20050621camillo ruini

Intervencionismo católico en Italia

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Camillo Ruini, clic para aumentar
O presidente da Conferencia episcopal italiana, o cardeal Camillo Ruini, chamou á abstención masiva, que foi apoiada polo papa Benedicto XVI en nome do carácter sagrado da "concepción da vida". Pola contra, a secretaria de Estado para os asuntos exteriores, como valedora do si, Margherita Boniver, queixouse do que considera como imposición da Igrexa, que entorpece o avance da sociedade, e sempre á contra nas reformas sociais.
 

A intervención da igrexa na política e no miolo das sociedades contemporáneas, está máis viva do que todos coidamos. O exemplo das manifestacións desta pasada fin de semana en Madrid, non é o único deste tipo de prácticas de oposición, de protesta e de intervención máis aló do ámbito espiritual. Un referendo encamiñado a facilitar a reprodución asistida en Italia, fracasou rotundamente por mor da feble taxa de participación dos electores, que acadou o 25,9% segundo os resultados facilitados polo Ministerio do Interior.

Só un elector de cada catro votou nun plebiscito organizado para reclamar o parecer cidadá nun tema tan complexo, establecendo dous días para emitir o voto, a sabendas de que a validez da consulta dependía da participación do 50% máis un dos electores.

A igrexa torpedeou e impediu a participación da sociedade nesta consulta que se presumía difícil logo das eleccións rexionais, que foron un tsunami para os gobernos da coalición da dereita da Casa da Liberdade, e que serviu de inicio da campaña para unhas eleccións xerais previstas para maio do ano que ven.

O presidente da Conferencia episcopal italiana, o cardeal Camillo Ruini, chamou á abstención masiva, que foi apoiada polo papa Benedicto XVI en nome do carácter sagrado da "concepción da vida". Pola contra, a secretaria de Estado para os asuntos exteriores, como valedora do si, Margherita Boniver, queixouse do que considera como imposición da Igrexa, que entorpece o avance da sociedade, e sempre á contra nas reformas sociais.

Enma Bonino, a antiga comisaria europea, tamén criticou a inxerencia da igrexa na política e na sociedade. Segundo ela, hai tres vítimas desta inxerencia, a laicidade do estado, a autonomía dos partidos políticos, e a institución do referendo e da iniciativa popular. Unha postura lexitima, a de non estar de acordo con este tipo de prácticas, non ten porqué chocar frontalmente coa consulta popular, senón que simplemente se debería traducir nunha resposta negativa nela.

Malia todo, a maioría dos dirixentes da política italiana participaron sen deixarse influír polos designios e os preconceitos da igrexa. Dende o xefe do Estado, Carlo Azeglio Ciampi, ata o vice-ministro Gianfranco Fini. Sen embargo, o primeiro ministro, Silvio Berlusconi, desapareceu da escena e non se soubo do seu paradoiro durante toda a fin de semana. E non votou. Cando foi demandado ó respecto, dixo que non pretendía influír na opinión a pesares de ter a súa propia opinión.

Os electores foran convocados para modificar catro artigos xulgados como demasiado restritivos no cadro da lexislación que enmarca a reproducción asistida, que adoptou o parlamento en febreiro de 2004; a prohibición de utilizar óvulos ou espermatozoides de donantes alleos á parella, de embrións xa conxelados e destinados á destrucción para o uso científico; a imposibilidade de fecundar in vitro máis de tres embrións á vez; e a mención ós dereitos do embrión.

Non só se culpa á intervención da igrexa da falla de participación. Tal vez fose tamén debida á complexidade do tema a referendar. Non se conta tódolos días con referendos deste tipo, onde poder calibrar o peso e a madurez dunha sociedade, e exercer unha democracia directa que desborde aquela que se exercita cada catro anos. Pero estragouse a ocasión.

A ministra de igualdade de oportunidades, Stefania Prestigiacomo, fiel seguidora do "si", non escondeu a súa desilusión co resultado do referendo. E afirmou que é un atranco quedarse cunha lei chea de erros e atrasada. "Pobres mulleres", afirmaba, logo de constatar a resposta popular. Os consultados neste referendo decantáronse nun 68 por cen, pola defensa do status quo.