kourmanbek bakiev kyrgyzstan elections

Kirguizistán: vitoria á soviética de Bakiev

Kourmanbek Bakiev, clic para aumentar
A elección de Kourmanbek Bakiev (na foto), antigo primeiro ministro, é froito dun pacto que situará a Félix Koulov, antigo vicepresidente de Akaiev, á fronte do goberno nos próximos días. Koulov, parte da nomenclatura, foi liberado do cárcere, onde estaba dende 2000, a raíz da revolución dos tulipáns, hai tres meses. O tándem Bakiev-Koulov, asegura a unión do sur e do norte do país, onde ambos teñen as súas respectivas áreas de influenza ou virreinatos, pero ambos entenden a súa alianza como un compromiso temporal, que desembocará en loitas intestinas profundas.
 

¿Aclaráronse as cousas en Kirguizistán? A xulgar polos resultados das eleccións do pasado domingo 10 de xullo, todo semella estar máis que claro: Bakiev arrasou, obtendo nada menos que o 90% dos votos emitidos, cunha participación estimada do 75%, tan elevada que ata os propios observadores da OSCE, tan escrupulosos uns meses antes, poñen agora moderadamente en causa.

Bakiev ven sendo o sucesor de Akaiev, que gobernou Kirguizistán dende a desmembración da URSS en 1991 ata as eleccións lexislativas de marzo, que foron contestadas pola oposición e seguidas de numerosos disturbios que obrigaron ao presidente a refuxiarse en Rusia, onde agora reside.

A amplísima contundencia dos resultados das eleccións deste domingo contrasta, non obstante, con numerosos temores e cautelas. A soterrada pugna que enfronta a diferentes clans e potencias quedou sen resolver de todo nesta pequena paréntese electoral, que dificilmente proverá de estabilidade a evolución desta importante república centroasiática.

A elección de Bakiev, antigo primeiro ministro, é froito dun pacto que situará a Félix Koulov, antigo vicepresidente de Akaiev, á fronte do goberno nos próximos días. Koulov, parte da nomenclatura, foi liberado do cárcere, onde estaba dende 2000, a raíz da revolución dos tulipáns, hai tres meses. O tándem Bakiev-Koulov, asegura a unión do sur e do norte do país, onde ambos teñen as súas respectivas áreas de influenza ou virreinatos, pero ambos entenden a súa alianza como un compromiso temporal, que desembocará en loitas intestinas profundas.

Confundir este pseudorelevo na casta dirixente do país coa alternancia democrática obedece a cálculos obviamente interesados que pouco teñen que ver coa realidade. A “involución” dos tulipáns de 24 de marzo pasado reproduce, cada vez con maior evidencia, o poder rapaz e corruptor dos intereses e as influencias externas para servirse das rivalidades clánicas que permanecen no país, propias do século XIX ou anteriores, pero de gran utilidade para garantir escenarios de control e influencia no século XXI.

A diferenza de Xeorxia e Ucraína, non está claro de todo, polo momento, por onde se decantarán as simpatías do goberno. A poboación de Kirguizistán, tan empobrecida na súa inmensa maioría, ten interiorizado un certo favor por Rusia, pero EEUU pisa con forza no área e combina con intelixencia o seu compromiso coa caridade e a asistencia social, tan descoidada por Bush en EEUU, coa ampliación da base militar que instalou en Manas a raíz dos sucesos do 11S. Hai quen afirma que o gran erro de Akaev foi denegar o permiso a Estados Unidos para despregar avións espía Awac na base de Manas, mentres que a Rusia se lle permitía ampliar as pistas de aterraxe na base de Kant para facilitar a chegada de todo tipo de avións.

Bakiev será moi coidadoso no seu conducirse internacional. Hai uns días, no cumio da Organización de Shangai (Kirguizistán é fronteira con China) subscribiu a petición de retirada das tropas de EEUU da rexión, presentes tamén en Uzbekistán.

Revolución e eleccións sucedéronse en tempo récord, pero pouca cousa pode cambiar en Kirguizistán. Mesmo hai quen asegura que estamos ante os efectos dunha revolución precipitada, obra dos servizos secretos rusos, que esta vez adiantáronse á preparada polos servizos secretos estadounidenses. O gran xogo continúa en Asia Central.