20051215bagdad poster muqtada al sadr

Volátil transición iraquí

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Partidario de Muqtada al Sadr, clic para aumentar
Os xiítas son os máis heteroxéneos no aspecto político pero moi homoxéneos no relixioso. A súa plataforma, a Alianza Unida Iraquí, de marcado carácter islámico, está composta por 20 partidos diferentes, nos que destaca a inclusión final na lista do bloque do clérigo Muqtada al Sadr, o líder da defensa de Faluya contra a ofensiva estadounidense a finais de 2004. (Foto: Bagdad, 15/12/2005. Un partidario de Muqtada al Sadr mostra un póster co retrato do líder xiíta).
 

Existen síntomas contraditorios sobre o que acontece en Iraq. Dunha banda, a violencia e o caos diario nas rúas e, politicamente, dentro mesmo da Autoridade Provisional Iraquí, que se enfronta cun determinado nivel de entusiasmo electoral, traducido nunha notable participación nos comicios lexislativos de aproximadamente o 65% do censo electoral. Por outra banda, a mensaxe triunfalista de Washington espétase estrepitosamente ante unha crúa realidade, manifestada agora polos evidentes "erros", a ilegalidade da súa invasión militar e o pesimismo sobre o futuro do país.

¿Cal será o Iraq post-15/D? O escenario máis probable é a fragmentación nacional en identidades étnicas e relixiosas, agora lexitimadas nas urnas, nun panorama onde a insurxencia segue a manterse como un efectivo factor de poder. Aquí atópase unha situación inédita: a delicada negociación entre as tres principais comunidades nacionais: xiítas, sunnitas e curdos, para participar nestes comicios lexislativos, deixou a Washington, por vez primeira, fóra do escenario.

A razón débese, principalmente, á errática política estadounidense de illar e atacar á comunidade sunnita, o cal obstaculizaba calquera avance negociador. Con razóns suficientes, os sunnitas séntense marxinalizados pola nova situación, especialmente trala aprobación da nova Constitución en outubro pasado. A súa conflitividade increméntase ante o seu rexeite da transición tutelada por Washington, e polo feito de que a maior parte da insurxencia ten como bastión territorial a configuración dun "triángulo sunnita" en torno ás cidades de Bagdad, Tikrit e Karbala. Para aumentar o crítico panorama, xiítas e sunnitas veñen librando en diversas poboacións verdadeiros métodos de "limpeza étnica", coa finalidade de manter a supremacía en determinadas rexións.

Neste sentido, e favorecendo a supremacía da comunidade xiíta e a potenciación dos curdos como aliado político e elemento clave das negociacións, Washington descoidou diversos canais de acercamento cos sunnitas. Este escenario complicaba aínda máis a gravidade da situación iraquí, polo que abriu o camiño para unha solución "á iraquí". A comezos de decembro, e tras duras negociacións, xiítas e curdos lograron incluír aos sunnitas dentro do marco político transitorio, convencéndoos de participar nas eleccións lexislativas. Isto explica porqué nesta derradeira convocatoria electoral, os sunnitas decidiron masivamente ir a votar.

Sen embargo, e dende a perspectiva política, as tres comunidades non conforman entidades monolíticas e homoxéneas. Probablemente, os xiítas son os máis heteroxéneos no aspecto político pero moi homoxéneos no relixioso. A súa plataforma, a Alianza Unida Iraquí, de marcado carácter islámico, está composta por 20 partidos diferentes, nos que destaca a inclusión final na lista do bloque do clérigo Muqtada al Sadr, o líder da defensa de Faluya contra a ofensiva estadounidense a finais de 2004.

A inclusión de al Sadr é consecuencia dunha estraña alianza co líder do poderoso Concello Supremo da Revolución Islámica en Iraq, Abdel Aziz al Hakim. Trala caída do réxime de Saddam Hussein, as milicias armadas de al Sadr e al Hakim enfrontáronse violentamente, en varias ocasións, en Nayaf e Faluya. O clérigo al Sadr segue a reivindicar como principal obxectivo político a finalización da ocupación militar estadounidense. Do mesmo xeito, no contexto xiíta, é necesario resaltar a poderosa influencia do líder relixioso Alí Sistani, do Partido da Virtude Islámica.

Os sunnitas non se afastan da realidade xiíta. A súa plataforma política, a Lista Nacional Iraquí, principalmente laica, inclúe uns 14 partidos políticos, onde destaca outra estraña alianza: a de sunnitas e xiítas laicos, baixo a dirección do impopular ex primeiro ministro Iyad Allawi, o candidato preferido por Washington para liderar a transición iraquí. Allawi ten a súa contraparte xiíta, pero desde a natureza islamita, co clérigo Muqtada al Sadr, sumamente popular entre xiítas e sunnitas.

Pola súa banda, os curdos semellan mais homoxeneizados. A Alianza do Curdistán é unha plataforma dominada por dous antigos rivais, o actual presidente transitorio Jalal Talabani, da Unión Patriótica do Curdistán, e Massoud Barzani, líder do Partido Democrático do Curdistán. Na actualidade, Talabani e Barzani son aliados que intentan conformar un Curdistán independente no norte do territorio iraquí. De feito, as autoridades curdas funcionan cunha ampla autonomía: dous días antes das eleccións, subscribiron un acordo de explotación petrolífera en Kirkuk cunha compañía norueguesa, sen necesidade de consultar co goberno provisional en Bagdad.

Ante esta situación, ¿cál é a reacción desde Washington? Que o presidente George W. Bush recoñecera publicamente que 30.000 civís morreron en Iraq dende marzo de 2003, revela ata qué punto a posguerra iraquí provoca un impacto demoledor na súa baixa popularidade. Do mesmo xeito, Bush condenou a utilización de torturas contra presos sunnitas e recoñeceu erros da intelixencia pouco antes da invasión, pero os reiterados escándalos sobre a actuación das tropas estadounidenses, deixan ao mandatario republicano con cada vez menos marxe de manobra.

A estratexia de Bush é, paulatinamente, "iraquizar" o conflito iraquí, colocar autoridades locais afectas á súa estratexia sen estipular aínda un cronograma de retirada das tropas. Deste modo, na Casa Branca esperan lexitimar unha transición viciada de ilegalidade nas súas orixes. A pesar de que os iraquís acudan con esperanza ás urnas, esta estratexia de "iraquizar" é unha inesperada consecuencia precisamente porque Bush sabe dende hai tempo que a situación en Iraq fóiselle das mans.