20060512iv cumio ue alc protesta evangelina cardoso14

América Latina na axenda europea

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Protesta papeleiras Uruguai-Arxentina, clic para aumentar
Os diálogos, os cumios, as declaracións son oportunos e necesarios. Mais se non van acompañados de respostas ás demandas anotadas na axenda Latinoamericana, chegarán a Lima no 2008, con máis frustración, escepticismo e indiferenza. (Foto: Evangelina Cardoso, activista de Greenpeace, irrompeu en bikini ante uns 60 xefes de Estado e de Goberno que pousaban para a foto oficial do cumio de Viena cunha pancarta contra as papeleiras que enfrontan a Uruguai e Arxentina).
 

América Latina ten anotados diversos temas prioritarios na súa axenda das relacións con Europa. Depositou a fe no vello continente, cando a finais dos 90, comezou a rexistrarse a perda de confianza nas relacións con EEUU, patente nos latinobarómetros do último lustro do Século XX: Relacións comerciais en base a normas xustas, alianzas estratéxicas para a conformación dun mundo multipolar, cohesión interior…

Os catro cumios eurolatinoamericanos, celebrados con anterioridade en Río de Janeiro, Madrid, Guadalaxara e Viena, só serviron para fabricar o marco de relacións ou para fixar os principios nos que se deberían sustentar as relacións futuras.

As fatais consecuencias do denominado Consenso de Washington, que recollía nun breve decálogo de receitas económicas, toda a filosofía neoliberal que acabaría por que empobrecer o continente, agrandando as desigualdades sociais, provocou un cambio político que se estende polos principais países da área. As fracasadas relacións "carnais" que a maioría dos gobernos continuistas mantiñan con EEUU, foron revisadas e redireccionadas na procura de novos socios comerciais e políticos que lles permitisen participar na escena mundial.

América Latina como área xeopolítica, sitúase entre países de renda media, que avanzou notablemente na súa democratización nas últimas décadas, con economías relativamente diversificadas, con fluídas relacións comerciais e diplomáticas internacionais que e con procesos de integración rexional en marcha, inexistentes noutras latitudes.

Tamén é verdade, que Latinoamérica, posúe os peores índices de desigualdade planetaria, que a violencia acada taxas descoñecidas en calquera outro continente, que a corrupción constrinxe o desenvolvemento e sementa a falta de confianza no estado.

Tras do profundo ocaso do quinquenio 1997-2002, pragado de crises socioeconómicas, América Latina entrou nunha nova fase. Paradoxalmente, mentres vivía o fulgor do seu renacer político e económico, se opacaba a súa visibilidade internacional tras dun 11-S que situou a Seguridade Internacional e a loita contra do "terrorismo" nas prioridades da axenda mundial. Europea ficou atenta aos grandes focos de inseguridade máis próximos: Oriente Medio, a fronteira sur, Os Balcáns, os atentados terroristas masivos ou centrada na ampliación das fronteiras coa incorporación de dez novos socios.

Dende Europa, os máis optimistas consideran que non ten razón de ser o pesimismo interoceánico que asolaga as expectativas que esta "Asociación Estratéxica" espertara na I Cimeira de Río de Janeiro. Esgrímese que Europa é o segundo socio comercial de Latinoamérica, (sen facer referencia ao dato de que o comercio bilateral non chega nin a un terzo dos fluxos comerciais EEUU-Latinoamérica), que os fondos destinados á cooperación chegados dende Europa duplican aos que veñen de EEUU, que os investimentos europeos xa superan aos norteamericanos ou que as remesas que se envían dende Europa medran progresivamente ata situarse nos 1.600 millóns de euros anuais.

Non sería boa praxe pechar os ollos as percepcións que chegan dende América preñadas de críticas e frustracións. Europa, mergullada na súa introspección, na procura do ser ou non ser constitucional, non asimilou aínda os vertixinosos cambios que obrigan a redefinir ás súas estratexias, e segue ancorada no deseño que no ano 1994 fixera o Consello de Europa. América é distinta e a axenda de intereses bilaterais ten experimentado profundas mutacións.

Na nova axenda continental que chega do outro lado do Atlántico. Temas como: a pobreza, a cohesión social, as grandes infraestruturas que teñen que artellar a pendendida integración rexional, o comercio bilateral baseado en bases equitativas, a transferencia tecnolóxica, capacitación profesional, fortalecemento institucional, a suma de enerxías na procura dunha nova orde mundial multipolar… seguen ser recibir resposta nas sucesivas cimeiras.

Os diálogos, os cumios, as declaracións son oportunos e necesarios. Mais se non van acompañados de respostas ás demandas anotadas na axenda Latinoamericana, chegarán a Lima no 2008, con máis frustración, escepticismo e indiferenza.