evo morales e garcia linera

Os infernos de Evo

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Ãlvaro García Linera e Evo Morales, clic para aumentar
Na ceremonia oficial da toma poder presidencial, coidada posta en escena para a alianza de clases que se pon en marcha. A nova etapa da refundación de Bolivia, vai estar dirixida por un goberno de síntese entre o poncho e a garabata, entre os mundos rurais e urbanos, intelectuais e campesiños, entre indíxenas e brancos. (Na foto, o presidente Evo Morales (á dereita) e o vicepresidente Álvaro García Linera).
 

Baixo a atenta mirada do engravatado vicepresidente Álvaro García Linera, que portaba un clásico traxe escuro, tomaba posesión o presidente electo de Bolivia, Evo Morales, ataviado cunha elegante chaqueta de alpaca escura, impregnada de elementos confeccionados con tecido andino (aguaio), deseñada con esmero pola recoñecida modista internacional boliviana, Beatriz Canedo, sobre inmaculada camisa branca, mais sen garabata.

Coidada posta en escena para a alianza de clases que se pon en marcha. A nova etapa da refundación de Bolivia, vai estar dirixida por un goberno de síntese entre o poncho e a garabata, entre os mundos rurais e urbanos, intelectuais e campesiños, entre indíxenas e brancos.

"Xa non podemos seguir chorando polos 500 anos, agora toca gobernar"; así iniciaba o seu mandato o 69 presidente da historia de Bolivia dende a súa fundación en 1825.

Evo mora na nube dun paraíso de popularidade situado no 74%. Pero a gloria pode ser efémera, se non atina a canear os infinitos infernos interiores e exteriores que se abren aos seus pes. Infernos entrelazados e dependentes que cohabitarán con el na refundación do país.

Os diaños da casa, xa familiares e coñecidos por todos como: o desemprego, a corrupción e a pobreza do 70% dos bolivianos, precisarán necesariamente dunha redefinición nas relacións cos demos externos: relacións coas compañías internacionais que explotan o gas, a saída ao mar por Chile, o cultivo da coca e a relación co narcotráfico mundial, a venta exterior de gas…

O novo goberno, composto por 16 ministros, dos que 14 son de orixe indíxena, e catro son mulleres, terá que abordar a convocatoria dunha asemblea constituínte que faga á transición cara á Segunda República, na que se deberá redefinir a articulación territorial do Estado e acomodar as tensións cos departamentos ricos da "Media Lúa" oriental. Quizais sexa esta a razón da inclusión de dous ministros de Santa Cruz, localidade que capitaliza o sentimento autonomista.

Conciliar boas relacións cos veciños amigos e, ao tempo, sortear infernos externos, vai ser unha das tarefas máis endiañadas que ten por diante o novo chanceler David Choquehuanca. Con Lula, Chávez e Kirchner, teñen as maiores afinidades, pero dáse a fatal coincidencia que son competidores netos do país do altiplano, que posúe as segundas reservas continentais de gas.

Aos seus irmáns maiores, así os nomeou no discurso presidencial, dirixiuse para solicitarlles que non exclúan das arterias da distribución do gas continental que trazaron Chávez, Lula e Kirchner a semana pasada co proxecto de gasoducto Venezuela-Brasil-Arxentina.

Os conflitos de intereses están ensarillados diabolicamente. Ao seu maior cliente, o país que goberna o irmán maior Kirchner, quere encarecerlle substancialmente o prezo do gas. O seu irmán maior Chávez vai fornecer unha boa parte dos 20.000 millóns de dólares necesarios para o gasoduto que levará o gas a Arxentina, por tanto, converterase no seu maior competidor enerxético. Co irmán maior Lula, cara ao que tivo as palabras máis cariñosas ao elevalo á categoría de mestre, ten o maior contencioso económico: a Petrobras, que explota o 45% dos recursos gasíferos bolivianos, vai ser a máis afectada pola redefinición da política enerxética local, que pretende retomar o control dos recursos naturais, deixando para as compañías estranxeiras o papel de socias do Estado.

Peor pintan as perspectivas cos outros grandes temas da axenda exterior: Chile e EEUU. Con ambos os dous, o novo goberno ten rebaixado o ton das declaracións, favorecendo a distensión. Con Lagos tivo a delicadeza de recibilo na súa casa particular, e comprometeuse a asistir á toma de posesión de Michelle Bachellet. Se abren novas expectativas entre veciños que disputan territorio costeiro e que non teñen relacións diplomáticas dende 1978. Hai tres meses que Chile tomou iniciativas de distensión como a facilidade burocrática nas aduanas, e a eliminación das taxas para o acceso de persoas e mercadorías bolivianas ao mar.

Con EEUU, todo son incógnitas. Diante da nova correlación de poder en América Latina, comezan a percibirse algúns signos en Washington sobre una nova estratexia máis flexible dende a chegada do subsecretario de Estado para Asuntos Hemisféricos, Tom Shannon, quen asistiu á toma de posesión de Morales, manifestando o seu desexo de colaborar co novo goberno.

Semella ben complicado conciliar coca, gas, goberno de esquerdas e boas relacións exteriores con EEUU. No tema da coca, aínda está por ver como Evo Morales vai compaxinar a paralización da política de erradicación das plantacións de coca e narcotráfico cero. O novo goberno xa encargou a expertos da UE un informe sobre o mercado mundial da coca para usos legais, para tentar compaxinar este binomio e disocialo do maligno trinomio: coca-cocaína-narcotráfico.

Saír do goberno polo propio pé ou pola forza dos votos na próxima elección presidencial, sen ter sido expulsado do paraíso aos infernos por un pobo boliviano desencantado, vai ser un reto ben complicado.

Como dixo o flamante chanceler aimara, David Choqueuanca, reflectindo a esperanza colectiva que o país está a vivir "Uka Jacha uru Jutasjiway". "O gran día chegou e estamos a velo". Compre pasar axiña da contemplación á acción. O novo goberno xa puxo as mans na obra. "Xa non podemos seguir chorando, é hora de gobernar".