acordos de dayton1995

Slobo, houbo un tempo…

Apartados xeográficos ARQUIVO Balcáns
Idiomas Galego
 Firma dos acordos de Dayton en 1995, clic para aumentar
Houbo un tempo no que as declaracións dos países comunitarios e dos EEUU, silenciaban a represión en Kosova, e defendían a vixencia da Carta París na que se establecía que logo da unificación alemana, non habería máisalteracións de fronteiras no Occidente. (Foto: Houbo un tempo no que o Stablisment internacional aplaudiu cando Milosevic, Tujman e Izebegovic, todos eles interlocutores recoñecidos solventes no escenario mundial, que xuntos acumulaban a responsabilidade de cifras de máis de 200.000 mortes violentas entre 1991 e 1995, se apertaban as mans nos acordos de Dayton en 1995).
 

Houbo un tempo en que Slobodan Milosevic gozaba de reputación na política internacional.

Houbo un tempo no que Milosevic, a quen hoxe só acerta a denominar como "O carniceiro dos Balcáns" cautivaba aos seus interlocutores máis acreditados e mantiña habituais negociacións con líderes como Felipe González, ou co enviado da ONU Richad Holbooke.

Houbo un tempo no que as declaracións dos países comunitarios e dos EEUU, silenciaban a represión en Kosova, e defendían a vixencia da Carta París na que se establecía que logo da unificación alemana, non habería máis alteracións de fronteiras no Occidente.

Houbo un tempo no que a CEE lle ofrecía a Belgrado, en maio de 1991, un tratado de asociación privilexiado para evitar a independencia dos seus membros. Un mes máis tarde James Baker, secretario de Estado Norteamericano ameazaba a Eslovenia e a Croacia con non recoñecer a súa independencia, por moi refrendendas democraticamente que estivesen, ao tempo que anunciaba bloqueos económicos.

Un tempo, non moi lonxano, no que unha parte da esquerda europea facía proclamas laudatorias a quen levaba anos afogando as liberdades individuais e colectivas do pobo Kosovar en pacífica resistencia activa.

Mesmo, houbo un tempo no que o Stablisment internacional aplaudiu cando Milosevic, Tujman e Izebegovic, todos eles interlocutores recoñecidos solventes no escenario mundial, que xuntos acumulaban a responsabilidade de cifras de máis de 200.000 mortes violentas entre 1991 e 1995, se apertaban as mans nos acordos de Dayton en 1995.

Agora a súa entraña morte ten proxectado unha morea de sombras sobre a equidade da xustiza internacional. Sombras que apareceron xa dende o mesmo momento do seu traslado ao TPII (Tribunal Penal Internacional para a Iugoslavia), acontecido en xuño de 2001. Tivera un prezo mercenario, que recibiu o executivo de Belgrado en profusas e xenerosas axudas internacionais e na posta en circulación de diñeiro negro occidental para comprar vontades de grupos organizados da delincuencia que colaboraron a tombar o seu réxime.

A desaparición de Milosevic, o cuarto prisioneiro que morre baixo a súa custodia dende 1998, deixa en estado crítico a credibilidade dunha xustiza internacional parcial.

Pero, na era post Milósevic o peor escenario de futuro se debuxa na propia Serbia, onde as embaixadas occidentais presentan cada día ringleiras de cidadáns na procura dun visado para fuxir da penuria dunha economía en estado crítico na que o desemprego se sitúa en taxas do 30%. Onde as esperanzas que chegaron aquel 5 de outubro de 2000, cando moitos serbios saíron para propiciar a caída de Slobo, caeron progresivamente na frustración.

Panorama que pode escurecerse aínda máis se non entrega ao xeneral Mladic antes do 5 de abril, a quen se lle atribúe a matanza de 7000 bosníaco-musulmáns en Sebrenica no 1995. A Unión europea ameaza con afogar as relacións económicas e con suspender as negociacións para asinar un acordo de asociación con Serbia, que abra o horizonte dunha posible adhesión a 15 anos vista.

O soño da grande Serbia que representou Milosevic, pervive aínda na maioría dos cidadáns desta república. Vivirán unha nova frustración colectiva co novo estatus internacional que se está a negociar para Kosova, terra que sempre foi referente relixioso, histórico e cultural de Serbia.

O ultimo eslavón da fiel Montenegro, vaise perder en maio cando os cidadán respondan á pregunta do referendo convocado polo parlamento o 2 de marzo. ¿Desexa vostede que a República de Montenegro sexa estado independente con plena lexitimidade conforme ao dereito internacional?

A resposta positiva significará unha nova alteración de fronteira que non previa nin quería Occidente. Tamén no caso de Montenegro se equivocou a diplomacia internacional: O sentimento de independencia en Montenegro reforzouse tras da caída de Milosevic en Outubro de 2000.