20040312 boeing 737 7et bbj toni marinom 0798841

EEUU, Europa, os vos da CIA

 Boeing 737-7ET BBJ N313P, clic para aumentar
O descubrimento dos vos da CIA foi posíbel pola grande cantidade de erros cometidos, a supervivencia das súas víctimas, e a curiosidade dos fotógrafos e amantes da aviación e a existencia dos dereitos humanos. Agora, despois da descuberta de toda a rede de secuestros e entregas extraordinarias, sen o debido procedemento legal, os estados europeos tamén se ven imputados e manchados. (Foto: Boeing 737-7ET BBJ con número de rexistro N313P despegando do aeroporto de San Joan de Palma de Mallorca o 12 de marzo de 2004. Este é un dos avións involucrados nos voos secretos da CIA. ©Toni Marimón).
 

Os mediadores americanos e europeos, reuníronse en Viena para afinalo dereito internacional ó son dos propios intereses, e continuar así dentro dun novo marco a "loita contra o terrorismo". Nesa reunión do día 21 de xuño, ós europeos non lles conviña sacar a colación os polémicos vos da CIA, nin dos controvertidos métodos usados polos seus aliados americanos para combatelo terrorismo. As razóns para tal mutismo, eran en primeiro lugar, a necesidade de traballar globalmente nunca estratexia conxunta da enerxía.

A cuestión enerxética é como ben sabemos todos, o tema estrela da actualidade non só cando se enchen os depósitos dos nosos coches. Outros movementos estratéxicos, como as actividades empresariais de Endesa, Gas natural, ou EON, a polémica do retorno á enerxía nuclear, ou os conflitos gasísticos dos países europeos do leste con Rusia, son tan só a punta do iceberg, do que será a batalla por estar na cabeceira do mundo no século XXI.

No intre, tanto os EEUU como a UE consumen xuntos o 40% da enerxía mundial, cunha particularidade: os EEUU dobran á UE en termos de consumo per cápita de enerxía. E por iso, sendo os máximos responsables do consumo enerxético do planeta, e os máximos interesados no control deses potenciais recursos, obrigan a que por un lado os seus países satélites colaboren, e en concreto dende o punto de vista americano, cómpre que os aliados non figuren tan só no papel, senón que se impliquen na estabilización dos conflictos que son as chagas abertas que desangran tanto á comunidade internacional como ós países en conflicto.

De aí que polo tanto, a participación nos conflictos de Iraq, Afganistán, o inacabable conflicto Palestino/Israelí, ou exercer presión no entorno de influencia de Rusia, en concreto Bielorrusia, sexan deberes obrigados.

Non obstante, no cumio entre os americanos e europeos, si podían en troques saír á luz outro tipo de recriminacións. As denuncias sobre a situación do cárcere de Guantánamo, debían ser expresadas con claridade, porque Guantanamo é un problema exclusivamente americano, mentres que os vos da CIA, eran pola contra, un asunto europeo.

Aínda que os polémicos vos irregulares, viñan motivados no fondo, por prácticas irregulares de loita contra o terrorismo dos veciños trasatlánticos, os mandatarios europeos tiñan moito que perder. Esa é a razón pola cal a presidencia da Unión Europea, non quixo introducir o problema dos vos irregulares. Os servizos secretos europeos operaron con total impunidade en Europa, e colaboraron cos seus colegas americanos á marxe do estado de dereito, tal vez, incentivados polos ataques terroristas en países europeos.

O problema, foron a grande cantidade de erros cometidos, a supervivencia das súas víctimas, e a curiosidade dos fotógrafos e amantes da aviación e a existencia dos dereitos humanos. Agora, despois da descuberta de toda a rede de secuestros e entregas extraordinarias, sen o debido procedemento legal, os estados europeos tamén se ven imputados e manchados. Serán, a partir de agora aínda máis profundamente identificados no mundo árabe, como aliados americanos na "guerra contra o terror", e nas nosas casas, a desconfianza nos nosos líderes, e no resto dos europeos, vese agrandada.

Europa, que debe ser entendida como a suma de Estados, deu pé a unha nova decepción, e por tanto son comprensibles os desencantos. O respecto ás normas dos dereitos humanos, que tanto se vanglorian as institucións europeas de promover, unha vez máis quedou en evidencia. E todo, porque á hora da verdade, todos se aliñan ó toque da corneta americana.