20040523 horst kohler

A decadencia do Goberno Schroeder

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Horst Kohler, clic para aumentar
Con eleccións para setembro ou outubro 2005, cando se tiñan previstos comicios para o outono do 2006, non hai posibilidade de aproveitar o impulso dun ciclo económico favorable que podería xurdir das últimas medidas adoptadas polo goberno Schroeder. Así as cousas, Horst Köhler (na foto), o presidente alemán, deberá decidir a fin de contas se disolve o Bundestag, pero visto que tódolos grandes partidos están conformes, non parece lóxico oporse.
 

Gobernar é ingrato. Nunca se chega a contentar a todo o mundo, nin conseguir que todo vaia ben. Un pouco disto é o que lle pasa a Schroeder en Alemaña. No poder dende 1998, ve como vai perdendo aceite sen dar cun axuste económico preciso que repare os problemas dunha Alemaña que se tambalea.

Tan só dúas horas despois de pechar os colexios electorais en Renania do Norte-Westfalia, o chanceler alemán tomaba nota da acuciante derrota que o levaría a propoñer unhas eleccións anticipadas que poden deixalo definitivamente defenestrado no mundo da política. É, cando menos, unha aposta valente. Con eleccións para setembro ou outubro 2005, cando se tiñan previstos comicios para o outono do 2006, non hai posibilidade de aproveitar o impulso dun ciclo económico favorable que podería xurdir das últimas medidas adoptadas polo goberno Schroeder. Así as cousas, Horst Köhler, o presidente alemán, deberá decidir a fin de contas se disolve o Bundestag, pero visto que tódolos grandes partidos están conformes, non parece lóxico oporse.

Renamnia do Norte-Westfalia é o Lander máis poboado de Alemaña e representaba o último recuncho de dominio socialdemócrata. Un feudo que cae despois de 39 anos, deixando tras de si un rego de renuncias e de rupturas no partido de Schroeder. Por exemplo, Oskar Lafontaine, o histórico ex presidente dos socialdemócratas alemáns, que abandonou o 25 de maio o SPD despois de ser membro durante 39 anos. O seu descontento lévao a ofrecerse a outros partidos e coalicións da esquerda alemana.

A orixe do descontento é debida, en primeiro lugar, á contrareforma económica do goberno Schroeder, que non se ve correspondida con resultados. En Rhénania e Westphalia, despois de gobernar durante tantos anos, obtiveron os seus peores resultados dende 1945. Os socialdemócratas foron abandonados polo seu electorado tradicional, que está decepcionado polo que se cualifica como reforma «neo-liberal» do goberno de Berlín. As reformas da seguridade social e as condicións de inestabilidade no tocante ó emprego, desbordan a moi limitada paciencia dos alemáns.

Pero non é só a nivel estatal que existen problemas. Non hai que esquecer a falla de reformas estruturais neste Lander, que tivo un prezo político que algún día habíase de pagar. Nunca se abordou o problema da reconversión da industria do carbón e o aceiro, que se presenta en franco retroceso en moitas rexións europeas, sen apostar en troques, pola diversificación cara os servizos e as novas tecnoloxías como se tiña feito noutros Landers. Iso a fin de contas, pasou factura. O desgaste no poder percibíase dende hai dez anos cando tiveron que botar man dos Verdes para seguir gobernando.

Por outra banda, a CDU saíu moi reforzada. Unha espectacular remontada, permitiulle pasar do 8 ó 45% do sufraxio. E a polarización entre os dous grandes partidos, liquidou a diversidade, quedando moi eivados os liberais e os verdes, reducidos ao 6%. Agora os liberais poderán formar coalición de centro-dereita coa CDU. O slogan da CDU é cando menos representativo do uso que se fixo da necesidade de cambio: "39 anos, xa abonda".

Pero cales son as razóns estratéxicas que xustifican este adiantamento? Varias hipóteses se barallan. Antes da proba do domingo 22, tódolos alemáns apostaban que Schroeder aproveitaría un suposto relanzamento da economía, e unha baixa do paro para conquistar os favores do público. Se agora muda de actitude hai quen sinala o intento de disciplinar a ala esquerda do seu partido, que lle reclama o abandono das políticas "neo-liberais" e un retorno ó vieiro das axudas públicas e da política favorable ós colectivos laborais e sindicais, referentes tradicionais da súa base social.

Pero dificilmente collerá por sorpresa á dereita, que liderada pola señora Merkel, ven de reafirmar o seu liderado. Os cristiano-demócratas superan as súas divisións despois de recuperar, pouco a pouco, tódolos Lander dominados polos socialdemócratas. O derradeiro reduto da coalición verde-vermello é o goberno federal. E a capacidade de inverter a tendencia no próximo outono, está en cuestión.