20060513austria eu latin america summit

IV Cumio Eurolatinoamericano de Viena

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 IV cumio eurolatinoamericano de Viena, clic para aumentar
Se Evo Morales levantou a expectación e o interese previo que se depositou neste IV cumio, outra figura política emerxente se agrandou nas bambolinas do encontro Eurolatinoamericano de Viena. Trátase de Michelle Bachellet, presidenta de Chile, que foi posta como referente das relacións intercontinentais polo presidente da Comisión Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso.
 

Existe un consenso xeralizado en que a fluidez das relacións entre Europa e América Latina, non atravesan o seu mellor momento. Cando pesquisamos a opinión dos analiste, estes se dividen en dous grupos: os que consideran que, na verdade, nunca foron relevantes e os que coidan que poderían ser peores. Mais ninguén se atreve a facer un diagnóstico de boa saúde nas relacións birrexionais Europa-América Latina.

Nos últimos anos o interese europeo ten minguado sensiblemente por mor da atención que requiría a adhesión de dez novos socios. Tampouco axudou na visibilidade internacional do mundo latino de América, o feito que de o 11-s rachase as previsións que figuraban na axenda de prioridades internacionais, para escribir con trazos grosos o tema da Seguridade Internacional. Aínda aconteceu un feito engadido que contribuíu a escorar máis a atención prestada a LatinoAmerica, por mor de que a Declaración do Milenio que rescataba do esquecemento a situación dos países máis pobres de África e Asia para situalos como preferentes no campo da cooperación.

Na banda dos que esgrimen a importancia que tiveron os avances nas relacións intercontinentais, resaltando os acordos de Libre Comercio entre a Unión Europea e México ou Chile, dos que enxalzan a sintonía que se observa na visión dun mundo multipolar, ou dos que consideran un éxito que se paralizase a tendencia que levaba a redución das achegas comunitarias para a cooperación…, escasean os argumentos cando se constata que existe unha sensación colectiva de defraude mutuo e bidireccional.

Dende os ollos de Europa, América Latina aínda non foi quen de artellar unha Reforma Social, de establecer prácticas de bo goberno que reducisen substancialmente a corrupción , de avanzar nunha integración rexional que se debate visceralmente entre ambiciosas propostas contrapostas, mentres, esmorecen Asociacións históricas como a Comunidade Andina ou o Mercosur.

Máis negro se ve o panorama dende América cando se outean as relacións con Europa, que non cubriron as promesas-espectativas de axuda económica, que non conseguiron pechar compromisos políticos de alcance, que non favoreceron a inserción na política internacional do continente, que continúan restrinxindo o acceso ao mercados internacionais de importantes rubros, especialmente agrícolas dos países latinoamericanos, que tropezan coas barreiras insalvables da Política Agraria Común.

Salto cualitativo e cuantitativo que experimentaron as relacións birrexionais a mediados dos oitenta que xa teñen percorrido os cumios de Río, Madrid, Guadalajara, agora Viena e dentro dous anos, no 2008, en Perú. Todos eles serviron para definir os obxectivos comúns pero se fixaron prazos e metas a longo prazo, intanxibles aínda nesta cuarta rolda.

As 250 reunións bilaterais que mantiveron os ministros e xefes de Estado de 58 Gobernos estiveron en Viena, representando a dous bloques xeopolíticos de 500 millóns de persoas, evidenciaron que Europa non está en disposición de alzar a vista, nin de facer propostas ambiciosas, xa que permanece concentrada no embigo do seu ser o ou non ser, que está inscrito na Constitución aletargada e adiada.

Enfronte estaban os mandatarios Latinomericanos con visións ideolóxicas antagónicas, divididas e cambiantes sobre os modelos de integración rexional: Paraguai e Uruguai séntense incómodos nun Mercosur asimétrico. Venezuela entra no Mercosur e sae da Comunidade Andina. Cuba-Bolivia e Venezuela impulsan o Alba. Estados Unidos, Mexico, Perú… pronúncianse a favor do Alca (Acordo de Libre Comercio das Américas). Chile, Brasil e Arxentina manteñen as equidistancias e o equilibrios.

Neste contexto non había moita marxe para que nos 59 apartados da Declaración Final houbese espazo para grandes avances, que superasen os consensos nas boas intencións permanentes e o afianzamento dun marco multilateral nas relacións internacionais.

Se Evo Morales levantou a expectación e o interese previo que se depositou neste IV cumio, outra figura política emerxente se agrandou nas bambolinas do encontro Eurolatinoamericano de Viena. Trátase de Michelle Bachellet, presidenta de Chile, que foi posta como referente das relacións intercontinentais polo presidente da Comisión Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso: "Chile é un modelo nas relacións exteriores de Europa con América, debido ao incremento do comercio, á cooperación bilateral e ao diálogo político entre ambas partes". Ao tempo Bachellet, sentou as bases para unha relación estable e sólida con Venezuela que promove a petroasociación sudamericana, comandada por Hugo Chávez con quen mantén unha fluída e cálida relación persoal.

Dentro de dous anos en Perú, será o momento de comprobar se a Europa unida xa se decidiu a dar pasos sólidos cara ao Exterior, e se América Latina xa encontrou o seu modelo de integración rexional. Mentres queda, na conclusión para historia, unha longa declaración de principios na que se expresa o desexo dos participantes en seguir promovendo e reforzando esta Asociación Estratégica Birregional, que todos poderíamos subscribir. É pouco ou moito?