20060521 montenegro celebra a independencia

Montenegro: Un novo Estado-nación en 2006

Apartados xeográficos ARQUIVO Balcáns
Idiomas Galego
 Celebrando a independencia, clic para aumentar
Montenegro ve hoxe na independencia a posibilidade de entrar no espazo comunitario a maior velocidade dende o estatus de nación independente que permanecendo federada a Serbia.
 

Dicía W. Churchill, dende a maxestade crepuscular do Imperio Británico, que os Balcáns viñan a ser unha área xeográfica que xeraba máis historia da que podía asimilar. Uns decenios despois, xa desaparecido o magno premier, os feitos semellaron darlle outra volta á razón. O excedente de historia procedente da rexión voltaba a acumularse, para asombro do común dos europeos, ao abeiro dun novo estoupido bélico xeral nunha Europa que acreditaba ser, aínda máis despois do derrube das tensións da Guerra Fría, o primeiro continente en abolir na práctica a guerra.

De feito, o Estado Federal Iugoslavo demostrara ser o mellor antídoto á inestabilidade política, froito do enfrontamento entre as potencias ocupantes, que historicamente predominara na zona. Mais Iugoslavia, coma Checoslovaquia e a propia URSS, non superaría o proceso de desaparición dos reximes do socialismo real. De feito, os comunistas, que monopolizaran o poder dende o remate da II Guerra Mundial, eran a forza política fundamental que apostara pola federación dos pobos eslavos meridionais xa dende a escisión da III Internacional e o nacemento do PC Iugoslavo, e en contraposición ao orixinario Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, nado da unión do reino de Serbia e dos cascallos balcánicos austrohúngaros. A ruptura interna da Liga dos comunistas iugoslavos no seu derradeiro congreso, sería a antesala da desintegración da federación pola independencia das súas seis repúblicas federadas, proceso confirmado en Montenegro este 21 de maio.

Así pois, dende as proclamas unilaterais de independencia de Eslovenia e Croacia, en 1991, seguindo no tempo as de Macedonia e Bosnia, de 1992, a rexión voltaba a acaparar boa parte da atención pública europea, coma a comezos de século XX, coa cuestión focalizada nas guerras de Croacia e Bosnia, basicamente unha loita iniciada pola minoría serbia de ambas repúblicas contra a declaración de independencia de croatas e bosnios, na busca de constituir á súa vez territorios serbios independentes. Sen embargo, nin en Macedonia nin en Montenegro se producirían graves enfrontamentos entre a minoría serbia e os grupos étnicos maioritarios (o caso da case pacífica secesión eslovena determinouno a súa homoxeneidade étnica) e mesmo os montenegrinos mantiñan a federación iugoslava xunto cos serbios.

Daquela, dita federación perviviu, como é ben sabido, ate a actualidade, dende 2003 xa baixo a denominación de Serbia e Montenegro, reducida, como xa referimos, a un tándem serbio-montenegrino, que permitía a Belgrado manter un acceso directo ao Adriático. Ademáis deste estreito vencello xeopolítico e económico; cultura e historia mantiñan estreitos os lazos das dúas repúblicas: comparten a relixión cristiana ortodoxa, o idioma serbio, mesmo unha historia de cooperación fronte a ocupantes externos, ben foran otomanos, austrohúngaros, italianos ou alemáns. Estes factores, xunto coa presencia dunha importante minoría serbia en Montenegro, contribúen a explicar a ausencia de graves tensións entre serbios e montenegrinos dende 1991 ate a actualidade, asi como a alta porcentaxe de votos acadada no referendo polos partidarios de manter a federación e, sobre todo, o carácter bilateral e negociado de todo proceso que semella que vai conducir á independencia de Montenegro.

Sen embargo, o resultado do referendo, maioría independentista, malia ser moi axustada, vai permitir o nacemento dun novo Estado independente, co beneplácito da propia UE. Xa é sabido que na práctica, o autogoberno montenegrino era moi extenso, e tivera precedentes históricos na súa liberación do xugo otomano, mesmo antes de que o acadaran os serbios e demáis pobos balcánicos. Como detalles do actual poder propio, a república adriática adoptara o euro como moeda, expedía os seus propios servizos postais e telefónicos, mesmo o posto alfandegario con Croacia sinalaba aos viaxeiros a entrada na "Republika Crna Gora". Isto danos pé a escrutar as razóns que en definitiva puideron pesar para a maioría dos montenegrinos votara a prol da independencia despois de manter a alianza cos serbios durante os anos noventa e malia desfrutaren xa desa práctica independencia para asuntos internos dentro da federación con Serbia. Tal vez o debate pendente de maior calado en torno aos conflictos balcánicos recentes é o da revisión do papel oficialmente atribuído aos serbios como únicos agresores, ao tempo que para elo cómpre prescindir doutras visións maniqueas que sitúan a Milosevich e o pobo serbio coma os derradeiros expoñentes do socialismo real contra os que se conxuraran todos os poderes fácticos capitalistas. Mais é evidente que os serbios, á par ca os musulmáns bosníacos, foron os grandes perdedores do conflicto. Os embargos internacionais, a acollida de refuxiados procedentes de Croacia e Kosovo, os bombardeos da OTAN, contribuiron a manter a economía serbia en niveis de preguerra con infraestruturas básicas que permanecen inutilizadas (as pontes de Novi Sad, en Vojvodina, como exemplo) e sen poder desfrutar dun comercio internacional normalizado, dadas as trabas á súa integración no espacio comunitario. Todas estas pexas contaban tamén para os montenegrinos. En troques, Croacia seguiu os pasos da veciña Eslovenia e está plenamente reconstruída, desenvolve importantes programas de dotación de infraestruturas viarias e Zagreb e máis o litoral dálmata receben inxentes cantidades de turistas que están a impulsar o nivel de vida dos croatas.

