20051021david cameron

O inmobilismo dos tories: David Cameron ou David Davis?

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 David Cameron, clic para aumentar
A mensaxe de Cameron (na foto) é de optimismo e de cambio. A vitoria dos conservadores fronte ós laboristas é posible se el chega ó liderado do partido, asegura. A súa estratexia toma exemplo do carácter gañador das campañas de Reagan nos EEUU da década de 1980. En contraste, Davis, fai campaña incidindo máis na política que na imaxe do líder, prometendo recortes dos impostos e un incremento das taxas inferior ós índices de crecemento, de chegar a primeiro ministro.
 

David Cameron pasa por ser o Tony Blair dos Conservadores. Hábil cos medios de comunicación, calcando o estilo do escocés, candidato novo e de boa presencia, encarna a esperanza da dereita británica de dar un xiro que deixe na gabia ó dúo Blair-Brown dos laboristas. Pero antes de entronizarse como líder dos conservadores, David Cameron ten aínda que enfrontarse nun cara a cara a un rival do mesmo nome, David Davis. Davis, que conta con 57 anos, percorrerá o país enteiro nun helicóptero pagado polos seus seguidores, tratando de convencer ós 300.000 membros do partido conservador de que necesitan a experiencia e a veteranía que el aporta, en troques da inmadurez dun home de 39 anos como Cameron.

As apostas parecen favorables á elección de Cameron, pero David Davis non tira a toalla. Davis sabía que a competición era difícil, e afirmou que se retiraría se Cameron gañaba a segunda volta co apoio da metade dos 198 parlamentarios conservadores. Davis, vencedor na primeira quenda das primarias o día 18 de outubro "á que tamén se presentou Lían Fox e Kenneth Clarke", perdeu na segunda quenda das primarias dous días despois. Cameron alcanzou 90 votos, quedando non moi lonxe de esnaquizar o soño de David Davis que recibiu o apoio de 57 parlamentarios, mentres que Liam Fox foi eliminado ó obter 51. No entanto, David Davis pasou a barreira con David Cameron, e entra nunha nova etapa onde os 300.000 membros do partido conservador, e non os parlamentarios, elexirán o seu lider. Agora, os dous venderán, polo país adiante, as promesas persoais ás asociacións conservadoras en 11 eleccións rexionais.

A mensaxe de Cameron é de optimismo e de cambio. A vitoria dos conservadores fronte ós laboristas é posible se el chega ó liderado do partido, asegura. A súa estratexia toma exemplo do carácter gañador das campañas de Reagan nos EEUU da década de 1980. En contraste, Davis, fai campaña incidindo máis na política que na imaxe do líder, prometendo recortes dos impostos e un incremento das taxas inferior ós índices de crecemento, de chegar a primeiro ministro. Os seus conselleiros confían en que o idilio de Cameron cos medios de comunicación acabará antes ou despois: Cameron é unha recreación mediática. O problema da estratexia de Davis é que se a burbulla mediática non se acaba pronto, os militantes recibirán as papeletas como está previsto o 5 de novembro, e moitos deles farán a elección inmediatamente, enviando as papeletas antes de que as eleccións locais teñan lugar. Desta forma, os intereses de Davis poden danarse. Hoxe conta con menos apoios entre a base militante.

Do punto de vista programático, semella que os conservadores europeístas aproxímanse a Davis en lugar de Cameron. David Cameron plasmou a súa visión do conservadorismo alá polo mes de marzal. Definiuna como conservadorismo práctico máis que idealista. As súas pretensións esténdense ó recorte de impostos para, segundo afirmou, deixar máis diñeiro en mans das familias; algo parecido ó que dicía George Bush antes da reelección presidencial. Tamén avoga por retirar algúns poderes exercidos por Bruxelas, en concreto, no ámbito do social e do emprego; e tamén pola retirada dos conservadores do Partido Popular Europeo en razón da súa chamada a unha maior integración comunitaria. Asemade, suxeriu darlle mais voz á poboación local no que respecta ás forzas do orde. En educación, propón autonomía para que os pais poidan elixir o colexio ó que queren mandar os seus fillos, sen ter en conta o selectivismo e as actividades anticompertenciais na imposición das tarifas. De feito, a Office of Fair Trading ven de descubrir e denunciar o pacto de prezos existente ntre institucións educativas que multiplicou por cinco as tarifas dende o 2001. No tema de Iraq, sen as dúbidas de Ken Clarke, aproxímase máis ó Blairismo, avogando pola responsabilidade compartida dos británicos cos estadounidenses, na promoción do cambio, da reforma e da liberalización de Oriente Medio.

David Davis amosouse favorable á pena de morte en 2003, e hostil á Unión Europea. Achácaselle non ser un gran orador, e é percibido como un conservador social ligado ás tradicións e á familia clásica que rexeita as rupturas abruptas na estratexia dos conservadores. O seu discurso céntrase en sacarlle o máximo partido a cada pound invertido dos contribuíntes, e en mellorar os servizos públicos. Trátase dun home de herdanza thacherista, que pretende liberalizar a economía e regulamentar minimamente, baixando os impostos, fortalecendo a orde pública e endurecendo as penas. Ademais, pretende acabar cos monopolios e impulsar a competición recortando o asistencialismo dos sistemas de benestar social para impulsar o uso pleno dos recursos no mercado de traballo.

Con este panorama, é difícil soster que os conservadores se estean a mover cara o centro político, e mesmo gañar unha maior representatividade do voto urbano. Tal vez o feito de que os laboristas ocupasen parte do seu espazo natural, provoca o continuísmo rancio na dereita conservadora británica, que parece estar sen ideas e amarrase, en ultima instancia, ós postulados thatcherianos como táboa de salvación. Os conservadores andan necesitados de ilusión e viven do recordo de épocas pasadas. Sen embargo, os militantes máis espertos e conscientes da falla de ideas, senten como o partido agatuña sen remedio por saír do pozo no que entrou dende a chegada de Tony Blair.