20060828 turquia atentado en antalya

Falcóns da Liberación do Kurdistán

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Atentado en Antalya, clic para aumentar
A serie de explosións en Istambul revela varias claves da actual situación no Kurdistán turco e Turquía. Inicialmente, os atentados van dirixidos directamente cara o goberno islamita de Recep Tayyip Erdogan en Turquía e, indirectamente, cara a Unión Europea, cuxo tratamento da problemática kurda revela intencións de esquecer e ocultar este conflito. (Foto: Atentato en Antalya, cidade turística do Sur de Turquía, o 28 de agosto de 2006).
 

Unha serie de explosións contra obxectivos turísticos en Istambul e Marmaris, con saldo de tres mortos e unha vintena de feridos, reaviva abruptamente a ameaza terrorista en Turquía e, indirectamente, en Europa. O grupo que asumiu o atentado tamén resulta novo para a opinión pública: os Falcóns da Liberación do Kurdistán, considerado polas autoridades turcas como unha tapadeira do ilegal Partido dos Traballadores do Kurdistán, PKK.

A serie de explosións en Istambul revela varias claves na actual situación do Kurdistán turco e en Turquía. En primeiro lugar, os atentados van dirixidos directamente cara o goberno islamita de Recep Tayyip Erdogan e, indirectamente, cara a Unión Europea. Nestes dous casos, a problemática kurda semella esquecida, tanto nas promesas realizadas por Erdogan de solucionar o conflito (autodeterminación para o Kurdistán), como nas prioridades de Bruxelas ao colocar os problemas de Chipre e o xenocidio armenio como condicionantes á hora de iniciar as negociacións da eventual admisión turca na UE.

En segundo lugar, a utilización de obxectivos turísticos e as súas consecuencias para a economía turca demostra cómo este móbil de acción resulta efectivo para calquera movemento terrorista. Como en Exipto e Xordania coas organizacións terroristas islamitas, os grupos armados kurdos centran a súa atención no potencial turístico turco. Neste derradeiro atentado, a maioría das vítimas e feridos eran de nacionalidade británica.

En terceiro lugar, está por verse cómo este atentado está conectado e provoca un efecto colateral dentro da puxa, entre a poderosa casta militar turca e o goberno de Erdogan, relativa ao tratamento do problema kurdo e a posible invasión militar turca ao Kurdistán iraquí, tal e como evidenciaran en maio pasado cos exercicios fronteirizos conxuntos na fronteira turco-iraniana co Kurdistán iraquí.

Tanto Ankara como Teherán acusan ao goberno autonómico de facto no Kurdistán iraquí de permitir e salvagardar grupos armados kurdos tanto de Turquía como de Irán. Unha acción militar conxunta nesta rexión desastibilizaría as delicadas tensións rexionais e complicaría o convulsionado panorama iraquí. Unha recente e inesperada mudanza na alta cúpula militar revela tamén estratexias neste sentido.

Existe unha cuarta razón, exemplificada na situación interna dentro dos kurdos en Turquía. As esperanzadoras reformas formuladas por Erdogan coa súa vitoria no 2002 enfocaban unha maior autonomía para os kurdos, amparadas tamén polo control militar cara as operacións do PKK e a especulación de que a súa cúpula calculaba deixar as armas e iniciar o debate político.

Antes do atentado desta semana, un anuncio similar do PKK deixaba entrever que este cese aos combates (diminuídos trala captura do seu líder Abdalah Oçalan en 1999), semellaba case definitivo. Velaí as especulacións de que o grupo dos Falcóns pola Liberación do Kurdistán corresponda a unha escisión na rama militar do PKK, oposta a este posible cambio de estratexia.

En todo caso, estes atentados permiten intuír a necesidade de retomar a atención cara ao problema kurdo non só en Turquía senón nos países veciños, nun momento sumamente delicado para o goberno de Erdogan. Existe un desencanto paralelo entre os turcos polos constantes freos europeos á admisión e entre os kurdos pola paralización das súas demandas.

Do mesmo xeito, o auxe do antiamericanismo e o avance dos grupos de extrema dereita e islamitas radicais complican o panorama para Erdogan.

Non é unha solución doada, máxime cando Turquía e Europa tentan ocultar un problema cada vez máis visible.