francia constitucion europea

Francia, Europa e o referendo

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Francia, Constitución Europea, clic para aumentar
A percepción da realidade aquí e noutros lados é diferente. É lóxico. Non esquezamos que no Estado español, cun 80% da poboación que non leu a Constitución Europea, declarándose "desinformada" sobre o contido, votou nun 80% en apoio do tratado constitucional. E pola contra, en Francia, cun 66% de poboación que se di "mal informada", o "non" rolda o 51%; o que quer dicir que con moitos problemas se poderá conseguir a aprobación en referendo, entre outras cousas, porque a idea que os franceses e francesas teñen de Europa, é quizais, ben diferente á doutros europeos coma os españois en xeral.
 

Contemplando as manifestacións contra a Constitución europea en Francia, padecemos sentimentos encontrados. Dunha banda, parece difícil non negarse ó desexo de compartir país cunha masa de poboación que só entende o mundo dende os intereses dun Estado, e da propia nacionalidade, dende unha postura irracional, que non é única nos franceses.

Unha morea de pancartas cun denominador común, "la France" por transfundo, parecen denunciar o que para eles é un crime: a máis que distante ameaza da desaparición do Estado Nación a partir dun proceso de integración europea, co mesmo pánico propio dun neno que oíu falar por primeira vez da fin do mundo.

Esquécense, sen embargo, que ese Estado Nación do que falamos, é o causante de tanta rivalidade histórica, revanchismo, conflito, e a orixe do nacemento da Unión Europea como solución a longo prazo para solventar os problemas creados por estes mal chamados "Estados Nación".

Pero tamén, falar dun estado europeo que contrabalancee as potencias mundiais é en parte unha falacia no plano político, unha realidade no comercial, e un desexo para os que cremos na igualdade máis aló da orixe, sexo ou relixión.

A percepción da realidade aquí e noutros lados é diferente. É lóxico. Non esquezamos que no Estado español, cun 80% da poboación que non leu a Constitución Europea, declarándose "desinformada" sobre o contido, votou nun 80% en apoio do tratado constitucional. E pola contra, en Francia, cun 66% de poboación que se di "mal informada", o "non" rolda o 51%; o que quer dicir que con moitos problemas se poderá conseguir a aprobación en referendo, entre outras cousas, porque a idea que os franceses e francesas teñen de Europa, é quizais, ben diferente á doutros europeos coma os españois en xeral.

Aquí, Europa é aínda hoxe sinónimo de subvención, de modernidade e vangardas, e por paradóxico que pareza, non nos cremos insertos no primeiro mundo, se ben é certo que sentimos que o tocamos coa xema dos dedos. Pero en Francia, Europa, a pesares das diferenzas nas apreciacións do mercado que existen cos británicos máis favorables ó "free market", é o sinónimo dunha prolongación da "Ille de France", un territorio inmenso para que se vendan os produtos de Loreal, Leroy Merlin e compañía, pero coa premisa de conservar o traballo e a concentración de recursos en Francia primordialmente, e en París e o seu entorno, en concreto.

Esta é a razón pola que as maiores factorías de Airbus, a Axencia Espacial Europea, ou os pretendidos estaleiros europeos ós que se pretendían asociar os restos de Izar, están dentro das fronteiras francas.

Outro bo partido para os desexos destes gobernantes franceses, é o da política exterior, do que é bo exemplo Côte d’Ivoire, onde Francia entendeu ben a utilidade europea para blanquear as súas accións de control de África. Daí que chegado o momento, potenciada e xustificada a política exterior a partir das etiquetas do tipo "cooperación", ou "acordo comercial para o desenvolvemento", os tratados que se firman pasan a ter nomes tan exóticos como de acento afrancesado, debido a que os acordos asínanse nas súas antigas colonias, en Lomé, Cotonou ou Yaundé, por poñer exemplos.

Cando as cousas se torcen, a economía se complica e os socios da Unión Europea se multiplican, os beneficios que Europa aporta, deixan de ser tan evidentes. Bruxelas, pasa a ser o chibo expiatorio de todos.

O crecemento do paro débese á adhesión dos novos membros que teñen salarios máis baixos e provocan a deslocalización. Os españois invaden o seu mercado de tomates baratos. A inmigración agravase pola pretendida adhesión de Turquía, e a cacofonía impide facerlle fronte ós unilateralistas americanos.

En función disto, as enquisas deixan de ser favorables ó voto afirmativo, e mesmo, os políticos concéntranse nos intereses particularistas ante a complexidade do novo tratado constitucional. Polo visto, aquí como alí, leva moito tempo extraer o que é necesario dicirlle á sociedade, e Sarkozy prepara xa o asalto da presidencia contra Chirac e Raffarin na dereita, e Laurent Fabius ou de Hollande, no partido socialista. O uso da cámara é fundamental para deixarse ver. Todo encuberto e cheo de mala fe, mentres se comezan a analizar os escenarios do fracaso. Que pasa se non se aproba a Constitución en Francia? Haberá un plan B? Ou tal vez un grupo pioneiro de selectos países que ilusione de novo? Como se só a Francia esencial fose a pedra angular de toda a armazón.Para qué son necesarios os outros!? "Je garde la France".