20041112 managua donald rumsfeld e enrique bolanos

Nicaragua: non máis corrupción, grazas!

 Daniel Ortega, clic para aumentar
O goberno liderado por Enrique Bolaños foi sempre ben aceptado polos Estados Unidos. De xeito que moitos analistas atrévense a afirmar que este goberno puido manterse no poder grazas á axuda económica e diplomática dos EEUU. (Foto: Bolaños, á dereita, co secretario de Defensa estadounidense Donald Rumsfeld en Managua o 12 de novembro de 2004. ©US Department of Defense).
 

A falta de poucos meses para as eleccións presidenciais en Nicaragua, cómpre coñecer cómo foi a xestión do actual mandatario do país, Enrique Bolaños, membro do Partido Liberal Constitucionalista (PLC), durante o período comprendido entre os anos 2002-2006, e as posibilidades de que o seu partido poida conservar o poder.

Nun primeiro lugar, Bolaños ostentou a vicepresidencia da república de Nicaragua en 1996, secundando polo entón presidente Arnoldo Alemán. Neste goberno, Bolaños mantivo un perfil discreto, tanto polas limitadas atribucións do seu posto como pola súa personalidade. Pouco a pouco foi tomando relevancia a medida que outros membros do executivo, con Alemán á cabeza, eran acusados de corrupción.

Persoa de confianza do cada vez máis desacreditado presidente Alemán, Bolaños foi elixido, por unanimidade, candidato á Presidencia da República na Gran Convención do PLC celebrada ó 28 de xaneiro de 2001. O 10 de xaneiro do 2002 tomou a posesión da xefatura da nación con mandato ata o ano 2007, gañando os comicios presidenciais cun 56,3% dos votos, quedando por riba do seu rival sandinista, Daniel Ortega.

Poucos días despois de ser proclamado presidente electo, Bolaños comezou a distanciarse notablemente do seu antecesor Alemán, principalmente co seu anuncio de que revisaría á Constitución para rematar co reparto de cargos dos poderes do Estado entre liberais e sandinistas.

O goberno liderado por Enrique Bolaños sempre foi ben aceptado polos Estados Unidos. De xeito que moitos analistas atrévense a afirmar que este goberno puido manterse no poder grazas á axuda económica e diplomática de Washington, xa que Bolaños foi pouco a pouco perdendo o apoio popular e o respaldo dos deputados da Asemblea Nacional, tendo que buscar as axudas das embaixadas e funcionarios estranxeiros para lexitimarse.

Na campaña electoral que xa inunda estes últimos meses, apréciase a intención dos EEUU de que o candidato presentado por Bolaños para sucederlle na presidencia, Eduardo Montalegre, sexa o vencedor das eleccións. Neste sentido, son cada vez máis comúns as interferencias do embaixador estadounidense en Managua, Paul A. Trivelli, cos seus ataques directos ao candidato sandinista Daniel Ortega e a presunta ameaza que este constituiría para o futuro do país.

Os intereses estadounidenses atópanse centrados en dúas direccións: por unha banda quérese garantir a continuidade dun goberno que preserve estes intereses políticos e económicos no país e, por outra parte, espera contribuír á derrota definitiva da principal forza de esquerda, o Fronte Sandinista de Liberación Nacional, FSLN.

Para reforzar o seu apoio a Bolaños e, indirectamente, ao candidato Montealegre, o goberno de George W. Bush vai condear o boicot lexislativo que está a sufrir o presidente Bolaños, xa que unha gran parte dos membros do PLC deixaron de apoialo para seguir manténdose fieis a Alemán. O soporte norteamericano fíxose evidente cando o goberno de Bolaños aprobou un paquete de medidas económicas suxeridas por Washington.

Pola súa banda, Eduardo Montealegre é o candidato á presidencia que ostenta a segunda porcentaxe máis alta de intención de voto, por debaixo de Daniel Ortega. Pero este candidato é presentado por Alianza Liberal Nicaragüense-Partido Conservador (ALN-PC), mentres que Bolaños pertence o PLC. Este feito parece non ter moita coherencia, pero o certo é que o distanciamento que se deu entre o actual presidente e Alemán, supón tamén un distanciamento entre Bolaños e o PLC, xa que este partido semella estar sempre baixo a influencia persoal de Alemán.

Cómpre sinalar que ambos partidos teñen case a mesma ideoloxía, xa que os dous, na verdade, representan os sectores empresariais, seguindo coa política neoliberal levada a cabo dende a derrota da Fronte Sandinista.

Por outra banda, moitos membros de ambos partidos están sendo investigados por corrupción. Centrándonos en Bolaños e Montalegre, este último está sendo sinalado como presunto usufrutuario dos CENI (Certificados Negociables de Inversión), a través da adquisición de propiedades a metade do seu valor actual.

No 2003, o presidente Bolaños renegociou a débeda interna. O seu pago foi unha prioridade indiscutible no seu goberno. Pero, segundo unha investigación levada acabo pola Contraloría Xeral da República, esta renegociación foi unha operación irregular e mantivo a débeda a moi altos intereses, beneficiando ós bancos cos que a negociou, o Banpro, Bancentro e BDF.

Este feito aconteceu do seguinte xeito. O Banco Central de Nicaragua (BCN), facilitou os CENI coa finalidade de prover un medio de financiamento para posibilita-la adquisición dos bancos que estaban en proceso de liquidación. Os CENI serviron para dotar de capital ás entidades que compraron os bancos en liquidación. Ese capital aínda permanece en poder dos que recibiron os CENI, polo que agora debería ser restituído ó Estado polos beneficiados, para repoñer así ós desembolsos feitos para pagar a Débeda Pública causada pola emisión destes CENI.

Para moitos economistas independentes, todo o que se encontra relacionado coa emisión, circulación e cobro dos bonos CENI constitúe o fraude máis grande da historia de Nicaragua.

O presidente Bolaños sabe que os CENI que emitiu o Banco Central para dar respaldo ós depositantes dos bancos liquidados, convertéronse despois nunha especie de perdón de débedas e subsidio, pero non ós pequenos produtores, senón a grandes debedores.

Con este panorama, semella claro que a corrupción nos derradeiros gobernos constitúe o tema principal da actual campaña electoral nicaragüense, tomando en conta que sempre aparecen signos de abuso de poder cando volvémo-la vista atrás e analizámo-la xestión levada a cabo polos presidentes deste país durante os últimos 20 anos.

Será necesario esperar ata o 5 de novembro para ver qué opción é a elixida polos cidadáns de Nicaragua.