20050130basora iraq

Heroes ou covardes

 Clic para aumentar
É máis que dubidoso que estas eleccións constitúan a alternativa á actual situación de guerra. O caos e as atrocidades van continuar e mesmo queda servida a posibilidade de abrir un escenario de guerra civil que perpetúe o conflicto durante anos. E alguén pode mesmo pensar que certamente diso se trata para mellor xustificar as 16 bases estadounidenses que se están a construír en territorio iraquí, a pesar dos anuncios dunha inminente retirada dos ocupantes. Outra mentira máis. (Foto: Mulleres iraquís fan cola para votar nun colexio electoral o 30/01/2005 en Basora).
 

A propósito dos comicios de Iraq do pasado domingo, parece que toda a miga do problema tende a centrarse en se votaron moitos ou poucos e que de aí se desprende a lexitimidade ou non do proceso posto en marcha polos ocupantes. Obviamente non é un dato menor e chama poderosamente a atención a unanimidade de todos os medios occidentais (non tanto os árabes), á hora de sinalar a elevada participación, cifrada, seica, nun 57% dos electores inscritos. A credibilidade mesma deses datos habería que situala entre parénteses, loxicamente, toda vez que proceden da Comisión electoral designada polas forzas de ocupación. Unha pista da situación nola pode ofrecer a baixa participación rexistrada no exterior, arredor do 25%, e nun contexto de seguridade que non ofrece dúbidas.

Tan escrupulosos noutras ocasións, ninguén semella percatarse agora das moitísimas irregularidades do proceso, tantas que o intento de algarabía semella unha broma pesada: unha lista única para todo o país con 275 candidatos, imposibilidade real de facer campaña política, candidatos ocultos por motivos de seguridade, ausencia dun censo electoral, descoñecemento mesmo dos lugares de votación por medo a atentados, situación de guerra en moitas zonas, inexistencia dun mínimo servicio público para asegurar transporte ou distribución das papeletas, ausencia de observadores internacionais que puideran contrastar a versión oficial, boicot suní e serias diferencias entre os xefes relixiosos xiítas (Moqtada Sadr, por exemplo, rexeitou a participación) e agora días por diante para facer o reconto "con todas as garantías democráticas", é dicir, coa mínima transparencia posible.

En fin, resulta incrible que tantos medios e persoas presuntamente serias se atrevan a asegurar tan pronto e tan contundentemente que non existiu fraude, derivando a atención sobre porcentaxes que ninguén comprende ou cualificando de "heroico" o comportamento dos votantes, cando outro tanto se podería dicir dos que rexeitaron participar nun proceso viciado de orixe e ó servicio das tropas invasoras. A falta de honestidade do proceso democrático en Iraq non admite dúbidas e do mesmo xeito que moitos titulares do luns estaban escritos dende había semanas, outro tanto pode acontecer agora cos supostos gañadores. O señor Alaui, con moitas papeletas para ser o gran vencedor da xornada, segundo recollía o Financial Times en xuño de 2004 non contaba con máis do 2% de tendencia de voto ó seu favor, pero pode ser un dos grandes triunfadores, especialmente por que as outras alternativas ofrecen aínda menos garantías aos ocupantes: alguén debe frear as aspiracións de al-Hakim, que vira a súa atención para Teherán con demasiado énfase e dispón dunha poderosa milicia de cincuenta mil homes armados. O vicepresidente Djaafari, o terceiro en discordia, non bendiciu a ocupación no seu día e pode ter ideas propias, cousa sempre perigosa.

Pero a segunda cuestión que se suscita é a de se todo isto serve para algo. Obviamente, as tropas da coalición desexan completar a ocupación culminando o proceso no político. Pero é máis que dubidoso que estas eleccións constitúan a alternativa á actual situación de guerra. O caos e as atrocidades van continuar e mesmo queda servida a posibilidade de abrir un escenario de guerra civil que perpetúe o conflicto durante anos. E alguén pode mesmo pensar que certamente diso se trata para mellor xustificar as 16 bases estadounidenses que se están a construír en territorio iraquí, a pesar dos anuncios dunha inminente retirada dos ocupantes. Outra mentira máis.