20051105argentina americas summit chavez no alca

Zombi

 Hogo Chávez no ALCA, clic para aumentar
O ALCA, fillo do chamado "Consenso de Washington" debía entrar en vigor en xaneiro de 2006, segundo se acordara no Cumio celebrado en 1994. Pero non vai ser posible. O presidente Chávez, que promove o seu propio ALBA (Alternativa Bolivariana para América), insiste en que pode darse por enterrado, pero un exceso de euforia pode ser contraproducente e, sobre todo, irreal.
 

Definitivamente, semellan quedar atrás os tempos en que EEUU pilotaba sen riscos o temón latinoamericano. A combinación de estratexias plurais no ámbito da política, da economía e o comercio ou da defensa, xunto cunhas elites locais, formadas no seu propio entorno e adeptas radicais da submisión aos intereses do Norte, aseguraron durante décadas o tantas veces tráxico marasmo dunha rexión, rica en recursos, pero prostrada na máis insultante das pobrezas e miserias. Que os tempos cambian e que o século XXI parece abrir un tempo novo en moitos sentidos, é unha das percepcións que deixa o recente Cumio das Américas celebrado en Mar del Plata (Arxentina).

Morto, vivo, ou zombi, segundo as interpretacións das respectivas partes interesadas, o ALCA foi o espello da tensión que enfrontou as diferentes estratexias que hoxe pelexan por afirmarse na rexión. EEUU venceu as fortes (e nunca vistas) resistencias e logrou incluír a mención que desexaba, pero tamén quedou recollida, no documento final, a opinión contraria, despois dun duro e longo tira e afrouxa, impensable hai unha década, que impediu a Bush participar na sinatura do texto. Despois del, fóronse Lula e Fox. O forzado equilibrio pretendía evitar que Chávez, cun pé no Cumio e outro na rúa, se saíra plenamente coa súa.

A discusión sobre o futuro do ALCA eclipsou os outros temas do encontro (a pobreza, o emprego e a gobernabilidade democrática), pero, no fondo, estábase a falar do mesmo. Entre os partidarios do Mercosur predomina unha preocupación por relacionar o avance do libre comercio coa integración rexional, a equidade e a redución das desigualdades, garantindo a superación das lacras históricas que impiden erradicar o desenvolvemento; entre os partidarios da estratexia estadounidense (México e o bloque centroamericano), prevalece o enfoque máis tradicional, tendente a perpetuar as dinámicas de dependencia.

O ALCA, fillo do chamado "Consenso de Washington" debía entrar en vigor en xaneiro de 2006, segundo se acordara no Cumio celebrado en 1994. Pero non vai ser posible. O presidente Chávez, que promove o seu propio ALBA (Alternativa Bolivariana para América), insiste en que pode darse por enterrado, pero un exceso de euforia pode ser contraproducente e, sobre todo, irreal. EEUU conta aínda co apoio de numerosos países na rexión e tentará reflotalo, implementando os axustes necesarios e cedendo na corrección dalgunhas asimetrías comerciais que neste cumio quedaron moi claramente explicitadas, en especial, en materia de subsidios á produción agrícola. En abril de 2006 poderían reabrirse as negociacións.

O MERCOSUR non descarta sentarse á mesa de negociación do ALCA se ve sinais positivas na próxima Ronda de Doha, a celebrar o mes próximo en Hong Kong. Alí discutiranse as axudas á agricultura de Estados Unidos que axustan o nodo da postura sudamericana, cada vez máis consciente da necesidade de defender os seus propios intereses. Con tantos procesos electorais abertos nos próximos meses e tanto en xogo, toda a rexión entrará nun período de fondas tensións e incertezas.