20051120 amir peretz

O “enigma” Sharon

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Amir Peretz, clic para aumentar
A contundente vitoria de Amir Peretz (na foto) como candidato laborista, provocou unha presión tal no goberno de coalición entre Sharon e o histórico líder laborista, Simón Peres, que o adianto de eleccións xerais para marzo de 2006, semella a última batalla política de Sharon, o "guerreiro", o heroe nacional israelí, hoxe reconvertido, ironicamente, nun "pragmático".
 

Resulta un líder peculiar este Ariel Sharon. Como militar, foi o artífice da colonización xudía de Gaza e Cisxordania despois da guerra de 1967. Como político, nunca confiou en negociar cos palestinos. En 1982, sendo ministro de Defensa, ordenou a invasión militar israelí do sur do Líbano. Dese tempo data a súa presunta participación nas matanzas de refuxiados palestinos en Sabra e Shatila, responsabilidade que os familiares das vítimas esixiran en 2001 ante o tribunal de La Haia por "crimes contra a humanidade" e "xenocidio".

No 2000, Sharon contribuíu persoalmente a desatar a "segunda Intifada" coa súa provocadora visita á Explanada das Mesquitas de Xerusalén. O incidente permitiu acabar co entón primeiro ministro laborista Ehud Barak e, indirectamente, co seu máis odiado inimigo, Yasir Arafat. En febreiro de 2001 converteuse en primeiro ministro, iniciando unha política de asasinatos selectivos contra líderes de Hamas e Yihad Islámica, e confinando a Arafat no seu cuartel xeral de Ramallah, ata a súa misteriosa morte, hai exactamente un ano.

Pero sexa por "realpolitik" ou por convicción, o 2005 asistiu á transformación política de Sharon. Aos seus 77 anos, iniciou as negociacións de paz co sucesor de Arafat, Mahmoud Abbas, a quen considera "líder moderado" que necesitan os palestinos. Do mesmo xeito, deu "luz verde" a unha das máis complexas e polémicas medidas que calquera primeiro ministro israelí podería acometer: desmantelar os asentamentos xudeus en Gaza e Cisxordania. Precisamente el, Sharon, o artífice da súa creación e, antano, o seu principal defensor.

Aínda non se poden medir as consecuencias políticas, dentro da sociedade israelí, sobre o plan de desconexión en Gaza e Cisxordania. Polo momento, xa existe un impacto político claro, algo común na variada e inestable política israelí. A contundente vitoria de Amir Peretz como candidato laborista, provocou unha presión tal no goberno de coalición entre Sharon e o histórico líder laborista, Simón Peres, que o adianto de eleccións xerais para marzo de 2006, semella a última batalla política de Sharon, o "guerreiro", o heroe nacional israelí, hoxe reconvertido, ironicamente, nun "pragmático".

Sharon semella ser tan astuto e audaz como político que como o fora antes no terreo militar. A súa histórica renuncia ao partido conservador Likud, non só deixa a porta libre a Binyamín Netanyahu como candidato deste partido, senón que permite a Sharon conformar un novo partido, o que cualificará de "centrista". Por suposto, co seu sorprendente e inédito aliado, o laborista Peres. Aquí non hai relevo xeracional nin de visión política.

As enquisas semellan favorecerlle, así como a súa repentina favorable imaxe ante a comunidade internacional, a pesar da impopularidade da súa política en Gaza, da crise económica israelí e da indefinición da paz cos palestinos. Pero Israel, como Palestina, é tamén un polvorón social e político. Antes do plan en Gaza, Sharon alertou do perigo dunha "guerra civil" en Israel. Hoxe, segue a verse a se mesmo coma unha especie de "salvador da nación".

Sharon, o "pragmático", semella agora un enigma político, aínda que non esqueza o seu lema de "xogar a gañar ou gañar". Para el non existen termos medios, nin claroscuros, nin "centrismo" que valga. Pero a sociedade israelí hoxe é mais complexa e impredicible, e a "opción Peretz" pode ser a sorpresa nas próxima eleccións. Se é que Sharon non sorprende cunha nova carta baixo a súa manga.