20050517soldados polisario zona tindouf algeria

Areas negras


 Soldados Fronte Polisario, clic para aumentar
A proclama e o desfile militar celebrado nos territorios liberados, en pleno deserto do Sáhara, foron acompañados doutra decisión transcendente, anunciada como outra demostración de soberanía efectiva, o chamamento a presentar ofertas para acometer a explotación de gas e petróleo nas augas territoriais reivindicadas polo Polisario. O anuncio facíase desde Londres, unha vez que a compañía australiana Vision Oil and Gas confirmou a presenza de petróleo nestas augas.
 

Sorprendía, hai uns días, o anuncio da Fronte Polisario sobre a reanudación da loita armada se Marrocos persistía na súa negativa a adherirse ao plano de paz da ONU que obriga a celebrar un referendo de autodeterminación para o Sahara occidental. Sorprendía relativamente, porque non era a primeira vez que tal proclama se facía, se ben nesta ocasión estaba condimentada cunha demostración de forza militar máis intensa que en exhibicións anteriores. Pero, coma os anteriores, é un anuncio de escasa credibilidade e por iso mesmo con efectos dubidosamente positivos para a causa saharauí. Non prometas o que non poidas cumprir, habería que lembrar.

A perda de importantes apoios e os cambios rexistrados na situación internacional nos últimos quince anos (dende a fin da guerra fría ao 11S) reforzaron a importancia de Marrocos como aliado estratéxico esencial para moitos países, comezando por EEUU que sitúa en Rabat unha das súas claves para o proxecto de creación do Gran Oriente Medio. Ese desequilibrio na balanza deteriora enormemente as esperanzas dun arranxo aceptable para a causa saharauí, que permanece enquistada, ao abeiro dunha solidariedade que se mantén firme do lado dos movementos sociais, pero que reduce o seu eco no plano diplomático, a duras penas sostido por ese despregamento de soldados da Minurso que veñen garantindo esa peculiar hibernación do conflito, en terreo de ninguén, sen guerra e sen paz.

A proclama e o desfile militar celebrado nos territorios liberados, en pleno deserto do Sáhara, foron acompañados doutra decisión transcendente, anunciada como outra demostración de soberanía efectiva, o chamamento a presentar ofertas para acometer a explotación de gas e petróleo nas augas territoriais reivindicadas polo Polisario. O anuncio facíase desde Londres, unha vez que a compañía australiana Vision Oil and Gas confirmou a presenza de petróleo nestas augas. Rapidamente captouse a atención de numerosas empresas e tanto Woodside Petroleum e Orphir (australianas as dúas), a Premier Oil (británica) e a Sasol (sudafricana) amosaron interese pola oferta saharauí. Pero o problema é a seguridade. ¿Ten o Polisario posibilidades efectivas de garantir a viabilidade das posibles concesións?

En 2001, as autoridades marroquís conseguiron establecer dous contratos de exploración e explotación de gas e de petróleo con Total (francés) e Kerr Mc Gee (estadounidense), pasando por alto o mandato de Nacións Unidas que demora e condiciona a implementación destes acordos á resolución do conflito.

Cando a soberanía está por medio e non hai posibilidades de acordo, mesmo parcial, para explotar os recursos a expensas da posterior resolución do problema político, as declaracións duns e doutros teñen un valor relativo. De feito, Total xa detivo os seus proxectos de exploración.

O plan de paz está bloqueado. Os negocios enerxéticos semella que menos. Poida que o Polisario, con este anuncio, consiga premer na comunidade internacional para abordar dunha vez a aplicación das resolucións de Nacións Unidas. Quizais a mellor presión poida ser a exercida polos todopoderosos intereses do lobby petroleiro, pero o risco para a causa saharauí é substancial, pois pode inclinar un pouco máis a balanza do lado de Rabat, hoxe en posición considerablemente máis confortable para defender os seus intereses. E digo ben, intereses, que non razóns nin dereitos, que están claramente decantados do lado Polisario. Pero son estes tempos malos para a razón.