O discurso papal de Ratisbona pode determinar un perigoso punto de inflexión nas delicadas relacións entre o Vaticano, como principal representante institucional da fe cristiá, e o mundo musulmán. (Foto: Bieito XVI no encontro cos representantes da ciencia no Aula Magna da Universidade de Ratisbona o 12 de setembro de 2006).

O erro papal

Resulta un tópico comunmente aceptado aquel que argumenta que toda persoa posúe un lexítimo dereito a expresar as súas opinións, por polémicas que sexan. Pero tamén é necesario recalcar que este lexítimo dereito debe posuír un marcado sentido da prudencia e da ponderación.

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego

O discurso do Papa Bieito XVI en Ratisbona, citando un diálogo bizantino do século XIV que sinalaba o carácter violento do Islam, navega por un terreo tan nebuloso como delicado. Aínda é prematuro considerar se este discurso corresponde ao pensamento persoal de Joseph Ratzinger sobre os Islam ou á versión institucional vaticana. En todo caso, a opinión, o escenario e o momento na que se emite marcan un claro sentido de imprudencia e incomprensión.

Como a polémica suscitada a principios deste ano entre Europa e o mundo islámico polas caricaturas de Mahoma publicadas nun diario danés e reproducidas en varios xornais europeos, o discurso papal de Ratisbona pode determinar un perigoso punto de inflexión nas delicadas relacións entre o Vaticano, como principal representante institucional da fe cristiá, e o mundo musulmán. Velaí a gravidade destas palabras, enunciadas publicamente durante unha visita papal, cousa que lle confiren un carácter institucional.

Diversas opinións occidentais critican a desproporcionada reacción no mundo musulmán ante estas palabras papais. As repercusións deste discurso provocaron violentas manifestacións en Paquistán e os países árabes, o asasinato dunha relixiosa católica en Somalia e ataques a igrexas cristiás en Iraq e Palestina. Incluso Al Qaida aproveitou esta conxuntura para anunciar unha "guerra santa" contra o Vaticano, cálculo exacto que xustificaría a súa estratexia global contra os "cruzados e os xudeus".

Dende unha perspectiva política e institucional, o titular do Directorio de Asuntos Relixiosos de Turquía, Ali Bardakoglu, e o presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad, aceptaron as posteriores desculpas do papa Ratzinger, pero sen esquecer as súas lexítimas críticas relativas ás razóns que podería ter o Papa en expresar estas palabras dirixidas unicamente contra a relixión de Mahoma. No caso do presidente iraniano, o pulso amplíase cara a relixión xudaica, trala apertura dunha exposición en Teherán que ridiculiza o Holocausto.

É de resaltar que sexan precisamente Turquía e Irán os países que se preocupen por reducir as tensións no mundo islámico sobre as palabras do Papa. Ambos países constitúen piares básicos no proxecto de Alianza de Civilizacións promovido por Zapatero. Tanto o antecesor de Ahmadíneyad, Muhammad Khatami, como o actual primeiro ministro turco, Recep Tayip Erdogan, defenden a tese do diálogo de civilizacións.

No caso turco, o asunto é aínda mais relevante diante da futura visita papal a ese país, prevista para novembro próximo e que constitúe a primeira que realiza o máximo representante vaticano a un país musulmán, neste caso un posible futuro membro da Unión Europea e considerado por Occidente como modelo de simbiose laica e relixiosa.

O imprudente discurso papal revela cómo a relixión, concibida como elemento de identidade civilizacional, segue a constituír un factor de influencia nas relacións internacionais e na socioloxía do poder. Nun momento no que se intenta consolidar un proxecto de Alianzas de Civilizacións e tomando en conta que na Europa cristiá conviven 15 millóns de musulmáns, as palabras do máximo representante vaticano enfócanse totalmente fora de contexto.

Na Santa Sede aínda non se fixo unha desculpa oficial polos crimes das cruzadas e outras humillacións históricas ao Islam. En diversos sectores do mundo islámico segue a verse ao Vaticano como unha ameaza á súa civilización. Pode que Samuel Huntington teña algo de razón.