20060608 bagdad rolda prensa morte alzarqaui

Al-Zarqaui, unha vez máis

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Rolda prensa morte Al-Zarqaui, clic para aumentar
Tanto Bush como Blair tiveron certa precaución de non falar dun grande éxito na súa loita contra o terror, pois saben ben que a morte do xordano non fará cambiar nada nesta guerra. Eles saben ben, por máis que non o digan ou traten de ocultalo, que o principal motor da violencia no Iraq, como escribiu Jeffrey White, especialista americano en información, "é a insurrección que é dominada por elementos do réxime deposto polos invasores, polos rebeldes e polos nacionalistas". (Foto: Rolda de prensa en Bagdad para comunicar a morte de Al-Zarqaui o venres 8 de xuño de 2006).
 

Alguén tan ben informado como Robert Fisk escribe que a morte do xordano "non variará o máis mínimo a carnicería que está tendo lugar en Mesopotamia". E está convencido, como outros moitos, de que se trata dunha lenda en boa parte fabricada por Bush e Blair, porque así lles conviña a fins de propaganda. E porque lles servía para apoiar a tese, falsa, das relacións de Saddam Hussein con Al Qaeda.

Outros pensan que Al-Zarqaui non pesaba moito na realidade. Rosemary Hollis, experta no Oriente Medio do Institut Chatham, de Londres, escribiu: "Os americanos fixeron de Al-Zarqaui o inimigo número un por unha razón: atribuír a Al Qaeda máis cousas das que esta era verdadeiramente responsable". E James Denselow, experto do mesmo Instituto, di que o xordano "era unha mensaxe tan só para uso dos americanos e do público occidental".

Le Monde, do día 9, sinalou que a pequena vitoria da eliminación de Al-Zarqaui é ben pouca cousa en comparanza cos éxitos que tivo, entre os que salienta a verdadeira guerra civil que hoxe hai no Iraq, chegando a manter que estableceu unha semente moito máis preocupante para os gobernos de Washington e Bagdad que as mortes de soldados e policías. Porque é moi dubidoso, pensamos nós, que ese éxito sexa só do xordano, senón máis ben do conxunto de forzas de oposición aos invasores.

Tanto Bush como Blair tiveron certa precaución de non falar dun grande éxito na súa loita contra o terror, pois saben ben que a morte do xordano non fará cambiar nada nesta guerra. Eles saben ben, por máis que non o digan ou traten de ocultalo, que o principal motor da violencia no Iraq, como escribiu Jeffrey White, especialista americano en información, "é a insurrección que é dominada por elementos do réxime deposto polos invasores, polos rebeldes e polos nacionalistas".

Como ben escribe Robert Fisk, a morte de Bin Laden non afectaría aos intereses de Al Qaeda agora que se consolidou como o seu creador e fundador. E a de Al-Zarqaui tampouco, por razóns semellantes: ao día de hoxe a insurxencia segue de seu un camiño ascendente, adquiriu vida propia e ninguén pensa que se combate eliminando a eses dous líderes. Outra cousa é que interese facelo por motivos de propaganda. Unha vez máis a primeira vítima da guerra é a verdade.