingreso, previsto inicialmente para o 2015. Pero a realidade política europea amosa sinais contradictorias nesa dirección.

En xullo, o primeiro ministro turco, Recep Tayyip Erdogan, reuniuse co seu homólogo británico, Tony Blair, para potenciar un acordo que permita a Ankara asinar a continuación da unión aduaneira cos 25 membros da UE. Este mecanismo iniciouse en 1995 e constitúe a vía máis directa de negociación turco-europea, ademais de que significou a Turquía como o único país en asinar un documento desa magnitude sen ser membro da UE.

A prolongación do acordo estivo supeditado ao recoñecemento turco de Chipre, membro da UE dende a última ampliación no 2004. Erdogan subscribiu o documento pero poñendo énfase nas súas demandas cara a comunidade turco-chipriota. Sen embargo, as súas palabras amosaron un "recoñecemento tácito" de Chipre. Pola súa banda, Blair, nestes momentos presidente da UE, aceptou a decisión turca, caso contrario do primeiro ministro francés, Dominique de Villepin, quen declarou "inconcibible" que Turquía asine o documento sen recoñecer a illa mediterránea.

O debate turco está a dividir a Europa e, coas declaracións de Blair e de Villepin, semella tamén que provoca un enfrontamento franco-británico. Xa na negativa francesa á Constitución europea estivera implicado un "non" rotundo a Turquía, aínda que este tema non tivera relación directa co documento constitucional. A conxuntura de confrontación entre o Islam e Occidente apunta tamén a Turquía, aínda que esta sociedade aplicara un exemplar sistema laico e o seu goberno islamista non reflectira ambicións fundamentalistas.

Os gobernos de Francia e Austria xa asumiron unha posición contraria aos intereses turcos, salvo que Ankara cumpra os requisitos estipulados nos acordos. O presidente da Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso, está decidido a seguir adiante coas negociacións, pero o resto dos comisarios puxan por un aprazamento da decisión final. Incluso, dende o Vaticano, o papa Benedicto XVI expresouse contrario ao ingreso turco.

Por razóns de seguridade na zona mediterránea, e dun xeito paradoxal, Grecia, considerado o inimigo histórico turco, apoia a súa candidatura europea. O primeiro ministro grego, Constantinos Karamanlis, prepara unha visita a Turquía, a primeira en mais de medio século para un xefe de goberno grego. Se ben é certo que Chipre está no centro da cuestión, a negativa europea tamén enfoca outros aspectos: as diferenzas culturais e relixiosas, a demografía e a posibilidade de que Turquía se converta no país con maior poboación da UE (e, polo tanto, coa maior capacidade de voto segundo o sistema de reparto de poder na Comisión) e a alianza político-militar turco-estadounidense, que podería afectar o proxecto europeísta.

Unha xuntanza da Unión do Movemento Popular, UMP, e a dereita francesa, propuxo pechar definitivamente a porta da UE a Turquía. Na xuntanza participaron Dominique de Villepin e Nicolás Sarkozy, "número 2" do goberno e presidente do partido. Ao igual que Ánxela Merkel en Alemaña, Sarkozy conta con bastantes posibilidades para ser o próximo presidente francés no 2007.

De ser este escenario unha realidade, no eixe franco-alemán gobernarían os dous líderes coa posición máis contraria ao ingreso turco. Para motivar un cambio de eixes, Sarkozy xa amosou a súa intención de potenciar un eixe con Berlín, Londres, Madrid, Varsovia e Roma para "ser o novo motor de Europa".

Os factores económicos tamén inflúen. Da man do FMI, Turquía ven aplicando un programa de reestruturación, trala dura crise financeira do 2001. Un crecemento do PIB en 8,9% no 2004 e sinais favorables para a inversión estranxeira, posibilitan as opcións turcas. Pero as desigualdades socioeconómicas e o elevado custe da súa integración (entre 11.000 e 18.000 millóns de euros anuais) minoran estas expectativas.

En todo este panorama, Turquía constitúe un dilema para Europa. O país sempre tivo unha indubidable importancia xeopolítica e militar, agora aumentada polo factor enerxético: o oleoduto Bakú-Tbilisi-Ceyhan, para transportar petróleo e gas natural do Mar Caspio a Europa. Pero as diferenzas resaltan máis que as similitudes.