20060715 corpos 18 civis 9 nenos hospital tyre

A macabra ofensiva israelí

 Civís mortos por bombas israelís, clic para aumentar
Esta desproporcionada demostración de forza constitúe un acto de guerra non declarada oficialmente, probablemente coa finalidade de remodelar o mapa xeopolítico de Oriente Medio. Este semella ser o plan deseñado por Olmert dende a súa chegada ao poder en marzo pasado, e que se completa cunha estratexia de acoso cara os que considera os seus inimigos: o movemento palestino Hamas e o seu aliado libanés, Hezbollah e, indirectamente, Siria e Irán. (Foto: Os corpos de dezaoito civís, entre eles nove nenos, mortos por un bombardeo israelí, xacen no hospital de Tyre).
 

Palestina, Líbano, Siria… e, por que non, Irán? Semella notorio que a acción militar do goberno israelí de Ehud Olmert principiada hai dúas semanas en Gaza está a piques de provocar unha guerra a grande escala en Oriente Medio, dentro da conxuntura política e militar máis álxida, probablemente dende o conflito bélico de 1973.

Tendo en conta o actual panorama, Israel utiliza como pretexto os seus esforzos por liberar a soldados israelís secuestrados por milicias islamitas tanto en Palestina como no Líbano, para convertelo nunha ilóxica xustificación que permita adiantar unha ofensiva militar na que se albiscan intencións de querer forxar fronteiras definitivas e innegociables cara os seus veciños árabes. Capitais como Beirut e Damasco están agora no centro de atención da ofensiva militar israelí.

Esta desproporcionada demostración de forza constitúe un acto de guerra non declarada oficialmente, probablemente coa finalidade de remodelar o mapa xeopolítico de Oriente Medio. Este semella ser o plan deseñado por Olmert dende a súa chegada ao poder en marzo pasado, e que se completa cunha estratexia de acoso cara os que considera os seus inimigos: o movemento palestino Hamas e o seu aliado libanés, Hezbollah e, indirectamente, Siria e Irán.

O impacto rexional

No camiño quedan marcadas as consecuencias deste plan: o cerco á poboación palestina en Gaza; matanzas de familias enteiras e outros tantos civís; a destrución de infraestruturas nestes territorios; unha renovada invasión militar no sur do Líbano, con ataques directos no aeroporto de Beirut e para posicionarse militarmente fronte a Hezbollah. Elementos que en conxunto transmiten a sensación de estar diante dunha "declaración de guerra non oficial" por parte de Tel Aviv.

Todos estes son exemplos dunha acción tan unilateral como impune e indiferente cara o dereito internacional e as críticas da opinión pública ou os organismos internacionais. Obviamente, Tel Aviv actúa confiado no ilimitado apoio de Washington, vetando calquera declaración contra de Israel no Consello de Seguridade da ONU e manifestando que Israel "ten dereito a defenderse", tal e como declarara Bush en Berlín, xunto á chanceler alemá Ánxela Merkel.

Con este panorama, Olmert enterra definitivamente todo tipo de negociación directa ou indirecta con Hamas, apoiado polo beneplácito estadounidense e a indolencia europea, pretende provocar un cambio abrupto no mapa xeopolítico. Algunhas reaccións semellan favorecer esta estratexia: Xordania acaba de manifestar publicamente as súas diferenzas con Hamas e ameazou con accións punitivas contra deste movemento no caso de que se utilice territorio xordano como plataforma de ataque a Israel.

Mentres, os gobernos de Exipto e o Líbano amosan unha fráxil e inoperante actitude, incapaces de formular algunha reacción conxunta cara Israel, probablemente disuadidos polo apoio estadounidense a Tel Aviv e a superioridade militar israelí. Consecuentemente, co recente atentado terrorista na India, e de cara ao cumio do G8 en San Petersburgo, ningunha das principais potencias semella estar disposta a actuar firmemente sobre o que acontece en Oriente Medio.

Os riscos

Pero tamén existen riscos de consideración para Olmert, quizais fortalecido polo pleno apoio de Washington á súa política. Hezbollah intenta fortalecer a súa posición no sur do Líbano, apoiando a Hamas e esperando a presumible reacción favorable, ao menos dende o punto de vista político, dos seus aliados tradicionais Siria e Irán.

A pesares de que o terrorismo ven sendo unha ameaza constante para o Estado israelí, a súa política actual pode espallar un efecto contraditorio manifestado en maiores atentados contra obxectivos israelís mesmo no exterior, por parte de organizacións rexionais vinculadas ao terrorismo global.

Está Oriente Medio abocado a unha conxuntura de guerra total? Estará Israel preparando un conflito aberto cos seus inimigos tradicionais, Siria e Irán, Hamas e Hezbollah? Serán Palestina e o Líbano os escenarios deste novo conflito bélico? Todo son preguntas e incertezas.