20050330kurmanbek bakiyev

Kirguizistán: A man negra da democracia


 Clic para aumentar
EEUU levaba tempo promovendo unha alternativa, o Movemento Popular de Kirguizistán, un bloque creado na primavera pasada e que reúne, arredor de Bakaiev (na foto) a nove partidos e organizacións da oposición. Biskek debe ser a única capital do mundo que acolle unha base aérea rusa e outra americana, instalada a raíz do 11S. A situación en Afganistán calmouse pero a base estadounidense vaise ampliando e dispoñendo para quedar. ¿Alguén tiña dúbidas ao respecto? Esa presenza cada vez ten menos que ver coa represión da ameaza terrorista.
 

Tal como se vaticinara por diferentes medios, a febre de Ucraína, e antes de Xeorxia, a “revolta” xurdiu agora, cun lío inmenso de denominacións e de colores, en Kirguizistán, de resultas, parece ser, do presunto fraude nas eleccións parlamentarias de 27 de febreiro e de 13 marzo, en segunda volta. En Belarús tamén houbo protestas da oposición e en Moldava, o presidente Voronin, preferiu curarse en saúde anunciado unha virada en redondo a tempo. Rusia queda lonxe e Putin cada vez máis solitario na torre do Kremlin.

¿Manipulación electoral? Seguro que si. ¿Manipulación exterior? Seguro que tamén. Pero a nova versión do Gran Xogo atopa terreo abonado en moitos casos, con situacións facilmente manexables ante a desesperación e miseria na que malviven moitos cidadáns. O caso é que despois de trece anos de existencia, esta República de Kirguizistán viviu, en 2004, o seu ano máis tranquilo, afirma un experto da zona, René Cagnat. Os problemas, naturalmente existían, pero sen conseguir alterar unha situación que define como de atonía xeral. A propia bonanza económica relativa facía presaxiar que o calendario electoral (despois das parlamentarias de febreiro virían as presidenciais en outubro) non rexistraría modificacións. A economía kirguiza medrou en 2004 un 7%, as exportacións creceran en máis dun 40%, a inflación foi dun 0,2%, bos resultados na agricultura, etc. Akaiev podía presentar un balance minimamente satisfactorio, se ben con algúns buratos negros importantes: a débeda externa representa máis do 100% do PIB, aínda que os organismos internacionais aseguran que a política financeira do seu goberno ten sido exemplar, quizais sexa porque Rusia é un acredor principal. E en materia de corrupción outro tanto cabería dicir: posición 133 (de 146 países) no índice de Transparency International. A falla de autoridade do Estado favoreceu a expansión do crime organizado, con ramificacións de diverso tipo, especialmente a droga. A pobreza é un fenómeno sen medida que afecta a un quinto da poboación, deixando un ermo fácil para o ascenso do movemento relixioso –sostido por musulmáns pero tamén polas seitas estadounidenses– e a emigración, que afecta xa a un 10% da poboación. Un cadro, pois, bastante complexo, a pesar da boa marcha dos grandes índices, que ignoran unha realidade especialmente dura. Para completar o escenario, Reporteiros sen Fronteiras situaba a este país como o primeiro da CEI en canto a respecto da liberdade de expresión (?).

Do exterior, tres potencias teñen interese substancial no país: Rusia, China (como mercado, pola enerxía hidroeléctrica, e pola posición xeoestratéxica) e EEUU. Non estaba claro que Akaiev, o presidente refuxiado en Rusia, tentara presentarse de novo, pero EEUU levaba tempo promovendo unha alternativa, o Movemento Popular de Kirguizistán, un bloque creado na primavera pasada e que reúne, arredor de Bakaiev a nove partidos e organizacións da oposición. Biskek debe ser a única capital do mundo que acolle unha base aérea rusa e outra americana, instalada a raíz do 11S. A situación en Afganistán calmouse pero a base estadounidense vaise ampliando e dispoñendo para quedar. ¿Alguén tiña dúbidas ao respecto? Esa presenza cada vez ten menos que ver coa represión da ameaza terrorista. Nos últimos tempos, EEUU, por diversas vías, ten influído en diferentes sectores a través dunha xenerosa e calculada política de axudas.

Pero isto en Afganistán, con Karzai, non pasa, porque alí a democracia funciona tanto e tan ben que todo o mundo entende que as eleccións se apracen sucesivamente. Ata que a vitoria correcta sexa segura.