20051205lisboa cavaco silva manuel alegre01

Un país varado

 Cavaco Silva e Manuel Alegre, clic para aumentar
¿Podería dar a sorpresa Manuel Alegre? Soares, ao tempo que desdramatiza que haxa catro candidatos da esquerda, pídelle que dimita do PS e carga contra el para reducir as súas posibilidades de pase á segunda volta. Con todo, sería unha cara nova. (Foto: Debate televisivo entre Cavaco Silva "á esquerda" e Manuel Alegre o 5 de decembro de 2005).
 

Acompañar o proceso que está vivindo Portugal, ás portas das presidencias que se van celebrar o próximo 22 de xaneiro, déixalle a un a sensación de telo visto case todo xa outra vez. En efecto, Portugal semella un país varado no tempo. Non soamente neste caso pola competición entre dous líderes, os que a priori presentan maiores posibilidades "salvo sorpresas, que as pode haber", Mario Soares e Cavaco Silva, que son xa doutra época, senón tamén, o que é peor, pola visible percepción na sociedade portuguesa dos mesmos desarranxos de hai vinte ou trinta anos.

Obviamente, o país mellorou en moitos campos, pero a ausencia de cohesión social (a pobreza aumentou), o agravamento do desemprego e as dificultades económicas son evidentes. Nunha Europa en que as políticas de igualdade adquiren, con todas as carencias que se queira, a singularidade de básicas, en Portugal a desigualdade aumentou visiblemente. Tanto é así que estes dous candidatos principais asoman como unha especie de salvadores da patria, por riba do ben e do mal, persoas experimentadas para momentos de extremas dificultades, pero mais ca do futuro, inevitablemente, do que están a falar é do pasado. Porque os dous teñen moito pasado… No debate de Cavaco e Louça esa foi tónica. Pero o propio Louça xa anunciou que nunha hipotética segunda volta votaría a Mario Soares. ¿Podería dar a sorpresa Manuel Alegre? Soares, ao tempo que desdramatiza que haxa catro candidatos da esquerda, pídelle que dimita do PS e carga contra el para reducir as súas posibilidades de pase á segunda volta. Con todo, sería unha cara nova.

Que o país estea varado non quer dicir que as cousas non se movan, pero está por ver que se orienten no camiño certo. No político, a confusión é grande. Os debates de pre-campaña entre os candidatos nas televisións están a resultar sosos de mais. A maiores, un ex dirixente do PCP, Álvaro Veiga de Oliveira, que formou parte do chamado "Grupo dos Seis" que desafiaron a Cunhal en 1987, di agora que apoia a Cavaco e que estaría ata disposto a participar na súa campaña. Os dislates non rematan aí: Joana Amaral, dirixente da Mesa Nacional do Bloco, acepta ser apoiante da candidatura de Soares, mentres Miguel Portas reclámalle que dimita. Arredor de Cavaco todas son unanimidades na dereita. Con todo, as posibilidades de gañar á primeira son remotas. As sondaxes danlle á baixa. Pasará á segunda volta, pero está por ver a súa victoria. De campaña nas Azores dixo unha cousa certa: hai un goberno cunha maioría absoluta indiscutible, pero cunha perda de confianza popular considerable. Sócrates, polo momento, non entrou en liza e a súa implicación na campaña de Soares pode facerlle mais mal ca ben.

¿Para onde tirar? Na encrucillada portuguesa multiplícanse os avisos de que o calado dos problemas a afrontar non se arranxa con meras reformas. Serán precisos sufrimentos, dise, e unha terapia de choque aguda que quebrará os febles apoios con que contan as capas sociais mais desfavorecidas. As reestruturacións sectoriais que se vaticinan (dende o téxtil ao calzado, construcción ou obras públicas) van agravar o desemprego. A crise aínda non tocou a máxima intensidade. Sobre todo para algúns. ¡Menos mal que o Benfica gañou ao Manchester!