omc hong kong 2005convention04a

O debate da OMC en Hong Kong

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Centro de Convencións e Exhibicións de Hong Kong, clic para aumentar
Entre os días 13 e 18 de decembro 2005, en Hong Kong (China), dentro dos catro anos de traballo da axenda de negociacións de Doha, celebrarase a sexta conferencia interministerial da OMC, que pretende chegar a un acordo para o 2006 arredor da liberalización dos intercambios comerciais. (Foto: Centro de Convencións e Exhibicións de Hong Kong, lugar onde se celebrará o evento).
 

Entre os días 13 e 18 de decembro 2005, en Hong Kong (China), dentro dos catro anos de traballo da axenda de negociacións de Doha, celebrarase a sexta conferencia interministerial da OMC, que pretende chegar a un acordo para o 2006 arredor da liberalización dos intercambios comerciais. Esta xuntanza debería conducir a unha maior reducción de barreiras no comercio para agricultura, servicios e as produccións téxtiles. Pero, en definitiva, o tema agrario, é dicir, a obtención de aceso ós mercados dos países máis ricos e a eliminación das subvencións, visto dende unha ou outra perspectiva, é o cerne da negociación.

Os grupos rivais

Neste encontro, tres grupos de interese, con pretensións e obxectivos ben diferentes, enfróntanse na busca das mellores avantaxes comerciais. Por un lado, un primeiro pelotón destacado de países ricos como son EEUU, a UE ou o Xapón, con economías avanzadas e protexidas, que por medio das subvencións ás exportacións, as barreiras non aduaneiras e doutros mecanismos similares, pretenden dispensar as mínimas concesións ós competidores máis eficientes en materia agraria.

En segundo lugar, dentro dos países en vías de desenvolvemento, teríamos que facer unha distinción importante entre aqueles que como Brasil ou Arxentina forman parte do grupo de Cairns que avoga pola plena apertura dos mercados sendo grandes exportadores de productos agrarios, e aqueles estados que como India ou China son grandes consumidores dos froitos da terra. India e Nixeria, por exemplo, son bastante máis cautos á hora de abrir completamente os seus mercados agrarios salientando cuestións de seguridade como escusa. Estes actores aínda que coincidan en demandas comúns e poidan ter intereses puntualmente coincidentes nun mesmo grupo de presión, contan con condicionantes moi distintos.

Non obstante, é dos beneficios ós países pobres do que menos se sinte falar, a pesares de que os amparan en condicións preferentes no acceso ó mercado dos países ricos. Con todo, na maioría dos casos estes estados non contan cunha economía competitiva e un peso suficiente que lles permita sacar rendemento desta circunstancia.

En definitiva, o fío conductor das tensións e hostilidades é a política de protección agraria, que as economías máis competitivas levan a cabo. De feito un estudo de 2005 calcula que dous terzos das ganancias que se esperan da liberalización do comercio virían do sector agrícola, onde os máximos beneficiarios, os exportadores de productos agrícolas máis competitivos, agrupados no grupo de Cairns (Brasil, Arxentina, Australia, Nova Zelandia, Canada… ) serían os que sacarían tallada.

Necesidade dun equilibrio entre protección e liberalización

Obviamente, en caso de chegar a unha completa liberalización dos intercambios agrarios, os países que protexen os seus mercados con tarifas aduaneiras importantes, sobre todo no que se clasifica como productos "sensibles", verían como unha boa parte dos seus agricultores desaparecerían; emporiso, os consumidores terían acceso a productos agrícolas máis baratos ó non ter un prezo sostido artificialmente a través das barreiras. Con todo, non hai que esquecer a necesidade de protexer espazos locais onde a economía é excesivamente dependente de determinadas produccións, e onde a chegada masiva de mercadorías a prezos por debaixo do seu custe de producción acabaría por facer unha desfeita ante a falla de alternativas de subsistencia.

