20051127 1209montreal2005

Kyoto en Montreal

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Montreal 2005, clic para aumentar
Este encontro, o Cumio de Montreal, está considerado como unha das reunións sobre cambio climático máis importantes dende 1997 porque ten por obxectivo asentar definitivamente os primeiros mecanismos de redución das emisións. Como exemplo disto serven os créditos de carbono, mediante os cales os países que non excedan os obxectivos de redución das emisións de gases efecto invernadoiro, poden vender os dereitos de emisión de CO2, de acordo co establecido no Protocolo. Este é o instrumento máis relevante á hora de acadar un certo grao de harmonía no nivel de cumprimento dos acordos, a través dos incentivos económicos que isto reporta. Pero o tema clave é abrir as negociacións cara maiores reducións logo do 2012, o que non parece tan factible. (Ilustración: Montréal 2005: United Nations Climate Change Conference).
 

A ONU auspicia nestes días unha conferencia no Canadá, en Montreal, para intentar intensificar os esforzos na loita contra o quentamento global. A conferencia, en dous formatos, o da Convención para o Cambio Climático e o Protocolo de Kioto, ten por diante o difícil reto de incluír a Estados Unidos e as nacións en desenvolvemento nun acordo conxunto para máis alá de 2012, cun nivel de sacrificio ecolóxico que sería proporcionado e calibrado ó nivel de evolución no que se atope cada economía particular. A priori, parece difícil achegar o compromiso cos estadounidenses, logo de que no 2001 o presidente Bush se retirara dun proceso que viña encamiñado da man de Clinton, e no que EEUU, que participa da Convención, retirouse do Protocolo de Kioto. Amais diso hai outro floco pendente: a creación dun Fondo de Adaptación, polo que os países en vías de desenvolvemento recibirían o 2% de tódolos proxectos de desenvolvemento limpo. O problema é saber quen xestionaría o Fondo, e onde se situaría a súa titularidade. Un problema que se resolverá probablemente en Bonn, na reunión habitual entre conferencias.

Este encontro, o Cumio de Montreal, está considerado como unha das reunións sobre cambio climático máis importantes dende 1997 porque ten por obxectivo asentar definitivamente os primeiros mecanismos de redución das emisións. Como exemplo disto serven os créditos de carbono, mediante os cales os países que non excedan os obxectivos de redución das emisións de gases efecto invernadoiro, poden vender os dereitos de emisión de CO2, de acordo co establecido no Protocolo. Este é o instrumento máis relevante á hora de acadar un certo grao de harmonía no nivel de cumprimento dos acordos, a través dos incentivos económicos que isto reporta. Pero o tema clave é abrir as negociacións cara maiores reducións logo do 2012, o que non parece tan factible.

Por outra parte, o Protocolo de Kioto, entrou en vigor hai moi pouco: o 16 de febreiro de 2005. E nel, máis de trinta países industrializados vinculáronse a través deste tratado internacional, comprometéndose a reducir as súas emisións entre o período 2008-2012. O Protocolo comezou a aplicarse cando Rusia aceptou formar parte e realizar a oportuna ratificación. Agora, uns 10.000 delegados, de 189 gobernos, grupos de influencia medioambientais e empresas, asisten, dende o 28 de novembro ata o 9 de decembro, ás conversas deste Cumio no que ser pretende afondar nos aspectos máis conflictivos e que EEUU boicotea negándose a negociar ningún tipo de reducción.

EEUU é o estado máis contaminante do mundo e, xunto con Australia, rexeitaron o acordo de Kioto abertamente. Baixo este tratado, acordárase recortar as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 5,2 % por debaixo dos niveis de 1990 para o período 2008-12.

A UE considera que, ó ritmo actual, cumprirá cos compromisos recollidos en Kioto, dous anos antes do esperado: no 2010. Por poñer un exemplo, Alemaña e Gran Bretaña, diminuíron xa as súas emisións dunha forma clara. Alemaña nun 18,2%, e o Reino Unido o 13,3%, segundo informou este mes a ONU nun dos seus informes. Entre o nadir e o cénit, sitúanse multitude de países en vías de desenvolvemento, cada un con condicionantes particulares. China, o segundo maior emisor de gases con efecto invernadoiro, que está exento das cotas impostas polo propio protocolo, criticou a postura de EEUU de manterse á marxe de Kioto e da súa negativa a traballar por un acordo similar para despois de 2012. O principal atranco para EEUU segundo Bush, é que Kioto eliminaría unha gran cantidade de empregos estadounidenses, afectando á economía americana. Washington é partidario de solucións tecnolóxicas e medidas voluntarias para non interferir co crecemento económico, que sería a súa prioridade. Neste punto tamén se encontraría o debate moral sobre o dereito ó crecemento de estados como China e India, e sobre a limitación das emisións nas economías avanzadas. Un informe de Nacións Unidas amosou que nos países industrializados as emisións de gases de efecto invernadoiro, responsables do quentamento global do planeta, diminuíron, nun promedio do 5,9 %, pero, sen embargo, o seu crecemento non se reduciu na mesma proporción, o que desminte a incompatibilidade de obxectivos ecolóxicos e económicos que postula o goberno estadounidense.

Esta conferencia pon en evidencia tamén a situación embarazosa dos canadenses, que tendo nas mans a organización da Conferencia, contan cunhas emisións de CO2 que gabearon ata un 24,2 %, tendo en conta que as emisións doutros grandes países industrializados diminuíron. Ademais, ten que lidar co veciño do Sur, para o que propuxo o martes un documento de consenso fortemente criticado pola súa debilidade, onde non se fala de obxectivos, nin de calendarios, aínda que si se sinala a data do 2007 para revisar as accións emprendidas. Este documento semellase mais ás conclusións do encontro que a unha proposta de busca de entendemento, e así llo fixeron entender os emisarios europeos.

O problema consiste en que EEUU preme coa súa negativa a adoptalas reduccións que virían impostas no Protocolo, e a cada nova proposta para tentar convencelos a través de debates formais seguidos dunha rebaixa dos obxectivos criticadas polas ONGs, afirman que non van entrar na discusión.

Ante este mutismo constante, presentouse un novo texto de compromiso para achegar posicións na XI Conferencia da ONU sobre Cambio Climático, que podería desbloquear as negociacións despois de días sen avances. Aparentemente, existe unha estratexia artellada en catro puntos que se espera dea resultados e achegue as posturas. Ademais, os grupos que traballan en aspectos do Protocolo de Kioto, no que non está incluido EEUU, chegaron a un acordo para reducir ó máximo os aspectos conflitivos que os países que ratificaron o Protocolo de Kioto manteñen cos países en vías de desenvolvemento (G77), nun intento de illar ó máximo posible a EEUU e forzalos a entrar na negociación. De momento, a estratexia parece estar funcionando no que respecta á reducción de asperezas con países como China, India ou Brasil. Pero en canto a EEUU,o s prognósticos dun compromiso son pouco favorables tendo en conta o respaldo que recibe o goberno conservador de Bush dos lobbies industriais norteamericanos.