20060908 afganistan atentado en kabul

Afganistán esgánase

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Campo de papoulas, clic para aumentar
Tras cinco anos sen talibáns no poder, o Estado sumiuse paseniñamente ate poder considerar que camiñamos cara o que poderíamos denominar "Estado Falido". O estado non consegue gobernar nin Kabul, moitas zonas están baixo o control da insurxencia, a democracia non pasa de ser unha utopía, os señores da guerra refórzanse progresivamente, o negocio do opio é cada vez máis importante en volume, só durante o 2005 incrementouse nun 59%, a sociedade civil continua sen aparecer como actora… (Foto: Campo de papoulas).
Atentado en Kabul, clic para aumentar
(Foto: Atentado en Kabul o 8 de setembro de 2006).
 

"A comunidade internacional corre o risco de perder a guerra contra do terror se esquece a fronte afgana". Está é a opinión dun dos actores máis relevantes deste escenario bélico interminable. Trátase de Michael Sheuer, quen comandara a unidade de elite da CIA, que estivo operativa dende 1995 e que tiña como misión misión capturar a Osama bin Laden.

A decisión eliminar esta unidade neste último verán, reflectía a sensación de fracaso colectivo no obxectivo de acabar co terror por medio métodos militares tradicionais, co aval da comunidade internacional.

Nos meses transcorridos durante o 2006, teñen morto máis de 2100 persoas, delas 1000 poderían ser consideradas como talibáns ou insurxentes e 100 entre os integrantes das forzas militares de ocupación. Cifras máis arrepiantes se tomamos como referencia os 55 mortos das tropas aliadas no breve período transcorrido dende o 31 de xullo, data no que os 10000 soldados da Alianza teñen asumido o control no mando sur do país, tomando o relevo dos 3000 militares de EEUU, que levaban na zona dende o ano 2001.

Tras cinco anos sen talibáns no poder, o Estado sumiuse paseniñamente ate poder considerar que camiñamos cara o que poderíamos denominar "Estado Falido". O estado non consegue gobernar nin Kabul, moitas zonas están baixo o control da insurxencia, a democracia non pasa de ser unha utopía, os señores da guerra refórzanse progresivamente, o negocio do opio é cada vez máis importante en volume, só durante o 2005 incrementouse nun 59%, a sociedade civil continua sen aparecer como actora… A rendibilidade nos negocios ligados ao narcotráfico é tal que permite pagar aos insurxentes un salario de 80 euros ao mes, moi por riba dos 55 € que recibe un oficial de policía.

Tampouco estes cinco de guerra contra do terror por métodos militares teñen servido para avanzar da loita contra da pobreza ou contra do analfabetismo. Nin sequera o Programa Militar Nacional de Solidariedade que tiña por obxectivo mellorar as condicións de vida do 70% de poboación afgana que reside no rural, ten conseguido artellar as comunidades rurais para que se impliquen e participen en proxectos de autoxestión.

No primeiro Informe Nacional sobre desenvolvemento humano, que se publico xusto agora, hai dous anos, situaba a Afganistán no posto 168, sobre 174 países posíbeis.

A pobreza non chegou coa intervención militar propiciada pola comunidade internacional hai cinco anos, nin chegara na época da invasión soviética hai 25 anos. Mais tras de décadas de miseria, a chegada da comunidade internacional, que portaba debaixo do brazo a promesa dun cambio significativo nas condicións de vida, abriu unha nova fase de esperanza, nun país no que o 60% da poboación non dispón de electricidade e o 80% é carente de auga corrente nos seus fogares.

Non se poden negar os avances que significaron algunhas actuacións aliadas como a construción de infraestruturas como a autoestrada Kabul-Kandahar, pero finalmente ten servido máis para fins militares que pare fins civís.

O deterioro provocado polo lustro de intervención militar, feriron de morte as infraestruturas, provocou a mingua da produtividade agrícola máis desenvolvida como as froitas, ou nos cultivos herbáceos que servían de materia prima para tecer alfombras. Deteriorou, por tanto, a produción de alimentos nunha sociedade fundamentalmente rural e rematou por incrementar a pobreza.

Nin sequera aqueles elementos máis útiles e necesarios para a poboación civil como centros de saúde e centros educativos que foran fornecidos por programas de cooperación internacional, se libran dos ataques que pretenden sementar unha sensación de caos ou impotencia.

Tras cinco anos de intervención militar, co prace das institucións internacionais, unha conclusión semella certa: A Paz imposta non é sostible. A guerra contra do terror tras do 11-S, cando menos, non acaba co terror.