Non é tampouco de esquecer que os países en desenvolvemento menos competitivos e tamén os máis pobres son viables grazas aos acordos referenciais cos grandes bloques económicos que lles permiten o acceso sen trabas ós seus mercados. Que no contexto da OMC se obrigue a xeralizar os acordos para tódolos membros impoñeríalles a dificultade de ter que competir cos grandes exportadores internacionais, contra os que toda concorrencia é inútil debido ó atraso e ás economías de escala, facéndolles perder as cotas de mercado ás que ata agora tiñan acceso, como aconteceu, por exemplo, co téxtil ó principio deste ano. Ademais, se ós países en desenvolvemento non se lles permite excluír algúns cultivos clave da reducción arancelaria que impón a OMC, ponse en perigo o medio de vida de amplas capas sociais desfavorecidas.

Un bo exemplo deste ultimo apuntamento é o caso da producción de arroz. Os 13 países productores de arroz "entre os que se inclúen India, China, Nicaragua e Exipto", obrigados a reducir de maneira automática os aranceis aplicados a este producto, poñen en perigo o medio de vida dos seus agricultores. Estes 13 países producen aproximadamente a metade do arroz mundial, e representan a uns 1.500 millóns de persoas que viven da agricultura.

Cales son as produccións clave?

Con este panorama, as principais mercadorías sobre as que se establece a polémica son o algodón, os productos leiteiros, os cereais e o arroz, e a carne bovina. O algodón opón ós países africanos de Sahel (Burkina Faso, Malí, Chad, Benin) ós productores americanos, sobre todo ós EEUU, que subvenciona esta producción de forma masiva. O final da protección no mercado do algodón é esencial para que os países máis pobres poidan saír adiante cun crecemento estimado de entre o 4% ó 15% anual, co condicionante de ter en conta que afecta a millóns de persoas e economías familiares de África.

Nos productos leiteiros, os cereais e carne bovina, os negociadores europeos teñen unha actitude un tanto confusa. O nivel de protección do mercado do cereal rolda o 46%, o dos productos leiteiros do 89 ó 125%, e do 75 ó 120% sobre a carne. Nun mercado libre, confrontados a grandes productores de cereais e carne como Arxentina e sobre todo Brasil, habería poucas posibilidades de que os agricultores europeos puideran competir sen axudas como ata agora. Sen embargo, a especialización rexional tradicional en Europa nalgunha destas produccións, e a creación de fortes lobbies que se encargan de cada sector, teñen un forte impacto nas axendas dos gobernos, sobre todo daqueles que lle outorgaron grande importancia á agricultura despois da segunda guerra mundial, como é o caso francés, ou que aínda contan cun sector agrario potente, como no caso de Polonia, Irlanda ou España.

Outro tanto ocorre coa producción de azucre. A UE, que foi condenada nun contencioso pola OMC, debe reformalo sistema productivo. Para 2006, o prezo garantido de 620 euros a tonelada, debe baixar o 39%; non obstante aínda sigue sendo moi superior ó prezo mundial. Máis aló dos efectos que se producirán sobre os produtores de remolacha franceses, españois ou irlandeses, están en xogo as plantacións nos territorios de ultramar de Francia -as illas Mauricio, por exemplo, ou Barbados-, que dependen case integramente deste tipo de producción para vivir. Por iso existe unha forte resistencia dos galos para chegar a un acordo.

Finalmente, os países máis pobres veríanse prexudicados se perden a discriminación positiva de acceso ós mercados, a través dun desmantelamento xeralizado de barreiras ó comercio coa xeralización das cláusulas da OMC. Non só non serían capaces de producir e exportar, pois terían que competir con produtores máis eficientes e de maior tamaño que lles invadirían o propio mercado, senón que se lles crearían fortes desequilibrios sociais ó eliminar o medio de vida de parte das súas poboacións. Neste sentido, a súa participación nesta rolda de negociacións do Doha Round, carece de lóxica, pois o seu peso no comercio mundial é marxinal e o desmantelamento das barreiras só lles dificultaría as poucas exportacións que son capaces de colocar nos grandes mercados. Polo tanto, se o grupo de Cairns ten razóns para ser ambicioso, os países menos desenvolvidos levan todas as de perder.