mapa linguas europeas

Que caro é usala propia lingua na UE!

 Mapa linguas europeas, clic para aumentar
De tódolos xeitos, a mellor maneira de aforrar custes nas traduccións é non ter idiomas ós que traducir, é dicir, que todos falen a mesma lingua. A opción que recibiría máis votos sería a do inglés como única lingua, de forma que tamén nas cuestións lingüísticas a UE se encamiñara a ser un verdadeiro USA II. (Foto: Mapa das linguas de Europa. Departamento de Normalización Lingüística do IES Aquis Celenis, Caldas de Reis).
 

O eurodeputado finés Alexander Stubb vén de publicar un informe onde se recomenda unha reducción dos custes de traducción nos que incorre anualmente a UE, tanto nas sesións celebradas nas súas institucións como na impresión de toda a documentación oficial.

Segundo os datos que se desprenden do antedito informe, a UE gastou no 2003 o equivalente ó 1% do seu presuposto nas traduccións derivadas de ter 20 idiomas oficiais. Nun 1º borrador parece que Stubb suxería que se fomentara o uso do inglés como lingua vehicular e que se restrinxira o uso das linguas minoritarias no seo das reunións. Posteriormente rebaixou tal petición para que a súa proposta non fora cualificada de atentar contra a diversidade lingüística europea.

O caso é que isto ten relación coa recente negativa do Parlamento europeo a aceptar como oficiais ó galego, euskera e catalán, o que nos advirte da liña que está seguindo a UE a pesares de que na súa páxina web incidan na importancia que para eles ten a variedade idiomática europea. Semella que o camiño é considerar de facto ó inglés como lingua oficial, acompañada polo francés e o alemán, en tanto que representantes dos países con máis peso dentro da Unión.

De tódolos xeitos, a mellor maneira de aforrar custes nas traduccións é non ter idiomas ós que traducir, é dicir, que todos falen a mesma lingua. A opción que recibiría máis votos sería a do inglés como única lingua, de forma que tamén nas cuestións lingüísticas a UE se encamiñara a ser un verdadeiro USA II. Pero sendo un pouco imaxinativos e recorrendo ó noso pasado común eu proporía retoma-la idea de aprendermos todos latín, lingua da que proceden ou coa que teñen parentesco case todas as oficiais da UE. Ademais moitos dos intérpretes que perderían o seu traballo por non ter que traducir, poderían reconverterse en profesores de latín. A ver se logo lle van botar a culpa ó latín da existencia do paro como lle botan ó galego a de que haxa lumes en Galicia.