Hong Kong: ecos do cumio da OMC

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Xosé Ramón Cendán e Lidia Senra, clic para aumentar
Amais das protestas e dos arrestos de críticos e opositores, entre eles do galego Xosé Ramón Cendán, do Sindicato Labrego Galego, os ministros acadaron un acordo "parcial" que pospón para o futuro os grandes arranxos. De feito, en Hong Kong, tentouse gardalas aparencias cun pequeno compromiso que puidese romper coa tónica pesimista que viña sendo habitual despois do fracaso de Seattle ou Cancún. (Foto: Xosé Ramón Cendán e Lidia Senra, secretaria xeral do SLG, nunha protesta contra a multinacional Nestlé en Vevey (Suíza), en marzo de 2003. ©SLG).
 

Despois de seis días de negociación, cabe preguntarse que quedou en claro da transacción entre os 149 estados membros da OMC que se reuniron a semana pasada en Hong Kong. Amais das protestas e dos arrestos de críticos e opositores, entre eles do galego Xosé Ramón Cendán, do Sindicato Labrego Galego, os ministros acadaron un acordo "parcial" que pospón para o futuro os grandes arranxos. De feito, en Hong Kong, tentouse gardalas aparencias cun pequeno compromiso que puidese romper coa tónica pesimista que viña sendo habitual despois do fracaso de Seattle ou Cancún, o que non disipou as críticas a un organismo, a OMC, cualificado de xurásico, neolítico e medieval, por Pascal Lamy antes da súa chegada a comisario na UE.

O acordo chegou baixo a presión exercida ate o último instante polos países en desenvolvemento, como Brasil ou India, que avogan pola reforma dos subsidios agrarios, e que acordaron coa UE que tratarían da eliminación dos subsidios á exportación para o 2013. En realidade, as pretensións apuntaban á supresión desta axuda á exportación para o 2010, o que provocou a creación dunha alianza ficticia e temporal entre os países en vías de desenvolvemento e os EEUU. Non obstante, os negociadores europeos foron quen de resistir o empuxe, e tan só están dispostos a conceder reduccións substanciais máis aló do 2013. É dicir, tres anos despois do requirido, cando, como se apunta dende as ONGDs, os subsidios á exportación representan unha parte tan ínfima como o 3,5% da axuda total europea á agricultura. En suma, a agricultura ,que é o area de maior importancia para os países en desenvolvemento, sae destas negociacións ministeriais case como estaba, pois non existiu un gran compromiso no referente ó recorte das axudas á agricultura, tanto á exportación como das domésticas, que provocan comportamentos anticompetitivos e prácticas desleais ó comercio internacional como o dumping.

Outra sonada promesa é o incremento das axudas ós países máis pobres. As restriccións das importacións de bens en proveniencia dos 50 países menos desenvolvidos, deberían ser atalladas, aportándoselle unha maior contía de axuda técnica a estas economías. Pero a porta quedou aberta para que os países ricos poidan protexer os productos considerados clave, sen chegar a un acordo mínimo sobre os bens que deben quedar libres de arancel en favor da promoción do comercio cos estados máis pobres do planeta. As organizacións non gobernamentais denuncian o fraude que segundo elas supón o feito de que as promesas se convertesen en ofertas case baleiras de axuda a cambio de comercio.

O algodón, unha das produccións esenciais da que dependen algúns dos estados máis pobres do mundo, enfrontaba ós EEUU cos países africanos de Sahel (Burkina Faso, Malí, Chad, Benin), en función das axudas que os estadounidenses proporcionan á súa exportación. Os estadounidenses, que prometeron suprimir estas contribucións, nunca citaron a supresión das axudas internas, nin tampouco pensan en desfacerse dos aranceis impostos ós bens téxtiles procedentes de Bangladesh ou Camboxa.

No tocante ós bens industriais e ós servicios, non se chegou a ningunha obriga e espérase que este acordo de mínimos na agricultura teña continuidade noutros sectores nas próximas xuntanzas do 2006. Dende as organizacións non gobernamentais, houbo críticas que apuntan cara unha falla de compromiso por parte dos integrantes máis poderosos da OMC para alcanzar un acordo e cambiar as pautas actuais do comercio internacional. En realidade, as achegas son escasas na agricultura, e nulas en servicios e bens de tipo industrial. O 30 de abril de 2006, proseguiranse cunha nova rolda de negociacións, á espera de que existan maiores progresos na axenda de Doha.

En suma, o sistema negociador da OMC, con non ser o mellor non é desprezable. A pesares da cacofonía xeralizada e da intransixencia dalgúns actores, é un mecanismo que lles outorga a tódolos estados uns dereitos cos que non contan nos sistemas de convenios bilaterais e rexionais, do tipo dos acordos de preferencia (Preferential Trade Agreements), que marxinalizan ós países máis febles. O gran problema da OMC é a extorsión ós pequenos países, que non ousan ofrecer resistencia por si solos ós grandes pesos pesados da economía internacional, e que deben organizarse en grupos como o G20, o grupo de Cairns, o G77, ou outros similares. Neste senso, imponse a necesidade de garantir o acceso dos países máis pobres ós mecanismos de reclamación, sen que obteñan en contrapartida calquera tipo de represalia. Curiosamente, o problema desta aposta é que suporía impor regulación, dándose o paradoxo de que a OMC é unha institución que naceu para liberalizar e desregularizar o comercio, o que no fondo semella unha contradicción.