Pois ben, Montenegro ve hoxe na independencia a posibilidade de entrar no espazo comunitario a maior velocidade dende o estatus de nación independente que permanecendo federada a Serbia. A costa da badía de Kotor, de Tivat ou Bar non teñen que envexar para o turismo de sol e praia a Dalmacia, agás na práctica ausencia de modernas estruturas hoteleiras e viarias, e a elo cabería engadir os atractivos do lago de Skoder ou as vilas de montaña. Carente na práctica de produtos industriais, dos que se abastece en Serbia, Montenegro confía en desenvolver a súa economía de servizos e extender os contactos co exterior, nomeadamente a través de Croacia, coa que xa existe unha relación fronteiriza moito máis fluída que a que manteñen croatas e serbios entre si. Por outra banda, a independencia libera a Montenegro de compromisos que pesan sobre a federación de Serbia e Montenegro. O máis complicado, a cuestión kosovar. Non moitos anos despois da grande crise de Kosovo e de sufrir os bombardeos da OTAN, Montenegro pode converterse nun membro máis da organización militar, pois xa é evidente, ao igual que para os antigos membros do Pacto de Varsovia que hoxe a integran, que ese é o paso previo á intregación na UE.

En todo caso, non deixa de sorprender dende fóra, despois da estela de conflictos sanguentos nos derradeiros 15 anos habida na antiga Iugoslavia, o carácter negociado e pacífico que ate a actualidade presidiu o proceso de secesión montenegrina. Nin a poboación serbia (un 30% dos 650.000 habitantes), nin as autoridades federais boicotearon o referendo e semella que o seu resultado non vai ser discutido polos serbios toda vez que, malia que moi lixeiramente, o si sobardou o 55% dos sufraxios emitidos. Todo cabe indicar que as boas relacións serbo-montenegrinas van perdurar. A carón dos elementos de proximidade étnica xa referidos, Montenegro será o porto marítimo dos serbios e Serbia o graneiro e a fábrica dos montenegrisnoa. En definitiva un proceso ben distinto do acontecido sucesivamente en Croacia, Bosnia, Kosovo e Macedonia. De feito, é agora a cuestión albanesa, tanto en Kosovo coma no occidente macedonio o problema pendente nos Balcáns, e o de máis difícil resolución.

No acceso á independencia das antigas repúblicas iugoslavas e soviéticas concorrían ao proceso, a desintegración do poder federal, xunto á existencia de cartas constitucionais que recoñecían ás repúblicas federadas a súa soberanía, que se puido facer efectiva ao enfeblecer ou mesmo desaparecer as institucións da Federación soviética ou iugoslava. Montenegro foi o derredeiro paso nese proceso. Máis dita argumentación xurídica non vale para o caso de Kosovo, do mesmo xeito que non valeu para a República serbia da Krajina croata ou os rusos e ucraínos do Transdniester moldavo. A UE non deu o paso a recoñecer procesos de independencia de territorios sen mediar acordos entre as partes ou sen que previamente os ordeamentos xurídicos internos dos Estados afectados recoñeceran o dereito á autodeterminación dos seus entes territoriais. E Kosovo non era unha república integrante do pacto federativo iugoslavo, senón unha rexión da república iugoslava de Serbia que vira recoñecida a súa autonomía vinte anos despois do nacemento da federación. O caso kosovar entraña unha extremada dificultade, recoñecer a independencia da provincia, algo que semella claro de se celebrar un referendo coma o de Montenegro, suporía consumar o éxodo da minoría serbia e abriría de novo as portas ás partición de Macedonia. E como xa referimos neste mesmo parágrafo, constituiría o primeiro exemplo na Europa posterior á Guerra Fría de amparo á independencia unilateral dun novo Estado sen aparecer recollida a posibilidade de dito proceso de secesión no ordenamento xurídico interno do Estado afectado.

Á espera de como se vaia resolvendo a cuestión kosovar, onde a minoría serbia a duras penas evita a limpeza étnica, que antes sufrían os albaneses e xustificara a intervención internacional contra a fenecida Iugoslavia serbo-montenegrina, para os movementos independentistas das nacións sen Estado europeas dous factores poden ser resaltados. En primeiro termo, non parece que sexan chegados os tempos da superación do Estado-nación como organización política básica xa que aínda é posíbel acadar a independencia nacional na Europa do século XXI. En segundo lugar, o paso previo para dita independencia é que se introduza no ordenamento xurídico interno do Estado en que se poida desenvolver un proceso de secesión, pola vía do pacto, o recoñecemento do dereito de autodeterminación e as fórmulas para exercelo. Así se produciu en Montenegro e non cabe descartar que aconteza noutras lonxitudes xa que o futuro non está escrito pero a historia axuda a anticipalo.