200406istanbul tayyip erdogan01

Turquía na corda frouxa da adhesión europea

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
Polo momento, moitos problemas seguen sen solventarse, mentres o tempo pasa rápido. Os acordos deberíanse ir cumprindo paulatinamente. O primeiro ministro Erdogan terá que apurar o paso xa que o goberno de Turquía tampouco cumpre cos deberes de introdución de reformas lexislativas noutros campos. As modificacións no sistema tributario van demasiado lentas, e é posible que non cheguen a tempo. A seguridade social turca é máis ou menos como a china… disque existe, pero son tantos que as coberturas sociais son precarias, e as reformas non melloran a situación en tanto o emprego dos recursos económicos do país non mellore. (Foto: Tayyip Erdogan no cumio "Pan Atlantic Student Summit (I-PASS)", en Istanbul, Turquía, celebrado do 26-30 de xuño de 2004. ©OTAN/Richard Emmanuel).
 

Turquía, esa peza difícil de encaixar no rompecabezas da construción europea, anda outra vez en boca de todos. De novo, os dous bandos que se posicionan a favor e en contra da adhesión turca, dispoñen argumentos sobre os que discutir.

Nas últimas semanas, a premura necesaria para realizar as reformas de cara ó comezo do diálogo de adhesión, previsto para outubro do 2005, veuse entorpecida polas características sociais e institucionais, así como polos posicionamentos no tocante ás crises institucionais en Iraq ou Siria, por citar algúns de certa relevancia.

O exemplo máis palpable foi o da revisión do código penal turco, que se levou a cabo en setembro 2004. Requisito indispensable para o comezo das negociacións de adhesión, non entrou en vigor como estaba previsto, segundo o goberno, o 1 de abril, por causas máis ben turbias ou de difícil definición. Dende o poder executivo, se afirma que problemas técnicos impediron a súa posta en marcha. De momento, a Comisión Europea, concedeulles unha prórroga coa esperanza de que esta prolongación da paciencia europea, servise para mellorar os rexistros turcos, no que ós dereitos humanos se refire.

Algúns grupos internacionais e turcos de defensa dos dereitos civís, apuntan que detrás deste retraso se agocha unha ameaza á liberdade de prensa. E The International Federation Of Journalist, avisou que o novo código penal inclúe, cando menos, unhas 20 cláusulas que poderían conducir a unha persecución arbitraria, tanto de xornalistas a título individual como dos medios de comunicación en xeral.

Pero se esta reforma do código penal, é a máis sangrante, outras reformas quedan polo momento no aire. Entre elas, as relacións cos novos membros europeos -os dez países que se adheriron á Unión en maio-, cos que Turquía debe normalizar o seu diálogo. Non debemos esquecer, que estes dez países teñen que dar o visto e prace para permitir a entrada de novos membros na Unión Europea, e tamén que Turquía foi para eles durante moito tempo, a potencia dominante e a besta negra.

Por se iso fose pouco, entre os 10 novos membros, hai un particularmente irritante, e que supón a maior dificultade para conseguir a plena adhesión á Unión Europea. Falamos dos greco-chipriotas, unha ascua no peto dos turcos, un problema que segue pendente, sen solución.

Polo momento, moitos problemas seguen sen solventarse, mentres o tempo pasa rápido. Os acordos deberíanse ir cumprindo paulatinamente. O primeiro ministro Erdogan terá que apurar o paso xa que o goberno de Turquía tampouco cumpre cos deberes de introdución de reformas lexislativas noutros campos.

As modificacións no sistema tributario van demasiado lentas, e é posible que non cheguen a tempo. A seguridade social turca é máis ou menos como a china… disque existe, pero son tantos que as coberturas sociais son precarias, e as reformas non melloran a situación en tanto o emprego dos recursos económicos do país non mellore. É dicir, mentres non exista unha ampla base de cotizantes traballadores, e un bo número de empresas fortes, capaces de soster dunha maneira firme unha economía solvente de mercado, ó mesmo tempo que un mínimo e sólido estado do benestar.

A reforma do sistema bancario, está tamén por definir e, como consecuencia, diversos acordos asinados co FMI -que ten clasificado a Arxentina e Turquía como clientes "especiais" que necesitan vixilancia- están paralizados.

Outras críticas afloran tamén por parte dos observadores da UE en Ankara, que critican a actitude da Turquía con respecto a temas menores, como as restricións na compra de propiedade por parte de cidadáns estranxeiros, ou a represión de actividade relixiosa das minorías, incluídos os ortodoxos, e a brutalidade policial a raíz dunha malleira que lle propinaron a unha muller o pasado 6 de marzo e que foi emitida pola televisión, para vergoña das autoridades de turno.

O rexurdimento do nacionalismo turco a partires da observación das lecturas máis practicadas no antigo berce otomán volve a estar de actualidade. A lista de libros mais vendidos é, cando menos, paradóxica. O "Mein Kampf" de Hitler está entre os máis socorridos, logo de facer unha reedición. Entre as novelas máis populares tamén se conta "Tormenta de metal", unha historia sobre unha hipotética invasión dos estadounidenses.

Por outra banda, a prensa ultraconservadora, tamén aproveita para sacar á luz, historias polémicas de evanxelizadores na península de Anatolia, e de estranxeiros sospeitosos, sobre todo de gregos e israelitas. Isto pode deberse, segundo apuntan algúns observadores, á política norteamericana en Iraq, ou ben á falla de calor que infunden as sociedades europeas en vésperas da adhesión de Turquía.

É probable que sexa unha reacción respecto das políticas unilaterais dos EEUU ou resentimento contra os europeos, pero os políticos turcos seguen a xurar e perxurar que queren ser europeos, e que cumprirán tódolos compromiso nos tempo previsto.

Como proba diso, Erdogán, o primeiro ministro, vai visitar Israel no mes de maio. Como noutros tempos, "París ben vale unha misa".