Alxeria fronte á súa reconciliación nacional


 Abdelhak Layada e Ali Belhadj, clic para aumentar
Ata o momento, un total de 2.679 presos islamitas foron amnistiados. Entre estes atópase o antigo número dous da Fronte Islámica de Salvación (FIS), Alí Belhadj, quen cumpría condena por “apoloxía do terrorismo” desde o pasado mes de xullo, por ter apoiado publicamente ós insurxentes anti-americanos en Iraq, tralo secuestro en Bagdad de dous diplomáticos alxerinos. (Foto: Ali Belhadj, liberado da prisión o 6 de marzo, recibe ao tamén líder da FIS Abdelhak Layada, á saída deste da prisión de EL-Harrach en Arxel, o domingo 12 de marzo de 2006. Layada, tamén coñecido como Abu Adlene, permanecía en preso desde 1993).
 

Polémica arredor da aplicación da Carta pola Paz e a Reconciliación Nacional. Islamitas amnistiados e forzas de seguridade do Estado exoneradas de responsabilidades. As vítimas esixen o esclarecemento da verdade.


Hai algunhas semanas que, no medio dunha grande polémica, o réxime alxerino comezou a aplicar os textos de desenvolvemento da Carta pola Paz e a Reconciliación Nacional, un proxecto do presidente Abdelaziz Bouteflika, aprobado en referendo popular o pasado 29 de setembro. Segundo os propios impulsores da Carta, a finalidade deste controvertido texto non sería outra que a de poñer fin a varios lustros de violencia no país magrebí.

Así, segundo as disposicións aprobadas polo Consello de Goberno o 21 de febreiro, seis meses é o prazo convido para que os islamitas aínda en actividade, estimados nun milleiro de individuos, rendan as armas e se beneficien dunha amnistía, a condición de que non se probara a súa participación en masacres colectivas, violacións ou atentados con bomba en lugares públicos. Para aqueles que actualmente cumpren condena, estipuláronse reduccións de pena ou mesmo a inmediata posta en liberdade, a condición tamén de non ter as mans manchadas de sangue.

Ata o momento, un total de 2.679 presos islamitas foron amnistiados. Entre estes atópase o antigo número dous da Fronte Islámica de Salvación (FIS), Alí Belhadj, quen cumpría condena por “apoloxía do terrorismo” desde o pasado mes de xullo, por ter apoiado publicamente ós insurxentes anti-americanos en Iraq, tralo secuestro en Bagdad de dous diplomáticos alxerinos. “Dou grazas a Alá e ó presidente Bouteflika pola oportunidade que me dan de comezar unha nova vida. Créanme que non se arrepentirán, son outro e xa non creo na violencia como medio”, declarou Farid, prisioneiro no cárcere de Serkadij, en Alxer capital, nada máis poñer o pe na rúa.

A pesar de terse establecido o pago de indemnizacións para as vítimas, estas e os seus familiares son, sen dúbida algunha, os grandes damnificados pola aplicación da Carta. Desde cando este plano non era máis que un proxecto, as manifestacións e mobilizacións na súa contra foron unha constante. Non debemos esquecer que o balance das violencias que estalaron nos anos ’90 en Arxelia, trala anulación baixo presión do exército dos resultados electorais que daban como gañado ó FIS, estímanse entre 150.000 e 200.000 os mortos, civís na súa meirande parte.

Alí Yahi Abdennour, presidente da Liga Alxerina de Defensa dos Dereitos do Home (LADDH), ten claro que “a Carta pola Paz consagra a impunidade máis absoluta e esta é incompatible cos pactos e tratados internacionais”. Para Abdennour “o máis grave de todo é que non se deixou o máis mínimo espazo para o establecemento da verdade nin para a xustiza, ó rexeitarse a imputabilidade dos crimes cometidos durante o conflico civil, sexa contra os islamitas ou contra as propias forzas de seguridade do Estado”.

Xunto cos radicais islámicos, o réxime e a exoneración das súas responsabilidades é outro dos elementos que máis controversia teñen xerado. Segundo as disposicións da Carta, os servizos de seguridade quedan eximidos de calquera tipo de culpa polo acaecido durante máis de 14 anos de conflito armado. Tal e como se sinala, “queda amosado que as forzas da orde fixeron acto de patriotismo, diante do cal ningún proceso xudicial poderá ser aberto na súa contra, sexa a denuncia ó seu encontro individual ou colectiva”, sendo amais sancionado a partires de agora “calquera tipo de declaración ou acto que empregue ou instrumentalice as feridas da traxedia nacional para atentar contra as institucións do Estado”.

Para moitos este é o verdadeiro obxectivo da amnistía, a saber, que o exército se vexa exonerado das súas responsabilidades nos crimes. A representante da Coordinadora de Familias de Desaparecidos, Safia Fahaci, destaca que “o texto vai regular as consecuencias da traxedia pero o problema político, o de verquer luz sobre o dossier dos desaparecidos, rexurdirá tarde ou cedo”. Para Fahaci, “se o Estado quere asegurar a paz verdadeiramente, o primeiro que debe facer é presentar as súas escusas ás familias das vítimas”. De opinión un tanto diferente é Fátima Yous, presidenta da Asociación SOS Desaparecidos, quen rexeita frontalmente os textos da Carta e denuncia en voz ben alta a prohibición de acudir ós tribunais para esixir xustiza. Para ela, “hai desaparecidos aínda en vida que permanecen encarcerados en centros secretos”.

“A paz non pode ser instaurada por unha lei e a reconciliación pasa unicamente polo establecemento da verdade”, asevera o propio Abdenour. “¿Como imos tomar calquera tipo de medida de gracia antes de coñecer a verdade sobre todo o que aquí ten ocorrido, antes de esclarecer tódolos casos que aínda están sendo investigados?”, pregúntase Nabila Mohellebi, militante dunha asociación de vítimas do terrorismo e cuxo pai desapareceu en estrañas circunstancias no ano 1995. A Carta, laméntase, “non é máis que unha invitación do goberno para que pasemos a páxina dunha década marcada polo sangue e o sufrimento, sen tentar sequera facer xustiza dalgún tipo”.