20050912noruega jens stoltenberg

Noruega, fracturas no paraíso

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Jens Stoltenbergh, clic para aumentar
Jens Stoltenbergh sabe impoñerse. Xa o demostrou no 2001, cando os desastrosos resultados electorais non acabaron coa súa carreira política, senón que foron seguidos por unha dura batalla polo liderado do partido laborista noruegués, da que, finalmente, saíu vitorioso.
 

¿Máis estado do benestar ou recortes de impostos? Este era cabalo de batalla no reino de Noruega, cando se preparaba a confrontación electoral da pasada fin de semana. Curiosamente, no país que mellor se vive segundo as valoracións dos organismos internacionais (índice de desenvolvemento humano da ONU), existe unha gran demanda social a prol dun mellor reparto da riqueza.

As propostas de Kjell Bondevik, no tocante á redución dos impostos e mellora da educación e a sanidade, non tiveron resonancia suficiente e foron contrarrestadas polas inquedanzas da sociedade con respecto ó reparto da riqueza e a inmigración.

A pesar de todo, ao ex-primeiro ministro, Kjell Bondevik, resultaralle difícil encaixar que unha maioría social, aínda que axustada, lle dese as costas. Certo presentou a dimisión, que non se fará efectiva ata outubro, pero logo de queixarse amargamente dos seus desagradecidos compatriotas, que unha vez instalados na cima do benestar, retíranlle a confianza dunha maneira tan estrepitosa.

A confianza perdida en Kjell Bondevik, decorreu por dúas canles ben distintas. Unha primeira, que levou á reelección de Jens Stoltenber, quen xa tivera un paso fugaz pola dirección do executivo noruegués entre o 2000 e 2001, como primeiro ministro da coalición de esquerda dirixida polos laboristas. Dúas, a expresada en forma de voto de protesta da dereita populista, representada polo Partido do Progreso (FrP), de Carl Hagen, quen non descartaban participar nunha coalición de dereita se o anterior primeiro ministro era derrotado.

Este último partido, o FrP, adquiriu unha forte presencia entre mozos e retirados. E aínda que nega calquera tipo de paralelismo coa Fronte Nacional francés, o certo é que ampárase en tódalas cuestións que suscitan inquietude para transformalas en viveiros de sufraxios. Así, cunhas cotas do 4,5% de paro, conseguen seducir a aqueles electores máis disconformes coa inmigración e recoller os votos necesarios para situarse como segundo partido máis votado, despois dos laboristas. A estratexia do FrP ten liñas causais claras, establecendo conexións entre a inmigración e o incremento dos niveis de crime, e postulando a selección dos inmigrantes, especialmente para dificultar a chegada de individuos de "culturas remotas". Dende a minoría de orixe paquistaní, a máis representativa das minorías do país (arredor de 25.000 ou 30.000 persoas), erguéronse numerosas voces de protesta.

Pero é que ademais, o FrP é o único partido que propón o uso das ricas reservas petroleiras norueguesas, para sufragar outras necesidades actuais como a sanidade ou o coidado dos anciáns, contradicindo a política de Fondo de Reserva establecida en 1990, estimada nun valor de entre 140 a 170 millares de euros, dos que tan só se utiliza o 4%,para economizar pensando no futuro das pensións.

Con este dereita populista cun nivel de respaldo do 21,2%, que a sitúa como a segunda forza máis votada, a esquerda laborista ten por diante difíciles retos. A hecatombe dos conservadores e democristiáns, deixou o camiño achandado para que o partido de Carl Hagen e as súas propostas determinen boa parte do debate político nesta opulenta sociedade.

Por outra banda, o Partido Laborista, habituado a gobernar en solitario durante catro décadas, vai ter que entrar en diálogo coa Esquerda Socialista (SV) -que baixou pero segue sendo relevantes-, e os centristas. A SV é un aliado complexo para o goberno, pois defende postulados ben distantes tanto en materia exterior como en política interna. Por exemplo, tradicionalmente, son contrarios tanto á UE como á OTAN e o atlantismo proestadounidense, ou opóñense á construción de centrais térmicas a gas por consideralas contaminantes e a realizar novas prospeccións petroleiras no mar de Barents.

Pero Stoltenbergh sabe impoñerse. Xa o demostrou no 2001, cando os desastrosos resultados electorais non acabaron coa súa carreira política, senón que foron seguidos dunha cruenta batalla polo liderado do partido laborista. Finalmente conseguiu renacer e saír victorioso, superando a Thorbjørn Jagland. En calquera caso, Stoltenbergh, considerado o Toni Blair noruegués, parece estar situado ideoloxicamente á dereita do seu partido, o que pode amplificar a confrontación no seo da coalición de goberno. Do equilibrio e bo entendemento que poidan establecer nesa coalición, vai depender tamén a evolución do respaldo electoral da extrema"dereita.